Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O G20 acorda en Roma manter o teito do quecemento global en 1,5 graos

jueves, 04 de noviembre de 2021
"O G20 acorda en Roma manter o teito do quecemento global en 1,5 graos". Cun sorriso, dínnolo ou cóntannolo? Certo que os periodistas, cando poñen titulares, ás veces 'quédanse sós', mais neste caso, o titular vai coa idea que se pode ligar e é expresada moitas veces de xeito semellante a mandar separar as augas cun xesto, como se foran Moisés par cruzar o mar Roxo, ou o mesmo Iavé: os dirixentes fan un xesto e se é necesario, as augas ábrense, sen máis. Nos titulares, claro!

Explícome: é que o manter o teito de 1,5 ºC de suba de temperatura media na pequena franxa superficial terrestre onde podemos vivir non é algo que se poda acordar. É algo que se pode traballar para facer, pero non vale dicir 'ata aquí', e quedarse tan panchos. Polo que parece, no corpo da noticia dise, o que 'lograron' no G20 é un acordo entre eles para encarar o cumio de Glasgow cun núcleo de postura común, que xa é algo, pero nada máis, e polo tanto, 'ben pouco'.

E nada máis, porque segundo as proxeccións vixentes, teríamos que reducir en menos de 10 anos as emisións netas de dióxido de carbono a 0. E aínda así non estría asegurado o obxectivo de que a Terra non rebasase os 1,5 ºC máis da referencia fixada. Que esa é outra, pois se consideramos '1,5 ºC máis que a media do ano pasado', do que estamos a falar é doutra cousa. E mentres, os países están tirando en sentido contrario, como se pode ver non só en China ou Australia, lugares que nos seguen a parecer exóticos polo afastado no globo, senón tamén en España. Ou non se está a preparar de novo a Central térmica de As Pontes para funcionar, despois de ser pechada por contaminante? Atención: si, xa sei que se esgrimen razoamentos para facelo. E anda que non houbo protestas no seu día polo peche, encarado, nunha economía capitalista sen alternativa (a TINA, 'There Is Not Alternative' de Ms. Tatcher), como unha brutalidade contra a xente que dependía da fábrica. Pois agora xa vai volver a estar en marcha, a seguir contribuíndo ó cambio climático global, pero podemos estar contentos: lográronse salvar por un tempo os empregos correspondentes, e o sistema económico. Porque, se é difícil loitar contra unha crise (neste caso climática, á que polo momento se lle está a prestar máis atención dentro do conxunto de crises que se aveciñan), máis difícil o é facelo sen querer cambiar o sistema económico, o status social da minoría con máis poder ou o incremento continuado do consumo.

Proba a loitar atado de pés e mans contra unha fera que se está a achegar... Esa é a situación, pois esa sería unha situación persoal equivalente á que está a sufrir a nosa sociedade no conxunto do planeta. Cunha constatación: as ataduras de pés e mans son autoimpostas, e como tal podemos desfacernos delas para ter máis probabilidades de éxito. Pero, saberemos vivir sen ataduras?
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES