Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Saudades do Xapón

viernes, 05 de noviembre de 2021
Cando chega novembro, o outono pinta de nostalxia a paisaxe xaponesa. Nos bosques frondosos e nos delicados xardíns de Honshu aparece o vermello carmesí dos pradairos, a carón dos tons ocres das árbores caducas. Distínguese tamén o amarelo do xinkgo biloba, un fósil vivente ao que algúns chaman a nogueira do Xapón. Unha paleta de cores da que forma parte o verde murcho dos bidueiros e outras moitas árbores.

Ao igual que na nosa terra, está no seu esplendor o crisantemo, a flor nacional do Xapón, emblema da casa imperial, cuxas variedades infinitas poboan cada recanto do país. Celebran o festival do crisantemo o noveno día do noveno mes, unha festa importada de China que ten para eles un arrecendo simbólico ben distinto ao noso, pois representa o desexo de lonxevidade, mentres que para nós é a flor de defuntos.

Eles lembran aos defuntos a mediados de agosto, no festival dos mortos. Van onda eles aos cemiterios e, durante tres días, o espírito dos antepasados volve a casa para convivir coa familia. A morte non é máis que a continuidade da vida, por iso organizan bailes, desfiles e celebracións festivas, nas que non falta a música. Límpanse as casas e os cemiterios, o mesmo que nós limpamos e adornamos os panteóns en novembro, e hai ofrendas de comida, lámpadas de papel e arranxos florais. En cada fogar hai un altar no que non falta unha cunca onde arde o incenso porque o fume impide que os espíritos se perdan no camiño de volta. O mesmo simbolismo agochado nas pequenas lámpadas flotantes que se acenden a noite do terceiro día para desaparecer río abaixo. Se cadra, aquelas xentes silenciosas concordan co poeta: "as nosas vidas son os ríos que van dar na mar, que é o morrer".

Novembro é, abofé, o mes máis fermoso do ano no país do sol nacente e o meu corazón sinte saudades do Xapón.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES