O Conferenciante suicida
Olegario Somoza tombouse no medio da estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres e xusto tamén no medio e medio da ponte das Cabras. Tombouse coa intención de parar o tráfico porque ninguén lle fixera caso cando quixo explicar a evolución do racismo no Estado de Alabama, nos Estados Unidos de América, durante o período galáctico de cando os planetas deixaron de rotar. Algúns oíntes incluso lle

asubiaron cando ía na metade do discurso. Aquilo doeulle tanto que optou por unha protesta única e, iso si, algo esperpéntica. O de esperpento vén porque se foi tombar xusto nunha estrada pola que non pasa case ningún coche. Eu creo que Olegario Somoza sabía sobre tal situación, sobre tal defecto. Máis tarde confesaríame que non se tendera na autovía que pasa por Allariz porque sabía que máis tarde ou máis cedo algún coche o esmagaría, o rebentaría. E el, no fondo, non quería morrer.
Pero mentres estivo tombado na ponte das Cabras, déuselle por pensar na seguinte conferencia, a ver se lle facían máis caso. Versaría sobre o fluír dunha flor de toxo no medio e medio dun incendio forestal. Incendio, por suposto, provocado por el mesmo. E se por un casual non lle facían tampouco caso, pensaba colgarse dos pés, é dicir, cabeza abaixo, desde a ponte das Cepas, a do ferrocarril. Olegario Somoza cando intuíu que alí, na ponte das Cabras, non provocaría nada (intuíno axiña e non esperou moito, por se aquel), optou por erguer, botar a andar cara á Baños de Molgas e esbardallou contra os que lle asubiaron.
A Xustiza da Galicia Profunda
Que forte! O meu pasmo foi tal que non me quedou outra que lerlle a noticia en voz alta á muller, alí, no medio da cafetaría, para probarme a min mesmo de que era una nova real. Si, agora xa é famosa esa noticia, a da Galicia Profunda. A desa xuíza de Marbella que lle retira a unha muller a custodia da súa filla porque vive na Galicia profunda. Esa señora (por chamarlle dalgunha maneira) responde ó nome de María Belén Ureña Carazo (moi semellante a carallo, aí pode estar o aquel da cuestión). Pois

ben, eu sinceramente non racharía as vestiduras; simplemente invitaría a esa señora para que visitase a Galicia profunda. Así podería comprobar in situ como nós impartimos xustiza saíndo cos fouciños ós camiños para cortar garneatos e cos sachos en bandoleira para rebentar cabezas.
Na Galicia profunda educamos ós nenos arrincándolles as patas os saltóns e capando os grilos. Ó fútbol xogamos cun repolo, ó golf cuns bugallos de carballo e ó baloncesto lanzando pedras nos niños dos paxariños. Os da Galicia profunda cargamos a educación ás costas para tirala por un barranco abaixo ou para afogala nas augas de, por exemplo, o río Arnoia. Na Galicia profunda collemos a xustiza pola man, na que levamos unha fouce ou unha gadaña e bicamos nas pegadas que deixan os da Santa Compaña.
Agora, o Consello Xeral do Poder Xudicial debería trasladar a esa pasmona á Galicia profunda para que vise realmente como somos. Pero ese Consello cruzarase de brazos, como é norma xeral neste noso país esperpéntico, e seguiremos aguantando a personaxes que non valen un simple esgarro dun pequeno catarro. Aquí é xuíz e político calquera.