¡As vellas festas da aldea!
Mato, Xesús - lunes, 04 de agosto de 2008
Que os nosos labregos e moitos de nós non nos resignamos a deixalas esmorecer, desaparecer e/ou mesmo morrer. Que a abundancia de diñeiro comunitario, froito dos pinos, as minas e/ou as abundantes canteiras de pedra, nos coman o espírito e o senso común e empreguemos de mala maneira eses cartos que nos soan a regalados e doados de gañar. Cómpre volver ás raíces. Máis auténticas cás das globalizadas cidades/vilas encamiñadas cara un absorbente consumo. Agora tamén contaminadas e contaxiadas do espírito alleo globalizado e atemporal importado de fóra e que nada ten que ver coa nosa cultura ancestral e profunda.
No mes de agosto, non só volven á Terra os vellos emigrantes forzosos dos anos 50/60, cos seus fillos e netos, para ver e acompañar as súas familias senón que tamén os poucos nativos que quedan nas aldeas tratan de esquecer as súas doenzas de soidade e abandono que padecen. Volven revivir as vellas xuntanzas e lembranzas da nosa tradición popular nos seus bailes e cancións. ¡Un pequeno oasis nun amplo e xa engrandecido deserto!
¡Fannos moita falla lembrar e revivir estas nosas vellas e ricas vivencias!. Uns e unhas para revivir a esencia das raíces que mamaron de nenos e outros e outras para axudar a que non se perdan para sempre. Cómpre que o importado e novo xeito de organizar as festas na maioría das nosas cidades e vilas e nalgunhas aldeas (¡case sempre sen contar cos vellos e cos nenos!) non afogue a vitalidade das nosas sinxelas e antigas tradicións.
¡Benvidas as celebradas a pasada semana na provincia de Lugo! Subliñamos as de orixe celta de Lugnasad (Bretoña- A Pastoriza), as xa tradicionais de música e arte do XXIX Festival de Pardiñas (Guitiriz) e os vellos compoñentes do Grupo Milladoiro, por primeira vez na Montaña lucense (Pedrafita do Cebreiro). Tamén na veciña parroquia de Teixeira (O Caurel) o próximo día seis, se vai celebrar a festa do Bon Xesús (¡única en Galiza con ese nome e moi abondosa en Portugal!) con concursos de baile (xotas, muiñeiras, pasodobres) e xogos populares para maiores (a billarda, a corda) e para nenos. Este ano vainos acompañar o Grupo tradicional Buxaina, da Ulloa.
Aledámonos do labor divulgativo das institucións públicas (Xunta, Deputación e Concellos) que están a facer da nosa riqueza musical aínda que nos meses de verán estamos xa a padecer inflación e no inverno pasamos a unha preocupante escaseza cando máis o precisan os nosos solitarios labregos e labregas.
¡A ver se a experiencia deste ano serve para que nos próximos se note unha necesaria, mellorada, xusta e tamén equilibrada coordinación!
¡FELICES FESTAS DE AGOSTO PARA TODOS E PARA TODAS!

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora