Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Orfeón Treixadura

jueves, 07 de agosto de 2008
Este ano reeditáronse varios cancioneiros da música popular galega: o de Casto Sampedro e o de Martínez Torner e Bal y Gay.

Ambolos dous, xunto co de Schubarth-Santamarina, constitúen a aportación etnomusicolóxica máis importante do século XX en España. Músicos nacidos en países distintos do noso recolleron temas do cancioneiro galego para as súas composición. Fomos fonte de inspiración para afamados compositores. Esta afirmación, que non é gratuita, confirma a existencia dun patrimonio descoñecido e ignorado por moitos sectores do pobo galego. Porque sobre a nosa música popular caeu a lousa da marxinación, do vituperio e a ignominiosa actitude dalgúns medios de comunicación públicos que pretenderon arrombar a nosa tradición musical popular contrapoñéndoa á faqueña, agresiva e colonizadora “movida”. Isto aconteceu na década dos oitenta. Daquela, unha radio pública emitía con profusión unha cuña publicitaria de calculada agresividade: “Deixémonos de gaitas.Galicia aposta pola modernidade”.

Malia estas agresións á nosa tradición musical ten futuro. Abeiradas as mixtificacións e o culto ás mestizaxes, que tiveron pouco éxito, nos últimos anos estamos a vivir un momento importante para a recuperación da nosa música popular, e tamén para alentar a querencia da mocidade, que está sometida ao boureo dos medios audiovisuais que programan músicas foráneas.

Dos moitos e bos grupos de música tradicional que hai no País chámanos a atención “Treixadura”, conxunción de gaitas e orfeón. O xuntoiro non pode ser mellor. Porque cantigan ben, ademais. Esa combinada harmonización da música instrumental e canto coral conecta co noso cancioneiro popular, conseguindo atraer a atención e a emoción dos que os escoitan. Hai dous anos que gravaron un disco con fermosísimas composicións. A enxebreza e xenio interpretativo, expresado nunha lingua chea de matices e recursos, conseguen un estilo propio. Voces que transmiten o lirismo e a ledicia da cantiga popular en conxuntadas e harmoniosas escalas. Retrousos do orfeón enfatizando o verso que provocan arroubo no público ao cantar a saudade (“o que nunca estivo lonxe/non sabe o que é padecer´e/ de lonxe as penas aumentan/ para quen sabe querer´e”); melodías vellas que espertan a emotividade do amor (“Se chove deixa chover´e/ se orballa deixa orballar´e/ que máis que chove e vente/de ti non me hei de apartar´e”).

Conseguen, ali onde lle cómpre ao texto, unha música con ritmo acaído, e fáno con fidelidade ás nosas fontes, atopando melodias doces, pletóricas e sentidas, como eran as interpretacións de Faustino Santalices ou as dos orfeóns galegos, que houbo bos, ademais. Estas agrupacións de voces masculinas chegaron a ter moita sona na nosa terra, e había moita rivalidade entre eles. Mesmo se daba o caso de andárense a roubar o “matiz”, esa peculiaridade do estilo que os singularizaba do resto. “Treixadura” téno. Inimitable, ademais. Porque foron quen de crear un xeito peculiar de interpretación, bordando a partitura, capaz de provocar e acender o ánimo e a exaltación do espírito galego que aniña na tribo que somos. A súa música non deixa indiferente ao auditorio composto por vellos e mozos, que atopa nese ambiente un espazo para recrear a nosa conciencia de pobo con cultura de seu. O grupo de gaitas e orfeón “Treixadura” fai que coas súas concorridísimas actuacións, as festas como espazos do lecer colectivo que son, se convertan no crusol no que fermenta a galeguidade que precisamos. Mil festas máis para a lingua galega.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES