A dificil arte de sorrir
Pinto Antón, J.A. - viernes, 22 de octubre de 2021
Ocorre ás veces. Cando sacas o billete de bus. Cando andas perdido e preguntas a alguén. Cando reclamas atención con café a un camareiro. Cando levas algún asunto á ventaíña dos mil e un organismos oficiais que nos teñen rodeados. Cando chegas angustiado cun catarro ó Centro de Saúde reclamando a presenza dun profesional. Cando cedes o paso co coche a un peón. E aténdente cun sorriso luminoso.
Non é tan difícil sorrir. Sorrir é extremadamente difícil neste país que se está a transformar nun país rouco, maleducado, túzaro, malencarado, que arremete a berros. Coa atroz pedagoxía dunha política cainita.
Hai outras sociedades amables e sorrintes que viven, venden, conviven, coidan, falan e atenden mellor, porque son máis cultos e dominan a arte de vivir convivindo amablemente. Cun sorriso sempre colgado dos beizos. Con simpatía: en grego, comunidade de sentimentos.
Nada hai que repela tanto como un rostro duro, ríspeto e groseiro, o rostro dun país encabronado, onde se exerce a cotío, con infinito entusiasmo, un cainismo demoledor e faccioso. Que esqueceu sorrir. Que despreza a cortesía como cousa antiga. E onde ensinamos ós máis novos a exercer unha convivencia agre e maleducada, cunha linguaxe primaria que despreza o respecto ó outro, que só sabe expresarse berrando, con ouveos e tacos.
A linguaxe dura dos nosos políticos, que só sorrín nos carteis alectorais, pouco axuda. Esquecen a miúdo o seu papel de facer pedagoxía social, pero iso si, algúns deles namorados dos grandes titulares, sempre teñen na recámara descualificacións absolutas, alcumes e falta de respecto polo adversario.
E nada hai que atraia máis, que desarme o malhumor, que achegue ó outro como un rostro alegre e gozoso, sorrinte, unha palabra amable, un trato cortés. De cortesía: esa mestura de atención, respecto e afecto polos outros.
A angustia da crise económica, agrandada nos medios por apocalípticos profetas do pesimismo, está a expulsar os sorrisos das caras. O estrés dunha vida que esquece os ritmos humanos da convivencia, está a levar por diante as normas elementais da cortesía, da finura, da boa educación.
A xente aparta os ollos, e o corpo se pode, dos energúmenos que ocupan con motos e coches asilvestrados as calzadas, que se fixeron donos da rúa ouveando como brutáns, incapaces de ver que os outros tamén teñen dereitos. A ruptura de límites autoimpostos e das normas dunha normal convivencia está a borrar dos rostros o sorriso que achega e acolle. No espello dos propios ollos reflectimos, ás veces, o peor de nós mesmos. E mostramos un rostro duro, fusco, disfrazado de inimigo do mundo enteiro.
Unha pena. Porque a boa educación, a amabilidade, o civismo, a cortesía son a mellor receita, a máis barata e imprescindible para vivir a carón dos outros. Exercendo, e aprendendo a cotío a difícil arte de sorrir.

Pinto Antón, J.A.