Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A educación pertence a todos

viernes, 29 de octubre de 2021
Con linguaxe periodística Naomi Klein percorre as etapas da depredación global polo trunfante neoliberalismo económico. No libro 'La doctrina del shock'. A Rusia de Yeltsin, Polonia, Sudáfrica, Chile de Pinochet... E agora os países do sur de Europa tocados pola crise, pezas dun diabólico xogo do dominó con poucos vencedores e unha maioría de perdedores.

Algúns economistas explican a crise, pandémica e sistémica, como estafa consistente nunha xigantesca transferencia de fondos públicos a petos privados. Está a pasar aquí, se a admirable marea branca da sanidade pública non é capaz de frear a cobiza privatizadora. Un exemplo.

O que ocurríu no laboratorio chileno na década dos 70 é revelador e coa perspectiva de hoxe resulta impresionante. Baixo a bota dun fantoche chamado Pinochet, o país puxo a riqueza nas mans dos Chicago boys, abandeirados da relixión neoliberal onde oficiaba o sumo sacerdote Milton Friedman. Naqueles anos terribles, co país de xeografía imposible gobernado por matóns uniformados, houbo unha reforma educativa baixo os parámetros máis clasistas. Crearon unha dobre vía: escolas e universidades privadas carísimas para fillos das familias máis ricas e educación pública tamén cara, para o resto. Familias que con moito sacrificio matriculaban aos fillos nas universidades públicas, endebedáronse cada vez máis para darlles un futuro mellor. A maioría da poboación non podía nin soñar co sistema privado, pero tampouco co cada vez máis inalcanzable sistema público.

Ao longo de dúas décadas o sistema chileno non variou, pero cunha diferencia, agora había democracia. Unha mocidade concienciada e loitadora uníuse para esixir reformas no modelo educativo elitista e inxusto. Por dúas veces o goberno de Sebastián Piñera cedeu á presión dos estudantes co apoio da sociedade. Conseguiron a dimisión do ministro de educación e unha reforma constitucional con inversións significativas en escolas e universidades. O atroz legado da ditadura de Pinochet debera recorverterse nun sistema modélico e máis equitativo. Está a pasar en Europa: países enteiros de xeonllos e gobernos democráticos despoxados do seu poder por bancos, multinacionais e forzas supranacionais perden a confianza da cidadanía. A presión social e estudantil terá que corrixir o rumbo errático de partidos que, como en España, inventan leis educativas contra os adversarios políticos e castigan con elas á sociedade. A educación é demasiado importante como para deixala nas mans dos partidos de turno no poder. É tan importante, tan estratéxica que pertence a todos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES