Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (1)

jueves, 28 de octubre de 2021
Hai quen é afeccionado ao fútbol e mantén un equipo, hai quen pertence a unha sociedade recreativa e sufraga os seus gastos... Todo ten sentido: a defensa das cores, o sentirse un co grupo ou a asistencia ao espectáculo. Todo é lexítimo e defendible, pero eu hoxe quería falar do gusto por manter unha cultura, por defender o que nos identifica e vén sendo como un río que ven correndo dende a prehistoria ata a actualidade.

Cando falamos de patrimonio podemos acordarnos de asociacións coma O sorriso de Daniel que dende 2010 promove, defende e apoia a conservación do románico galego en todas as súas manifestacións (arquitectura, escultura, pintura, artes suntuarias...). Unha riqueza construída.

Podemos falar tamén de natureza, da súa defensa e conservación e acoden a nós as ecoloxistas entre as que podemos citar ADEGA, a asociación para a defensa ecolóxica de Galicia, o noso patrimonio natural El, tamén é cultura. Unha riqueza que nos sanda, que é un bálsamo para o espírito e que sempre está a correr perigo e a cada paso a situación se fai máis extrema.

Cando falamos de cultura, inmediatamente nos veñen á cabeza as artes e, todas e cada unha delas, necesitan se non a defensa, si a colaboración. É preciso estar atentos e atentas, andar co lapis a tomar nota de que nada se perda ou deteriore (eses restos megalíticos sempre a piques de ser atravesados por unha vía ou construcións antigas ás que lle medran os xardíns verticais -porque aquí somos moi xardineiros e criamos flores aínda sen darnos conta-, as esculturas públicas que case nunca din quen as realizou pero si cargan coa placa do político de quenda...

Necesitamos escoitar e, así, manter a nosa música, o risco aquí non é só fronte ao castelán porque este tamén se ve asoballado polo inglés (e todos os seus defensores na escola non din nada cando se trata das emisoras de radio ou o que soa en calquera circunstancia). Temos unha música que avanza a calquera ritmo pero que precisa un apoio da nosa cidadanía, porque se non está presente non é por ser peor senón por non darlle espazos que a promovan.

A nivel literario, que dicir? Moita xente fala do best seller que le en español, moitas veces traducido doutras linguas, descoñecendo o que se está a publicar en galego, mirando para outro lado sen querer ver que aquí tamén hai xa literatura de todo xénero e de calidade. É como se seguiran a pensar que o que se escribe está dirixido a unha élite que se alimenta a si mesma ou que este é un país de aldeáns e paletos do que avergonzarse e cando non o acusan de atrasado fano por ideoloxizado e quedan igual de tranquilos, como se comer produtos de proximidade tivera que levar unha marca. Si, sen dúbida é preciso apoiar o noso, a todos os niveis, por todas as razóns que van dende manter a nosa marca, a nosa cor, a nosa identidade... a facelo cos postos de traballo. Por que só nos acordamos dos empregos que se poden perder cando se trata de industrias contaminantes?

A nosa xuventude emigrando despois de estar máis preparada ca nunca, o país endebedado e nós entregándolle a riqueza aos de fóra. Aí non din nada os da extrema destra, porque no fondo todo é cuestión de imperialismo, de axeonllarnos ante os grandes e pisar aos pequenos, de ser racistas cos negros pobres pero non cos futbolistas ou as grandes fortunas, de odiar aos inmigrantes cando veñen en pateiras pero recibir con honores a certas mafias que mercan pisos para conseguir a residencia. Porque a peor discriminación é a da pobreza, o pánico á penuria, a aporofobia.

Pero viñamos a falar de cultura e de como mantela. Viñamos a falar do que fala de nós e nos retrata. Seguiremos facéndoo, non cabe dúbida.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES