Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (3)

jueves, 18 de noviembre de 2021
Os heroes, as heroínas, da lingua

Hai supermáns e superwomans, hai súper homes e súper mulleres, tamén súper rapaces, súper rapazas, incluso súper meniños e meniñas. Xente que decidiu que mentres eles e elas anden por aquí a lingua falarase e escribirase, lerase, cantarase e recitarase. Son os heroes da lingua, os que se ergueron para non deixala caer. Coas brazos en alto sostéñena coma se sustentaran as columnas do ceo.

Si, xa sei que as cousas non funcionan así, que se di que ninguén se apunta a un fracaso, que ninguén colecciona derrotas... que o mellor é que as cousas fluíran de forma natural, sen ter que declarar o amor nin asinar compromisos, pero levamos tempo falando de normalización e non se dá normalizado nada, séculos dicindo dunha maneira ou outra "ámote" e casándose sen que moitos queiran deixar de facelo, así que, por que non facer o mesmo pola lingua? Por que non empeñarnos en exercer a resistencia? Ela precísao e nós estamos nas horas de construír cidadanía comprometida e responsable, de mostrar co noso exemplo que é posible encher o mundo de palabras nosas, amosar unha lingua viva e disposta a resistir en todos os ámbitos.

Por veces, cando atopamos algún pequeno falando galego detémonos, miramos con agradecemento aos que o acompañan e dannos ganas de repartir abrazos. Tamén é certo que o pesimismo nos ennegrece o horizonte e inmediatamente pensamos cando vai durar falándoo, cantas miradas estrañas terá que aguantar, canto acoso, canta desconfianza... por que vai ter que sentirse raro falando a lingua da terra na que vive? O raro debería ser o outro e non el, pero o absurdo está instalado, a mentira campa ás súas anchas e andamos por un mundo ao revés no que os altos son baixos e os gordos fracos. Esa nena que dende o carriño fala galego é unha flor de invernadoiro, un ser en perigo de extinción, unha planta que precisamos salvagardar para curar a enfermidade que nos destrúe. En Cien años de soledad, hai un momento no que un personaxe perde a memoria, ten que escribir o nome das cousas para poder "dicilas" e ata ten que explicar, a modo de "isto é leite, dáo a vaca e almorzámolo con café, chamámoslle café con leite ao que tomamos na cunca". A enfermidade do esquecemento, a de deixarse ir, a de non pensar na consecuencia dos nosos actos, a de abandonar unha fala, a de non denunciar que quen a tiña que coidar a desampara e aínda a trata con desleixo, a de manifestar que quen vive á súa conta non a coida.

O profesorado de galego quere ser coma o outro, non levar bandeira nin adhesivo; seica está mal visto ter unha ideoloxía que vaia contra o poder e a vulgaridade, seica quere falar sobre todo de gramática para non ter que enfrontar a situación e incluso non se para na literatura porque ela esperta sentimentos e, queremos ciencia, queremos legalidade, queremos ir cos da feira e volver cos do mercado, queremos non ter que definirnos, non ter que quitar o veo da falacia e do fake news. Xa os marxistas falaban de alienación, de votar contra nós mesmos, de defender ao amo que che explota, de bicar a man que che dá caridade en vez de xustiza, de pegarnos para que ninguén teña que facelo.

Os heroes están escasos, ninguén o quere ser senón é nos mangas xaponeses ou nas películas americanas. Por iso hai que saír a buscalos, ver quen mudou, quen desenvolveu capacidades sobrenaturais, quen está disposto ou disposta a dar a batalla pola lingua, a crear un exército pacífico de resistencia que mire ao horizonte sen medo a ser derrotado, porque os perdedores tamén son personaxes, personaxes moi atractivos, por certo.

Que non nos dea medo perder. Xogamos á lotería coa esperanza de ganar pero a estatística dinos que as posibilidade de malgastar os cartos é moi alta, aínda así, mercamos o boleto e cargamos a ilusión.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES