Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os touros ibéricos de Alberto

miércoles, 17 de noviembre de 2021
Alberto Sánchez é un dos escultores españois máis destacados do século XX, e isto non é unha aseveración miña, senón avalada por xente ás que se lles supón coñecementos na materia que concirne á escultura. Incluso é considerado como un dos impulsores da renovación artística que tivo lugar no noso país entre os anos 1920-1930. E ata aquí chego porque non é preciso continuar, bo si, só engadir que Alberto era comunista, e iso non lle lo perdoan algúns e algunhas que ven no escultor escuras mensaxes ideolóxicas que perturban a paz dos ben pensantes. Parece mentira.
Os touros ibéricos de Alberto
Pois ben, Alberto fixera doazón á cidade, a través do Ateneo ferrolán, dunha das súas últimas esculturas: "Os touros Ibéricos" que en principio situouse nunha pequena zona axardinada nun dos laterais da Praza de Armas. Despois da remodelación deste espazo urbano, colocouse nun lugar aberto máis á vista dos viandantes, o que supuxo ter "os touros" máis expostos á lidia dos descerebrados de quenda, que habelos segue habéndoos... e foron a por eles.

Houbo comentarios solidarios rexeitando o vandalismo, pero outros sen chegar a facelo abertamente, chamaron a atención pola súa posición non disimulada a considerar esta escultura como cousa menor artisticamente falando, dicindo cousas como que o autor non era Miguel Anxo e non se perdera gran cousa, etc, etc.

Mal andamos cando non somos quen de discernir a arte da ideoloxía, cando nalgunha xentiña a tendencia ideolóxica do artista supera o valor intrínseco da súa obra. É como se uns vándalos estragan imaxes relixiosas en San Xiao e pasamos a dicir que, bo, as imaxes non eran de Gregorio Hernández nin San Xiao a Catedral de Santiago. E non se trata tampouco do valor artístico e material da obra, senón dun acto feito co gallo de causar un dano a unha escultura que foi un agasallo dun artista á cidade de Ferrol e guste máis ou agrade menos debe ser respectada. Eu intúo, ou quero intuír, que o ataque aos "Touros Ibéricos" foi unha canallada de xente ruín sen máis. Non ten sentido andarlle buscando os tres pes ao gato, malia haber xente que lle gusta entrar nestas polémicas, só co ánimo de polemizar, xa que na polémica atopan acubillo.

Agora tan só cabe esperar que o Concello de Ferrol reforce axeitadamente a escultura na súa base de pedra, e volva a situala no espazo destinado para ela na Praza de Armas, un espazo público para o que foi doada polo autor. Sabemos que as cousas de pazo van de vagar, pero o desexable é que vaian malia que sexa paseniño.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES