Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As sorprendentes aves da primeira idade

miércoles, 20 de octubre de 2021
Ter vivido nun mundo de hai xa ben de anos no que os avances da técnica non eran aínda dominantes conformou decisivamente mentes e sensibilidades infantís dun xeito diferente a como ocorre agora.

Un noso mundo aquel que é aínda seguramente quen de soster o interior recuncho persoal de moitas das nosas provectas vidas.

A natureza brindábanos en abundancia misteriosos seres, próximos a nós e porén tan distantes, que espontaneamente eran donos da arte para nós inalcanzábel de se poderen desprazar no ar, expertos en insospeitados cantares e dotados de sorprendentes comportamentos que nos abraiaban.

Chegamos así a coñecer dende moi preto as caseiras anduriñas e o seu delicado construír con lama virxe o futuro fogar das súas crías, as inquedas greas dos a nós tan próximos pardais, os atléticos cirrios donos das alturas, os pequechos carrizos de redondo e cativo fogar de musgo, os intrépidos pombos ornados de albos e relucentes torques, as rulas arrolantes e agarimosas que máis dunha vez coidei de rapaz en amplas gaiolas construídas por nós mesmos, os merlos debulladores de melodioso e sosegado canto, os cautos e agoireiros corvos, as sutís e campestres chías escribideiras, as montesías lavercas de ascendente e lírico cantar, os tenros e amigábeis paporrubios, os chingos ou pimpíns de fino canto tintinante, os coloreados gaios ou pegas marzas das mestas carballeiras, os cucos "ocupas" de lacónico e agachado cucar, as senlleiras curuxas compañeiras da lúa e das estrelas, as lavandeiras de fina elegancia e querenza de limpas augas ou terras labrantías, os campestres paspallás que ceibaban o seu canto dende o interior dos amplos campos de centeo, as dondas e repoludas perdices que en compacta formación de súpeto nos sorprendían co seu impetuoso voo etc.

As nosas incipientes habilidades mentais ían medrando en boa parte nese grato contacto, cotián e vivencial, con tan indeducíbeis criaturas.

Debido á abondosa oferta de fermosuras e galanos tan incomparábeis que a xenerosa natureza ante nós despregaba, éranos, xa que logo, grata laboura tentarmos "seguir" o niño dalgunhas destas aves compañeiras. Expresión esta de "seguir" que para nós era equivalente á de atoparmos o seu niño, mais tras atenta e cautelosa busca e sen que tan engaiolante e fuxidío encontro con el provocase porén que os seus expertos e sixilosos construtores o enxeitaran. Ollabamos así con sostida emoción na descoñecida novidade do seu secreto interior, mais sen nel alentarmos e mesmo case sen ollarmos. Segredo que loxicamente só compartiamos con contados amigos.

Cando hoxe mundos e pobos instan á imprescindíbel e necesaria atención e coido da natureza, tantas veces desprezada ou destruída polo xeral desleixo, emerxen alá de novo nos recónditos fondóns da alma airexas virxes dunha infancia que nalgúns de nós por sorte aínda latexa e que para todos eu ben quixera reivindicar.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES