Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (5)

martes, 02 de noviembre de 2021
Dicía meu avó e padriño algo que teño referido cen veces, pero poden ir cento e unha: "De lo oído nada creído, y de lo visto, la mitad". ¡Neste caso, non, pois estou seguro de que é, ou foi, o dobre do oído, e incluso do visto!

-¡Oes, estafaches esa moza, esa que veu na dianteira, que lle cobraches o dobre, e ata agora nunca cobramos polas bolsas de man; explícate? –Interroguei ao Revisor, intrigado, pero tamén escandalizado.

-¡É que as trouxo nun asento, ocupando un asento…!

-¡Natural: viña baleiro!

-¡Vaite ao nabo de Lugo! Pero, xa que te pos así, despois cóntocho…, cando non teñamos xente ao redor!

Deixoume fervendo, así que volvín á carga tan pronto quedamos sos:

-¡Iso, o de antes, é unha estafa! Ou mo xustificas ou…, ou me obrigas a dicirllo ao Patrón!

-Trátase dun segredo, e como tal tes que gardalo. Foi cousa súa…, para que non sentásemos outro viaxeiro cerca das súas bolsas.

-¡Si, ho; está ben, que non hai nada mellor que mandar que se garde un secreto para que circule por todo Lugo!

-Este é perigoso: o que sei, seino por un parente meu, que tamén o é dela. Trátase da filla dunha criada que levou Portela Valladares cando veu aos votos… En Madrid coñeceu familias de caste, ás que seica quitou das checas facéndose miliciana, e agora, triunfantes os deles, está cobrando os réditos. ¡É máis bragada cás de Rozabragada!

-¿Réditos…?

-¡É unha forma de falar! Ao parecer esa xente, á que antes axudou, proporciónalle aceite, por camións, e ela véndeo, de estraperlo… Nesas bolsas de man leva cartos e documentos comprometedores, que por iso non se separa delas.

-Se o entendo ben, pediuche dous boletos, dous billetes…, ¡para senta-las bolsas!

-¡Exactamente!

-Pois eu tamén teño un segredo desa próxima. ¡Dixen segredo, eh!

-Fala, pois aínda que non son unha tumba, para isto, co visto visto, si.

-Cando nos pararon os gardas aí en Castelo para comproba-la documentación dos viaxeiros, a min colleume detrás deles, e vin o papel dela, pero só puiden ler, por encima do seu ombro: "...actúa en acto de servizo, y por tanto se le expide este salvoconducto...". Os gardas devolvéronllo a toda velocidade, pero non só iso, que xa viches que a saudaron militarmente. ¡A partir de hoxe pérdolle o medo á morte, pois as cousas desta terra xa as vin, todas!

-Todas coido que non, que ti viches ese documento, pero eu vinlle a pistola, que a leva nun dos bolsos, encima dos cartos e dos papeis! Esta seguro que trae os cartos, ¡unha millonada!, para escondelos na Fonsagrada..., e xa non sexa para mercar un lugar, e meter caseiros..., agora que é rica!

Vacilei en poñelo neste Diario, pero, se non o poño, se non reseño unha cousa tan importante, as outras, ¡de chiste!
-.-


Non é certo, ou non é exacto, iso que dixo Franco, iso que firmou de puño e letra, de que, "...cautivo y desarmado el ejército rojo..., la guerra ha terminado". Esta guerra dareina por terminada cando deixe de ver calamidades, tal que viúvas, orfos e mutilados, dimanadas da mesma. O caso de hoxe deume o día, ¡e iso que non estou quebrado!
Crónica dun itinerario e dunha época (5)

Levárono á Fonsagrada no carro das vacas, con adrais, e dentro uns feixes de herba para soster ao doente. Desde alí, nada máis descargalo, volveu para a casa súa nai, co vehículo, a toda présa, seguramente para que non lle vísemos as bágoas, quedándose o pai do rapaz para acompañalo na viaxe. Axudeilles ao transbordo, e sen máis preámbulo metémolo na dianteira. Despois díxenlle ao compañeiro, ao Revisor, que tamén nos axudara, por certo que sen receos:

-Así veña o Gobernador, a este rapaz e a seu pai non os quito de onde os puxemos, que o precisan máis cá ninguén!

El asentiu, e eu arrinquei. Na parada do Cádavo díxenlles:

-Veño observando que o mozo veu engurrado todo o tempo, e apertándose o baixo ventre... Como aquí hai un Médico, un tal Rancaño, que o teño por competente, aínda que a min nunca me asistiu pero coñézoo das súas viaxes, se lles parece que vai ter dificultades para chegar a Lugo, e aínda que teñamos o coche parado unha hora, ou máis, que tamén estaría se tivésemos outra clase de accidente, axúdolle a baixar, e achegámonos á consulta.

-¡Ai, Deus llo pague –díxome o propio enfermo-, pero eu preciso dun xastre, e aquí igual non teñen cloroformo! Daquela tire para Lugo, pero sen acelerar, que mellor será que morra polo camiño e non ter un accidente de vinte persoas!

