Unha Caixa Galicia
Xiz, Xulio - lunes, 04 de agosto de 2008
Caixa Galicia é unha e grande. Como Caixa é sinónimo, por ser a primeira, de entidade de aforro galega. Pero eu, como unha, refírome exclusivamente á oficina principal de Caixa Galicia en Lugo.
A renovación impúxose. E da Caixa antiga, na que a todos coñecía e todos coñecían os clientes, sen nunca utilizar o DNI, pasamos a unha rexuvenecida plantilla onde so quedan que eu lembre- cinco venerables antigos, coido que todos máis novos ca min, que supoño agardan como auga de maio o dourado retiro que a lenda que rodea á Institución atribúe ós traballadores máis veteranos.
Eu son cliente da Caixa, con nómina domiciliada desde que se domicilian as nóminas, e desde moito antes titular de conta corrente, sempre con saldo modesto, cumprindo sempre cos meus compromisos e sen que ninguén na Caixa quedase nunca mal pola miña culpa.
Posiblemente, se houbese cometido algunha falcatruada, recibiría mellor trato do mozo director desa oficina que parece ser acaba de baixar de categoría dentro da Caixa, a oficina que me tomou o pelo que non teño, deixándome un sabor entre a decepción e a carraxe, no que inflúe de xeito decisivo comprobar que non se valora a traxectoria, o comportamento, a situación e todo o que un coida conseguido case ó remate dunha vida profesional.
Certamente, coa que está caendo, as entidades financieiras teñen que pensalo dúas veces antes de andar con alegrías que pagaríamos todos, polo mesmo que os clientes tamén temos dereito a preocuparnos polos rumores que moitas veces non son verdade- que circulan polo noso mundo, tamén en relación coa que está caendo.
Se eu fose un financieiro dos que manexan moitos fondos, podería deixar de traballar con esta, exclusivamente con esta Caixa Galicia. Pero como aínda que retire dalí todos os meus efectivos o responsable non se entera, desafógome deste xeito, que nesto non é que eu sexa importante pero enténdeseme o que digo, e na casa teño unha gran placa de prata na que Caixa Galicia (febreiro, 1985) me agradece o traballo desinteresado que teño feito por ela. (De neno escoitei moitas veces o refrán Así paga o demo a quen o serve).
Seguirei sendo cliente de Caixa Galicia. Coido que xa o era cando naceu este director local, e agardo seguir séndoo cando o ascendan. Daquela, polo menos, agraviará a outro nivel.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora