Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ser humano, animal de realidades, simbólico, ou ambos?

viernes, 05 de noviembre de 2021
En bastantes colaboracións neste medio, considerei ao home/á muller, como un animal de realidades. Talvez me arrastrou a isto o feito de que eu dediquei moitas horas, e boa falta me fixeron, ao pensamento filosófico de Xavier Zubiri, e fun quedándome con achegas deste metafísico que me pareceron interesantes. Pero, entre outras definicións do ser humano, sempre sentín a necesidade de contrastar á de Zubiri coa que o define como animal simbólico, e non podo demorarme en facelo, porque os anos están aí apresurándome. E debo de comezar por aquilo do que menos me ocupei, polo SÍMBOLO.

Pretendo responder a esta seguinte pregunta que me viña facendo: ¿Podemos definir ao home como animal de realidades e, a vez, como simbólico?. Para isto é mester superar, cando menos, con argumentos convincentes, a suposta oposición entre REALIDADE e SIMBOLIZACIÓN. Sen dúbida, a mesma linguaxe que posúe o home é indiscutiblemente simbólica. Precisamente, no excelente traballo do catedrático de Filosofía da USC, Dr. Marcelino Agís Villaverde, titulado ANATOMÍA DO PENSAR -que estou lendo-, recollendo os trazos que Ricoeur sinala para elaborar unha hermenéutica do discurso, na páxina 119, do V.I, trazo III, escribe o seguinte: "É no discurso onde se actualiza a función simbólica da linguaxe".

Pero creo que sería necesario tamén, cando menos, intentar aclarar se realmente se pode falar dunha CO-IMPLICACIÓN cognitiva de ambos conceptos, algo así como D. Andrés Ortiz-Osés, recentemente falecido, catedrático de Filosofía da Universidade de Deusto e destacado hermeneuta, nos ofrece no seu concepto da DUALÉCTICA. Isto permitiríanos evitar a elección da definición de se o ser humano é simbólico porque é realista, ou viceversa, se é realista porque é simbólico, e podería entenderse como un animal de realidade simbólica.

Precisemos un pouco os termos REALIDADE e SÍMBOLO. Aínda que non é posible explicarlles aquí que entende Zubiri por REALIDADE, procuro apuntarlles unha lixeira idea. O home/a muller non aprehende as cousas como algo que só suscita a unha resposta estimular, senón como algo que está aí, como algo en propio, algo de seu. Véxano no exemplo do mesmo Zubiri, cando nos di que o CALOR, por exemplo, é percibido polo animal como quentando; pero no home non só se aprehende como QUENTANDO, senón tamén como algo EN SI "QUENTANTE" (descúlpenme o termo), é dicir, como algo ao que os carácteres térmicos perténcenlle EN PROPIO. Pois ben. Isto é o que constitúe a realidade para Zubiri. Aquí está o orto do realismo zubiriano.

Deteñámonos agora un pouco na simbolización, situada nesa relación do home coas cousas, precisamente cando non as ten á man, ausentes, fora do seu alcance, e ten que representalas en imaxe, o que fai mediante a incorporación do SÍMBOLO ao proceso cognitivo. Tamén a mesma etimoloxía deste termo pode achegarnos algunhas ideas. Deriva do grego SYM-BALLO, que significa "reunir", "interpretar", "explicar", etc., así como SYM-BOLON, OU, pode traducirse por "contrato", "convención", "signo", etc. Recordemos que nos contratos, para confirmar a súa autenticidade, utilizábase un obxecto, que se rompía en partes, e cada contratante, levaba a súa, que debían axustarse complementariamente para identificarse e autenticarse en futuras reunións.

Desta maneira, o símbolo facilita a comprensión do que simboliza e a expresión do mesmo, e devén un medio adecuado para facer posible a comunicación de todo aquilo que non se pode conceptuar en ámbitos do estritamente racional. Non é fácil, por exemplo, racionalizar o sufrimento, o amor (...). ¿E ata onde se pode racionalizar o do gato de Schrödinger?. Pero todo isto pode facerse simbolicamente, presupoñendo a existencia dunha realidade que posúe aspectos que non son fáciles de conceptuar. E enténdase isto como sexa, mais a verdade é que non pode negárselle ao ser humano a posesión de mitos, símbolos e imaxes, so pena de omitir todo o que poda ter de inconsciente. É o símbolo unha ponte entre o significante e o significado daqueles aspectos da realidade que, como dixemos, se resisten a un trato conceptual.

Se reflexionamos un pouco, cando percibimos que non expresamos todo o contido da conciencia que temos para transmitir, utilizamos tamén a mediación do símbolo: un apertón de mans, en determinadas circunstancias, substitúen con creces todo canto puidéramos dicir, como, por exemplo, a expresión da realización simbólica dunha profunda e arraigada amizade. Lembremos o impacto que deixou nos cidadáns o non poder dar un pésame, unha aperta nunha expresión de duelo, ou nunha fervorosa felicitación, polas restricións da pandemia.

Ademais, algo teño escrito neste medio sobre a linguaxe mímica e xestual. Modestamente, intentei invitar aos oíntes a que non perderan a ocasión de comparar o que, nunha entrevista, o entrevistado/a expresa na linguaxe articulada co que, simultaneamente, está expresando simbolicamente. Isto ten unha tradución a linguaxe coloquial cando se di que "xa se lle vía na cara que estaba mentindo". O subconsciente está traizoando ao falangueiro, que non controla a transmisión simbólica.

Penso que concibido así o símbolo non pode considerarse oposto a realidade, porque afecta as mesmas "entrañas" dela. Unhas bágoas que nos esforzamos en ocultar, evidencian a realidade dun sentimento con moita máis fidelidade que unha disertación conceptual convincente. Un obsequio insignificante dunha persoa moi pobre, infórmanos dunha realidade sentimental chea de sacrificios que, sen dúbida, ten un valor moi superior ao regalo de extraordinaria xenerosidade dunha persoa adiñeirada.

E isto faime pensar que non é difícil acertar coa consideración que merecen algúns políticos que manipulan a simbolización, poñéndoa ao servizo dos seus intereses. Esta posibilidade evidéncianos que a simbolización non é un invento individual, senón que emerxe das colectividades, e desta maneira pode explicarse a súa importancia social, implicando a persoa humana en comunidade. Velaquí porque o uso correcto do símbolo non se opón a realidade, senón que a enriquece, inxectándolle complexidade e sentido. Polo tanto non está rifada coa razón. Incluso se fala dunha RAZÓN SIMBÓLICA, que abre horizontes á razón. Cabe, pois, preguntarse se "razón" e "símbolo" son dúas polaridades CO-IMPLICADAS. ¿Que nos diría o catedrático Ortiz-Osés, co que tiven interesantes relacións culturais para aprender, que me permitiron descubrir a súa valía?. Polo aquí confesado, permítanme, en honor e recordo do mesmo, ofrecerlles este irrelevante traballo. Descanse en Paz!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES