Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (6)

martes, 09 de noviembre de 2021
¡Ao que chegamos, ter que levar uns forzudos na traseira do coche para que nos empuxen desde Fonsagrada ao Cádavo; do Cádavo a Castroverde, e de Castroverde a Lugo! Á volta vimos máis lixeiros..., porque estes paisanos deixan os xamóns e mailos cartos, en Lugo, invariable! Agora, con esta innovación do noso cacharro, os potentados van en berlina, e os poderosos na traseira, pero fóra, ao aire libre! Por se algún día morre este invento, xerado pola guerra, ¡este tamén!, vou deixar escrito que lle Crónica dun itinerario e dunha época (6)chamamos gasóxeno; hai quen di que foi un invento dos mouros, que tamén levan un aparello nas cueiras dos seus calzóns para que lles dean..., con forza! A verdade é que, para forza, para empuxar, os propios pasaxeiros, que se baixan nas costas fortes, e daquela, entre o que afrouxan e o que empurran, imos indo cara adiante; ¡a paso de burro, por suposto!

Falando de burros, vou referir o que lle pasou hoxe a un veciño da Fontaneira, precisamente por someterlle a súa egua a un burro! Non terei que explicar que as mulas son un produto estéril das eguas cando se xuntan co asnal. ¡Estalles ben empregado, por casarse con burros! Pero deixarei de lado as bromas, pois o de hoxe a pouco remata en traxedia. A ver se o digo cortiño, por máis que o episodio foi dos longos.

Iamos baixando da Fontaneira, que aínda non chegáramos aos campos da Matanza, cando, ¡rooom! Saíndo dunha curva tiven que frear con toda a forza do meu zoco para non atropelar un cabaleiro apeado, e co cabaleiro a súa egua, e coa egua, a muliña. Naquel sitio semellante atropelo tería de resultado que envorcase o auto, con todos nós dentro, pois era costa abaixo. Apeouse o Revisor co leite agre, que ata lle berrei que non lle pegase ao vello causante do noso apuro, pero sobraba facelo pois é un rapaz dos de antes da guerra; quere dicirse, dos que saben resolver por medio do diálogo.

-E logo, señor, ¿non tivo mellor sitio onde pararse para botar un cigarro?

-¿Cigarro? ¡Quen o viu, pois ese Fulano nin a petaca me deixou! Quedei parado, e mesmo cravado no chan; unha, polo desgusto, e outra, pola dúbida de se volverme para a casa, ou seguir pasiño a paso ata o Cádavo, e alí pedir socorro..., se é que aínda me queda algún amigo daqueles da miña quinta!

Resumindo: O bo do señor ía tirando do ramal porque a egua resistíase a levalo nas ancas, parándose a roer carpazas, seguramente porque non estivese ben mantida; e logo que a cría quedábase atrasada, imitando á nai. Na mesma volta onde nos encontroamos aparecéraselle o Capillo, saído de tras dunha toxeira, como fai o golpe coas pitas. Son vésperas do San Froilán, e o Capillo, que non é de lonxe, ben sabía que pola estrada pasaría cantidade de xente con alforxas, cara a Lugo. Pistola en man, deulle o alto ao señor da egua. O seguinte nin fará falta escribilo: o pan e mailo compango, os zapatos de poñer en Lugo, a carteira cos cartiños, o salvoconduto...

O noso home, segundo despois nos contou o Revisor, ata cheiraba, consecuencias do medo, claro está, e logo que ese Capillo leváralle daquelas alforxas, ao feirante, o seu calzón de reposto. Preguntoulle se tiña fame, se resistiría ata o Cádavo sen comer, e como o oíse unha muller que ía no coche, fornecida cunha cesta de queixos remasados, dos da facenda miúda, escolleu un dos máis brandos e deixoullo ao asaltado, que ata se puxo de xeonllos para agradecerlle a esmola. O meu Revisor, que en caritativo non lle gana ningunha muller, ¡hai que dicilo na súa honra!, botou man da carteira das cobranzas e deixoulle non sei canto diñeiro..., "Para que non pases apuros ata que vendas ese mular, e desde que cobres, no mesmo Lugo, pásaste pola nosa Administración, e devolves estes cartos, pero sen xuros, que non chos quero...; iso aínda que eu estea de ruta, pois o meu Patrón xa saberá de que vai a cousa".

Díxenlle ao Revisor cando volvín a acender o auto: Se non tes cartos dos teus, mal te vexo cando presentes o talonario dos billetes, pois eu non te podo socorrer, que non levo encima nin sequera un peso. Respondeume que pensa pedir na Administración un anticipo da súa mesada, firmándolles unha obriga, que así non haberá conflito de intereses. ¡Sempre direi que aínda quedan samaritanos!

De alí en diante o Revisor, que non fora á guerra porque era torto dun ollo e non lles valía para disparar, pero si estivera algún ano nas segas de Castela, pois para darlle ao Crónica dun itinerario e dunha época (6)fouciño con distingui-lo suco da cal, chegaba, foime explicando que por aló adiante todo se fai co mular, tendo noticias de que ese Franco lles requisou as "yuntas" para utilizar o mular nas traccións da artillería, polo que era de esperar un bo mercado neste San Froilán. A guerra acabara pero a fame continuaba, que incluso medrara, así que nada había máis produtivo que ara-las terras abandonadas, folgadas, para volver aos trigais. Iso sen contar que boa parte do trigo estaba vindo para Galicia nos camións da ET, do Exército de Terra; quere dicirse, da "Empresa Tella", segundo as malas linguas; pero dicíano despois de comprar a fariña, por se chegaba a saberse!

