O xogo do calamar ou como xogan con nós
Santalla, Iago - miércoles, 10 de noviembre de 2021
Vin atentamente o xogo do calamar, a serie coreana que tanto éxito ten en Netflix. Parece que o pobo aínda quere pensar e toma da man todo aquilo que intenta desasosegalo para espertalo. O xogo do calamar parte da desesperación persoal para arrastrar a un grupo de persoas a loitar pola supervivencia. É o xogo do todo ou nada, sendo a nada a inexistencia. Por iso, lembroume a aqueles contos de "sabes cal é o colmo de..." o xogo do calamar, para min, é o colmo do capitalismo. A denigración total da sociedade que creou e a involución moral a un darwinismo social.
Ficción? Si pero moitas veces, demasiadas, a realidade supera á ficción. Para mostra está o darwinismo social que nos convida a avanzar por riba de quen sexa. Despois, xa haberá tempo de baleirar de contido a moral e a solidariedade para utilizalas ao antollo de don diñeiro. Só eles ditan as normas emporcallando todo o que era puro: a política, a sociedade, os valores, a xente. Sobre todo, a xente, esa xente que fai grandes cousas sen nada por nada e con nada. Esa xente que mellora a vida do seu entorno en silencio, case en segredo e nunca recibe halagos nin homenaxes pero bota a vida mellorando a vida. Xente que procura para os demais e que fai só polo gusto de ver medrar.
Esa xente non ten medios de comunicación nin palmeiros submisos pero muda o mundo. Outros venden a palabra e a imaxe a prezo de ouro, fomentando necesidades innecesarias que son practicamente imposibles de cubrir. Son a semente do xogo do calamar pero se os de abaixo non xogan, morren por inanición e non poden evitar a morte.
Negarse a xogar ao seu xogo é botar os alicerces dunha sociedade máis xusta na que o diñeiro deixe de ser un fin absoluto.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora