A XIII edición do Ciclo Poetas Di(n)Versos volve ao espazo onde naceu con Voces de Albania e Galicia

Regresa a coidada programación poética do Concello da Coruña que reúne mes a mes voces galegas e do resto do mundo dende hai xa trece anos. O único ciclo estable de toda España que acolle regularmente poetas estranxeiros/as está de regreso nunha nova edición que volverá estenderse de outubro a xuño.
Fundada e dirixida pola tamén poeta e xestora cultural coruñesa Yolanda Castaño, POETAS DI(N)VERSOS regresa este mes ao espazo que vira nacer o ciclo alá polo ano 2009: a Casa da Cultura Salvador de Madariaga na rúa Durán Loriga.
Será o próximo luns 25 ás 20h, nun acto aberto e gratuíto que non precisa de inscrición previa e que se estenderá por volta dunha hora.
Entre as novidades específicas non estará só o cambio de lugar para esta lectura; ademais, o virtuoso músico da Orquestra Sinfónica de Galicia e veciño da cidade Florian Vlashi fará un pequeno acompañamento ao violín deste recital inaugural.
Os protagonistas serán nesta ocasión dous poetas nados en 1966 e autores duns

poemas cheos de sensibilidade comunitaria e preocupación social: Luz Campello Garcia, natural de Lavrada, Guitiriz, e Arian Leka (Poeteka Albania).
Ela é Xefa de Servizo de Traballo Social no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña é membro fundador de Nova Poesía Guitirica (NPG), os seus poemas teñen sido musicados ou aparecen en revistas, plaquettes e libros colectivos, así coma nos dous poemarios que publicou 'Do corazón da terra' (Xermolos) e 'O inventario do prohibido' (Espiral Maior).
Pola súa banda, o multipremiado poeta, narrador e ensaísta albanés nacido en Durrës é un dos nomes máis representativos e consagrados da poesía actual de Albania. Doutor en Ciencia Literaria e investigador da Academia de Estudos Albanolóxicos, a súa obra está traducida a moitas linguas.
Unha distinta libraría de proximidade da cidade volverá poñer á venda, cada mes, os títulos das plumas convidadas. Así poderán levar asinados os seus exemplares os lectores e lectoras que o desexen.
Conducido cada acto pola fundadora e coordinadora do ciclo, POETAS DI(N)VERSOS Premio da Crítica de Galicia Mellor Iniciativa Cultural 2014 procura o contacto directo do público cos e coas poetas, facendo soar os seus mellores textos nas súas propias voces, traducidas á nosa lingua as chegadas de fóra e postas ao mesmo nivel en pé de igualdade.