-¡Está ben; arrinco!

Subindo á Vacariza, como o motor non daba máis de si, e as sacudidas molestaban menos ao rapaz, el mesmo me contou:

-Aos que íamos de cavar na touza, poñíanos Aranda a cavar trincheiras, e tanto cavei que rebentei, ¡das dúas inguas! Alí chamabamos "xastres" aos cirurxiáns, porque cosían e cantaban; a anestesia escaseaba, e con algo tiñan que entreternos! O cosido debéronmo facer con fío podre pois nada máis volver á casa, ao coller a roda para rega-los prados..., ¡abríronseme as inguas!

-Así que ides a Lugo..., ¡iso, ao xastre! –Púxenme de broma, aínda que sería mellor cantarlle, para alivio das súas dores.

-Dixéronos que está agora en Lugo o doutor García Zabarte, que foi precisamente o que me operou na fronte, e como se trata dun recosido, esperamos que nos cobre algo menos!

Calou, seguramente porque daquela xa baixabamos polas abas que dan a Castroverde, e eu non podía, non quería, frear demasiado, xa que ir lentos cando se podía correr retardaba a operación do recosido. De chegados a Lugo, nada máis apear aos outros viaxeiros, tiramos para onde ten a consulta ese Zabarte, que así o rapaz non tivo que esperar por un taxi, nin transbordar.

Mañá volverei ao hospital, a pé por suposto, para saber que tal lle foi coas puntadas novas. Como isto é moi triste, incómodo de redactar, se houbo melloría dareina por dita, e se non ten remedio, mentres conduzo terei tempo de rezar dous rosarios, un polo rapaciño, e outro pedíndolle á Virxe que mate a remorsos a tódolos amantes desa puta guerra.
-.-


Nesta viaxe tiven de compañeiro un colega, que por certo é dos mellores: Bonifacio Pereira, que naceu en San Román pero vive en Castroverde. Agardou pola Liña por ter o seu auto avariado, e o camión, tamén; precisaba subir a Lugo... Sempre se di, "Subir a Lugo", pero Bonifacio, para contarme o da peza danada, dixo, "Teño que baixar a Lugo...". Hai que facerlle caso, pois este señor coñece o país, o país e maila súa paisanaxe, coma ninguén!

Cando xa tiña escoitadas as súas queixas pola indixencia en que quedou España por culpa da maldita guerra, que precisamos acudir aos chatarreiros para todo tipo de reposicións na maquinaria, precisamente ao chegar ás voltas de Paderne, ocorréuseme preguntarlle se fora certo aquilo que se contaba da súa peripecia con catro matóns...

-Si, tal cal, pero como o refiren á súa maneira, á deles, encubrindo a súa vergoña, ¡se é que a teñen!, voume confesar ao dereito, que se non es o meu cura, por bo amigo si que te teño. Aqueles días gozábana en Lugo facendo sacas, principalmente para os paredóns do cemiterio, o que non deixaba de ter a súa parte xenerosa, pois así o enterrador traballaba menos, que llos deixaban cerca da foxa! Aos de aquí, coa metade dos rapaces de Montecubeiro escondidos nas xesteiras de Caraño, ou arriba da miña casa, en San Román, escaseáballes a caza, así que, de pimplados na taberna do Escardel, decidiron ir a Lugo para gozala, para participar nunha daquelas sacas. Fóronme buscar para que os levase no meu turismo, no Ford "T", así que eu, lembrando que mas tiñan xuradas, non lles puxen impedimento algún, pero o impedimento presentouse por aquí mesmo, nestas revoltas, que din en pedalear a golpes de acelerador, e asusteinos de mala maneira. Entón díxenlles que o auto collera aire, e que tiñan que baixarse para que eu puidese levantar o capot, cousa perigosa xa que podía saltar unha chispa do magneto, e arder de socato. Como non hai ninguén máis covarde que un matón, baixáronse e apartáronse do coche; eu, que nin me apeei, din outro acelerón, aínda coas portas abertas, e baixei a cen cara a Romeán...!

Crónica dun itinerario e dunha época (5)

A curva de Bonifacio, en Romeán


-Despois diso, que? -Pregunteille a Bonifacio, ardendo de curiosidade; eu, si!

-Por suposto que ese día durmín no auto, pero ás aforas de Lugo..., non fose o diabro que pasase algún coche, ou requisasen unha das camionetas dos arredores, que daquela xa había tres choferes na contorna. Segundo souben máis adiante, unha delas requisárona, pero foi para volver a Castroverde; o que non sei é se retornaron cabreados ou avergoñados, pois desde aquela nunca comigo se meteron.

Segundo pasan os días máis me vou afirmando en que isto, estes episodios, debo darllos á máquina, pois hoxe sería perigoso referilos de viva voz, pero, cos anos..., ¿quen sabe? ¡Cos anos o máis probable é que ninguén me crea, salvo que o vexan en letra de molde!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES