Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A infinita opulencia do outono

viernes, 05 de noviembre de 2021
Quen contará as landras que agasalla un carballo? Quen apañará a colleita que alfombra as carballeiras antes de que aos porcos lles chegue o seu san Martiño?. Xa está aquí a estación en que os seres vivos grandes e a bicharada miúda enchen o bandullo para o descanso do inverno. Contan coa abondosa despensa gratuíta que ofrece a natureza.

Chega ao seu fin o ciclo da vida que non remata nunca. O tempo do arrecendo das mazás e dos marmelos. Días da risa do zume das uvas fervendo o seu alcohol, antes da súa transubstanciación en viño.

Outono, tempo dos froitos, de apañar co lombo as noces, pequenos cerebros pechados e protexidos no seu cranio de madeira. Chega o tempo das escandalosas castañas, tentando sobrevivir á diminuta avesporiña asiática que lle rouba tanta vida á árbore xusto cando o sangue verde agroma. Abaneados polo vento deixan os castiros escapar os ourizos. As castañas enchen o chan, as cestas, os bandullos. Nin Chanel, nin Dior ou Calvin Klein son quen de imitar o arrecendo das castañas quentes asadas.

Tempo dos cogomelos, as flores do outono, brotando anárquicamente aquí e acolá desde a arañeira subterránea dos fungos. Protexen o bosque e terman da vida, estirando con invisibles brazos as raíces das árbores. Esquivos gnomos que protexen prantas e árbores. Vixías escondidos que avisan do cambio climático. Fungos que se enlazan coas árbores nunha voda simbiótica. Cogomelos que comemos, que papan os animais.

Tempo de outono, tempo de paisaxes. A natureza saca do armario os vestidos máis fermosos. Agasalla con todas as cores verdes, todas as tonalidades do marrón, todo o lume das cores vermellas, toda a gama dourada. E recorda que as paisaxes son unha propiedade social que ninguén debería privatizar, herdanza que pertence en usufructo aos netos.

A xenerosidade infinita da natureza aínda resalta aínda máis enfrontada á voracidade da cobiza humana. A metade do planeta, a casa común, está nas poutas duns Pantagrueles bípedes, duns insaciables Gargantúas. 2.153 milmillonarios posúen máis riqueza que 4.600 millones de seres humanos, o 60% de la población mundial, di Oxfam.

A viaxe das nubes, os temporais do oeste, toda a auga que renova o ciclo da vida, acompañan á fermosa música do vento e da chuvia. Ou esa delicatessen gratuíta que é o silencio no medio do bosque. Despois do 'veraniño de san Miguel' para recoller as colleitas, vén o 'ramalazo de san Francisco', naqueles almanaques antigos que non sabían de isóbaras e cicloxéneses, para aventar, varrer, lavar, limpar toda a suciedade, o lixo, o feo, o morto, o seco, o inservible, o podre, o innecesario. Para que quede todo así de limpo e perfumado, así de brillantes as cores que nos rodean no medio da infinita opulencia do outono.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES