Que bonito é viaxar
Veiga López-Castelo, Pablo - jueves, 07 de agosto de 2008
Chega o período estival. Uns collen vacacións, outros estamos agardando por elas. Buscamos destinos que se axeiten ás nosas posibilidades, ou non. Dice que hai crise, parón económico, dificultades, ralentización. Que máis dá a terminoloxía utilizada.
Os prezos elevados, soben as hipotecas e os gastos correntes. Non se atisba un futuro inmediato moi positivo que digamos.
Pero, aínda así, gústanos viaxar. Aproveitar eses días que temos libres e facer algo diferente para saír da rutina. E que mellor que unha escapada. O destino?. A ver; se somos clásicos, un lugar de praia, sol garantizado. Analizamos as ofertas que as axencias promocionan e decidimos. Temos o Mediterráneo español, as Canarias. Se a nosa carteira nolo permite, podemos escoller como meta turística unha cidade europea distinguida pola súa beleza cultural, monumentística, a súa carga histórica. Quen rexeita a posibilidade de pasar unha semaniña en París, Roma, Londres, Praga ou Berlín?...
Se somos algo máis atrevidos, a opción das longas viaxes; dende cruzar o charco hacia o novo mundo ata zonas do planeta nas que atoparemos realidades moi diferentes ás nosas. Certamente, sobran alternativas, se hai cartos, claro está. Para cada caso existe a súa viaxe.
Podemos organizar excursións ás praias da Mariña, por exemplo. Quen pode negar a beleza dese entorno. A San Andrés de Teixido, que van os mortos se non foron de vivos-. Pero se temos festas e feiras de todo tipo por Galicia adiante. E paisaxes bonitas, sobran: O nacemento do Miño en
Fonmiñá ou no Pedregal (que non se me enfade ninguén), a súa desembocadura na Guarda. As lagoas de Cospeito. Os Ancares. O Caurel. A Costa da Morte. Non sigo, porque non dou parado. Quen non se namora deste precioso país, quen!. Imposible.
Nos últimos tempos, os medios de comunicación non paran de falar doutros homes e mulleres e tamén nenos e nenas, inclusive meniños- que moito lles debe de gustar iso da mobilidade xeográfica. Moi paseantes parecen. Esta xente non adica unha parte do seu presuposto para esta viaxe, senón que destina a totalidade dos seus cartos, tendo que recorrer a préstamos para facer fronte ó gasto que supón o seu periplo.
Utilizan variados medios de transporte, a saber, válense das súas pernas, en camello, vehículos escangallados. Iso, por terra.
Poden ser trinta, cen, douscentos ou catrocentos quilómetros; depende. A alimentación, corre pola súa conta. O aloxamento nas paradas técnicas, ídem. E logo, os medios marítimos. Hai que lanzarse ó mar. Faltan aínda moitas millas por diante.
Nosoutros, os do primeiro mundo, temos os cruceiros que realizamos en barcos que son como cidades flotantes, con todo tipo de comodidades. Pero estes aventureiros non; eles son diferentes. Non che van nesas lanchas rápidas que usan os narcotraficantes, diso nada. Seica lles chaman cayucos ou pateras. Son de madeira, teñen un motorciño cun capitán encargado de pilotar. Van descubertas, así non teñen que botar man do aire acondicionado; se chove, poden utilizar a auga para lavarse e beber. Van tódolos pasaxeiros ben xuntos, así aproveitan a calor humana contra o frío. Se alguén morre, pois lánzase ó mar. Que mellor lugar para descansar eternamente. E cando chegan ó seu destino final, que recibimento. Agárdaos a Cruz Vermella, a Policía. Axúdanlles a baixar con moito coidado, se están enfermos, tratan de curalos. Atenden os meniños. Facilítanlles mantas, alimentos. Igual pasan unha temporadiña nalgún centro de acollida. A travesía non sería moi cómoda, pero agora, na terra prometida, alomenos, unha sopiña quente han de tomar. Veñen varios mortos, un bebé entre eles, dúas rapazas embarazadísimas que, cun pouco de sorte, traerán os seus descendentes nun hospital, rodeadas dos medios materiais, técnicos e humanos necesarios para que ese parto saia ben. No hipotético caso de que haxa que regresar ó punto de partida, non hai problema. En avión. Chámaselle deportación, pero en tres horas están na casa. Que contraste, a ida, un mes. A volta, un día, escaso. E canto terán que contar a familiares e veciños.
Que bonito é viaxar, adquires coñecementos, experiencias, dáche outras perspectivas, relaciónaste con persoas moi distintas en lugares complementamente opostos á túa de orixe. Cando viaxas, disfrutas por partida tripla. Primeiro, nos preparativos. Logo, durante toda a viaxe. E por último, cando se regresa ó punto de partida e se contan as peripecias. Que apaixoante. Que lles pregunten ós novos viaxeiros do século vinteun, homes, mulleres e meniños de pel negra, oscuro presente e incerto futuro.
Pregúntenlles e xa verán como lles din o que significa viaxar.

Veiga López-Castelo, Pablo