Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 21 de octubre de 2021
Sorpresa Maiúscula
Vin a rula pousada na varanda do balcón. Pero a miña sorpresa foi maiúscula cando, xusto ó pasar por debaixo dela, empezou a piar con insistencia e con moita forza. E tardei un cacho en comprender (perdón, porque sempre fun algo de efecto retardado) Pingas de Orballoque se dirixía a min. Sóubeno porque non había ninguén máis por esa rúa, pouco transitada en por si, e porque entendín ás mil marabillas. Entendía a súa linguaxe! Estaba a dicirme: "mírame, mírame". Eu mirei e, a condenada, era bonita, era guapa. Aínda que eu, nese momento, estaba máis asombrado por entendela que pola súa fermosura. "Sube, sube", seguía a dicirme. Ai que demo de rula, como vou subir! Só es un paxaro. "Pero son un paxaro guapo, verdade?". Eu, coa boca aberta, admitíalle que si.
Axiña me puxen a pensar se entendería tan só a esa rula ou se conseguiría entender tamén a outros animais. Nin tiven tempo de pescudar niso, porque foi a propia rula a que, léndome o pensamento (condenada!), me dixo que tan só podía falar con ela; como ela tan só podía falar comigo. Eu xa empezaba a suar. Non sei se pola emoción ou de angustia, pero suaba. Nunca me vira noutra. É máis, creo que ninguén se vería nesa situación: a de falar e entender a linguaxe dun animal, desa rula. Que carallo, pouco a pouco afíxenme á sorpresa e púxenme de parola con ela durante un bo cacho. Claro que todo isto non o podo contar. Ninguén me crería.

O instante que aniñou no silencio
Ela botouse a andar cara ó infinito e máis alá. El quedou cos ollos tristeiros e vendo como ela se perdía na distancia e quizais no tempo. El quixo berrar pero non lle saía o berro. Optou por ir detrás dela. Ela mirou para atrás e, ó velo, acelerou o paso, coma se fuxira de certos sentimentos. El quixo asubiarlle pero tremíanlle tanto os dedos que non conseguiu introducilos na boca. Pingas de OrballoEl axiña notou que polas súas meixelas baixaban unhas pingas de orballo. Ela botou a correr. Non quería sentir pena por el.
Entón si, entón cando viu que ela se afastaba cada vez máis, foi cando a el lle saíu o berro. E todo quedou en silencio. O desgarro foi tal que semellaba que se acababa o mundo, ou que rebentaba o tempo. Ela freou en seco, sentou e escondeu a cara entre as mans. Ese instante aniñou no silencio. El, cando a viu, tamén freou en seco. Quixo sorrir pero saíulle un xesto tan pobre e tan melancólico que decidiu pegar media volta e deixala en paz. Foise contraendo as entrañas, arrastrando as penas e berrando en silencio para si mesmo.
Agora foi ela a que quedou desarmada, a que non sabía que facer, como actuar. Ergueu e colocouse con dirección ó infinito e máis alá. Só conseguiu dar tres pasos. Volveuse e foi ela a que berrou agora e a que asubiou e a que se botou a correr. Cando o alcanzou, cando chegou á altura del colleulle unha man e apertoulla con forza e, ó mesmo tempo, con moito agarimo. A el caéronlle emotivas pingas de orballo. Camiñaron en silencio. Xuntos. Ela e el. El e ela.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES