Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (4)

martes, 26 de octubre de 2021
Crnica dun itinerario e dunha poca (4) Hoxe cambiou o panorama, pois, en lugar de rapaciños imberbes, eses estudantes, que son os que máis viaxan, tocoume tratar cuns gardas civís de moito bigote. Subiron na propia Fonsagrada, despois de deixarlles os cabalos aos asistentes, pero a onde ían non o souben ata que se dignaron baixar, pois esta forza pública ten tanta forza que o máximo que me atrevín a dicirlles foi, ¡Ás súas ordes!, e nin me contestaron. ¿Que non me contestaron? Á súa maneira fixérono, meténdome o tricorne nos meus ollos, que nin podía estirarme á dereita para fisga-las curvas dese lado; e logo que, coa fusila entre as pernas, ¡supoño que cargada!, cando se torcía sobre min o contiguo, nas fochas da estrada, pouco faltaba para que me entrase polo nariz o seu couceiro. ¡Se chega a verme miña nai, que sempre me prohibiu mete-los dedos nos fociños...!

Foron todo o tempo loando a sorte que tiñan de que mandase en Lugo, na súa Comandancia, o Comandante López de Haro, un tío "cojonudo"! O que non mencionaron foi se tiña fillos; xa que tan potente era, dou por sentado que si. Dixeron que un xefe tan bo non deixaba sen medallas a quen llas merecese, así que tiñan que facer méritos, que ocasión terían porque, "...Montecubeiro aún está sin tomar, y ahí, con semejantes lobos, un golpe de fuerza tiene su mérito".

En Castroverde apeáronse, do que inferín que irían en busca deses "lobos" de Montecubeiro. Pero non sei se estarán equivocados, pois a xente desa parroquia, polo menos os que baixan a Castroverde para colle-lo noso autobús, vense mansiños e tímidos, o que se di, acolloados. Seica tiveron de quince a vinte fusilados, que xa son pezas, pois outras tantas non cobran os mellores cazadores da Fonsagrada, nin sequera cando saen ao monte de seis en seis. Con isto de que os choferes non libramos nin sequera os domingos, ¡a saber cando poderei achegarme a ese Montecubeiro para coñecer de cerca eses montes, eses cubeiros, eses homes, que moitos e moi bravos debían ser como para que lles puxesen, no seu convento, ou nos arredores, un cuarteliño da Falanxe e dos Gardas!

Por Fonsagrada adoitaba ir o menciñeiro de Berlán, pero hai tempo que non sei del; se non foi un dos fusilados, boa sorte tivo, pois sabido é que só estorbaban os mellores.

En Castroverde subiu un cura, e, claro está, o Revisor fíxoo pasar para diante, para xunto de min; o outro asento veu libre ata Lugo. Sacou un libro e púxose a ler, pero, iso si, despois de desexarme, "Buenos días nos dé Dios". Atrevinme a dicirlle: Señor Cura, tanto libro, tanto libro, ¿non lle chega co Misal? El foi amable, que se explicou, ¡agora en galego! -Trátase do Breviario..., as horas litúrxicas; e de paso, rezo; neste intre facíao precisamente por ti, para que Deus che dea pulso e acerto, pois estas curvas de Paderne parecen cousa do diabro. ¿A quen se lle ocorrería mete-la estrada por aquí abaixo; sábelo?

Quedei abraiado pois foi o primeiro dos curas que me falou na lingua do país. Ao chegar a Lugo preguntei por ese señor, que me deixou encantado, pero dixéronme que non era o Cura de Castroverde, senón o de Pena..., o de Santa María da Pena. De Pena, ou da Pena, sería, pero dá gloria falar con el. ¡Gañei no cambio, xa que subiu no sitio dos gardas!

Aquel menciñeiro, o Berlán, debía ser bo xa que mereceu un artigo precisamente no número 1 deste periódico da Fonsagrada 'O Tío Pepe', fundado polos Peñamaría. ¡Bo e sacrificado, pois mira ti que ir desde o seu Montecubeiro á Fonsagrada, por boa besta Crónica dun itinerario e dunha época (4)que tivese, curando animais...! Igual debera poñer, "persoas e animais", pero, nos tempos que corren, hai veces que resulta difícil distinguilos.

En canto ao Cura teño claro que é un bo crego, pois, de non selo, xa o terían feito bispo. Agora que Franco manda máis cá Deus, ¿a cales nomean bispos? ¡Non o vou escribir, por se quedan acusóns!
-.-

Onte nada escribín, que nada pasou de particular, pero hoxe si teño materia, que volveron aqueles gardas. Subiron en Castroverde, e polo que lles entendín ían a Lugo para informar de como atoparon de calmada a parroquia de Montecubeiro, que tantos pesadelos lles leva dado. ¡Falsarios eles, que foi ao revés! Como me baixei en Castroverde para tomar unha cunca de leite, ¡de leite con leite, pois agora, desde que veu a guerra, o café con leite está prohibido, non polos médicos senón polos franquistas, que gastaron en pólvora o que tiñan, e mais o que non tiñan; seica non hai divisas para pagar importacións, nin país que de nós se fíe! Desde abaixo tiven ocasión de verlles os galóns, que un é sarxento e o outro brigada. Polo que lles escoitei desde que se sentaron cabe de min, en Montecubeiro pouco puideron ver, fóra dos montes e das corredoiras, xa que baixaron durmir ao seu posto de Castroverde. ¿Por medo, por precaución...? Sería algo de todo, pero como llelo note o xefe de Lugo, poucas medallas lles vai dar, salvo que as teña sobradas! Desta vez case non falaron, que xa virían de acordo, así que pouco terían sen remachar. Isto é o único que lles oín:

-Para no caer en contradicciones, salvo que el Comandante, o yo mismo, te preguntemos, tú, chitón!

-¿Y si nos pregunta si hemos recorrido toda la parroquia, con lo grande que es, y él, que la conoce de cuando organizó su cuartel?

-La mayor parte de ella, si, y luego que tenemos buenos informadores, que fueron hábilmente interrogados, poniéndonos al corriente de la corriente de opinión, de la que ahora prevalece. ¡Sea por convicción o por miedo, tú ya viste que en Montecubeiro no quedan zurdos, que todos comen, piensan y saludan con la mano derecha!

-Mi Brigada, lo que es comer, comerían, si tuviesen, que allí se nota mucha miseria, decadencia y retroceso, pero en lo de pensar... yo no estaría tan seguro!

-¡Tú, no, pero yo, sí, que por algo soy tu jefe inmediato!

O outro calou; convencido ou respectuoso? ¡Non o sei!

-.-

Estamos rematando setembro, xa metidos no outono, e nótaselles aos días, que van caendo, así que cadora temos que madrugar máis, e menos mal que todo por aquí abundan as velas de cera, que trobos quedan, pois iso, as abellas, son do pouco que non requisaron para levarllo ao Exército. Gas, petróleo, nin pagado de estraperlo, que talmente parece unha evaporación. ¿Deixarían o depósito aberto? O das abellas ten a súa graza, que foi o único recurso non mobilizado; ¡que burros deben ser os de por aló arriba, que requisaron as mulas e deixaron as abellas, e iso que temos un exército delas! ¡Como se nota que non son melifluos!

Hoxe, a falta de persoeiros, o Revisor asentou á miña dereita un matrimonio xa entrado en anos; nótaselles a idade máis ben en que oen mal, e falan berrando, así que os entendín correctamente, do mellor.

-¿Ai, Xosé, ti levas pensado o que imos facer? Mira que non podemos dicirlle ao fillo da casa que temos que volver a Lugo para ir ao médico, que pode entrar en sospeitas observando o rufos que estamos.

-¡Levo, muller! E se tivésemos que volver á manda, aí na Fonsagrada tamén hai notario...

-¡Haino, si; pero aquí nunca faltan coñecidos que nos vexan entrar ou saír! O meu caso non é coma o teu, que parín aos tres da mesma maneira, e polo mesmo sitio; para a miña conciencia, se tres terzos ten un herdo, un para cada quen!

-Muller, ti paríchelos, pero eu fíxenchos, pois antes que saír de ti, de min saíron. Acórdate daquilo que nos dixo o mestre Portela, falando de non sei quen, e a conto de non lembro que: "Yo soy yo, y mis circunstancias". Non vale o noso antollo senón as circunstancias de cada quen: O fillo da casa máis ten que recibir, que por algo traballa o lugar, e nos coida; despois está a filla, que xa levou algo de dote para casala con ese morgado dunha casa rica, así que non me dá pena, ningunha!

Interrompeuno a muller:

-Estaste esquecendo do noso Ramón, que aínda non o licenciaron desa maldita guerra, e a saber como volve, que igual vén eivado..., e xa non traia unha sífilis, que seica abundan esas mulleres malas por onde os quintos pasan! ¿Que será del, cando volva, se vén inútil, ou non atopa con quen casar, pois as morgadas da súa idade xa están esculcadas?

-Se vén mal, Franco non deixa sen paga aos que ben o serviron! E logo que sempre se pode meter na Policía, que para iso vale, que sempre foi observador. Farase o que temos falado: ¡Terzo e quinto para o morgado!

-¿E se a nora non sae de xeito? ¡Cando máis lle demos ao morgado, máis morgada se fará ela, que acaba de casar e xa se ten por dona e señora?

-¡Outra vaca no millo! Outro tanto fixeches con miñas irmás, que as antepuxeches da casa..., nada máis entrar ti! Daquela, ¡ollo por ollo! E vai calando, que este coche ten máis orellas que un rabaño de ovellas!

Está visto, quédame sabido, que en público mandan os homes; alí, na nosa fileira, non había público, pois eu non contaba, e o Revisor quedaba de lado, pero tampouco estaban na alcoba, que é onde mandan elas!

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES