Pistoleiro Covarde
Son as catro da tarde e estou escondido detrás dunha simple xesta. Sen sombreiro e caendo unha canícula que me atravesa o cerebro. Nunca me vira en tal situación. Pero dúas ou tres ducias de indios non estaban moi lonxe. Ó mellor eran máis. Case é máis fácil dicir que unha morea de peles vermellas andaban na procura da miña cabeleira.

Son o pistoleiro Johnny O Rápido, pero con fama de ser o máis covarde de todos os pistoleiros con certa fama, tanto a un lado como ó outro do Río Pecos. Aínda que algunhas veces uns din que é o Río Grande e outros o Río Bravo. É igual, covarde son ata para facer o intento de levan a man ó revólver. Non sei que me pasa, que se me paraliza e nunca chego. Moi a miúdo dáseme por pensar que será o medo. De aí que todos aqueles ós que matei fíxeno polas costas, por detrás, a traizón. Que queredes, o medo é libre.
Non sei como saír de detrás da xesta. O meu cabalo Saleroso está no quinto carallo porque foi á busca de mellores pastos. Se lle asubío para que veña, os indios descubriranme. E entón si que xa non me salva nin Calamity Jane. Se boto a correr calquera frecha é moito máis rápida ca min. Penso no que lle escoitara un día a un pobre periodista: de que os indios sentían moito respecto polos lobos. Así é que empecei a oulear coma un lobo, ó mesmo tempo que me arrastraba polo chan. A min sempre se me deu ben oulear. Ouleei ata chegar xunto a Saleroso. Subín a el e, fuxindo, aínda tiven tempo de matar a un indio polas costas, por detrás, a traizón.
O caso da rubia platino
Sabina é moito Sabina. Pero este paspán ganoulle a partida no caso da rubia platino. Sabina investigou entre bares e copas, pero eu, coa licenza de investigador privado acabada de sacar, fun ou metinme directamente no ollo do furacán. Esperei a que a rubia platino marchara a mercar o pan para introducirme na súa casa. Onde

mellor me podía esconder para esperala era nese lugar no que calquera muller se prepara para unha realidade máis bonita: o cuarto de baño. Conseguín esconderme nun pequeno oco que había entre un armario e a parede. Esperei.
A espera non foi longa, como tampouco foi longo o espazo de tempo entre a entrada na casa e a visita ó cuarto de baño. E para ser un principiante tiven a gran sorte de que a rubia platino se puxo como Deus a trouxo ó mundo para darse unha ducha. Menos mal que o ruído da auga ó caer sobre o seu corpo amorteceu, debilitou o son dos latexos do meu corazón. E xa no momento de enxaboar o corpo tiven que pechar os ollos para que o meu desexo non se subise ás nubes. Saíu da ducha e cando se dirixiu ó armario para coller unha toalla, prometo que aí se parou o mundo. Que o verso, de golpe, fíxose poema e que a felicidade consiste en ascender ó ceo sen esforzo ningún. Xusto ó erguer o seu brazo esquerdo para agarrar a toalla foi cando vin o corpo do delito, o motivo da miña investigación: debaixo do seu peito esquerdo figuraba unha tatuaxe na que todo estaba escrito, na que todo estaba resumido. Agora que presuma Sabina.