Antes de deixárlle-la máquina, que xa está o Administrador pendente dela, vou poñer que as miserias, miserias traen, pois, de ter abundancia, e de ter paz..., sen desertores e todo iso, Capillo estaría criando mulas en vez de asaltar aos do mular, que ese señor, ou como lle chamen agora, cónstame que naceu aí na Braña, nunha casa por certo ben honrada.
-.-

Matinando niso de que a xente volve de Lugo máis lixeira... ¡Boa a fixen cando tal pensamento me meteu o diabro no corpo, que Deus terá cousas máis importantes das que ocuparse, tanta xente contándolle a súa vida! Boa a fixen, que levo tres noites de mal durmir, e o caso é que se lle falo disto ao Revisor, co sarcástico que é, vaise rir de min!

Todo comezou o día que me deu por fixarme en que as estradas de Lugo parécense aos radios dunha roda das bicicletas, pero non poden ser do mesmo inventor pois as bicis son de onte mesmo. No taller da Ronda, onde nos revisan os autobuses, que lle preguntei ao Mestre, dixéronme que foron un invento dos alemáns, no século XIX. ¡Estes alemáns, que ata habería que chamarlles Aló máis! Pero as estradas de Lugo, para min, son cousa dos romanos, que todo se lles volvía carrexar, mellor dito, obrigar a carrexar, para este almacén das murallas, que por algo as fixeron, ¡as fixeron facer!, e compleméntanse, estradas e murallas!

Isto lévame a pensar, vindo ao presente, que hai tres clases de persoas, cregos e gardas á parte: Nas aldeas, prodúcese; os banquetes fanos os de Lugo; e a sobremesa, esa cousa dos señoritos máis señoritangos, mariscos incluídos, é cousa da Coruña! ¡Todo vai de menor a maior!

¿As cotas para non ir á Mili? ¡Pagábanse en Lugo! ¿Os preitos? ¡Gáñanse, ou máis ben pérdense, en Lugo! ¿Os Médicos? ¡Para non arrefriarse, adoitan estar dentro da muralla, abeirados! Como beben viño, a auga do Miño utilízana para as evacuacións, para os escusados, que ata os teñen na propia Praza de España! En canto á Coruña, con iso de que teñen unha Marola, os nosos emigrantes, cando volven cargados de prata, para non ter que repartir coa familia, deixábanlla ao amigo de Franco, aquel Barrié, outro Deus, pero ese, en lugar de multiplicar o pan e mailos peixes, facía medrar os cartos! Por algo dixo aquel Castelao, que de castelán non tiña nada, ou pouco, que este país, o noso, é unha terra rica de xente pobre, pero voulle emendar a plana, que vou poñer aquí: ...de xente empobrecida..., os da aldea!

Ollando as caras dos viaxeiros, veño observando que cando veñen para Lugo póñena de esperanza; mesmo estartalan os ollos tan pronto chegamos a Castelo, tanto pronto albiscan as murallas; pero á volta, outro carís! ¡Á volta poucos vexo que volvan ledos, salvo os soldadiños cando libran do Servizo, ou cando tornan de..., ía dicir, de Servir ao Rei, pero a Franco non lle chaman así, por máis que se comporte como tal!

En definitiva, para pecha-lo conto, para durmir en paz: Con esta envexa que lles temos aos da Capital, ata penso que non estará lonxe o día en que volvamos co coche baleiro, mais para iso haberá que facer casas, máis aínda, por fóra das murallas, que dentro xa no caben!
-.-

¡Vaia, ho, que ben estariamos se os coches andasen con leite, ou con queixos, e non con este maldito gasóxeno! Hoxe volveu a ser día de queixos, que en Castroverde o meu Revisor viuse e desexouse para dar subido á baca unhas cestadas deles, tan mareliños coma as balugas da manteiga.

-¿De onde son estas mulleres; coñécelas..., que che sorriron? –Preguntoume. -¡Seica lles levan aos de Lugo tódolos queixos deste concello!

-Doutras viaxes, e pouco máis. Son de aí arriba, de Montecubeiro, xunto da serra, dun lugar que chaman Verducedo..., porque lles vén o verde cedo! ¿Non ves o verdes que teñen os ollos, polo menos os ollos? Téñenme dito, noutras viaxes, que dúas cestadas é o rendemento que lle sacan á facenda, en cada semana. ¡Unha véndena, e outra cómena!

-Daquela terán máis cabras e máis ovellas que o propio Xacob! –Este Revisor, que como foi Sancristán coñece a Biblia, e sempre a leva na guanteira, xunto co talonario dos billetes. Di que lla regalou non sei que Cura..., para que predique nas viaxes!

-¡Máis ou menos! O que non lembro é o nome das súas casas. Un día destes voume decidir a falarlles, a ver se consigo que me admitan de pastor..., para deixa-la Empresa e doarche tódalas reviravoltas desta maldita estrada. ¡Todas para ti..., desde que aprendas a conducir! ¡A conducir, non, a conducirte, que es un atrasado, que ata te botaron do Seminario! –Chanceeime.

-¿Xa non somos amigos...? –Máis que preguntarme, queixouse. –Botáronme porque cantaba mal, pero non fun o único, pois outro tanto fixérono co fillo da señora Emilia de Brañas, de Millares, esa de aí abaixo do Cádavo.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES