A voltas co idioma
Editorial - jueves, 31 de julio de 2008
De novo, o idioma enfrenta en lugar de unir. De novo, a voltas co idioma.
En tempos lonxanos dos que só os máis vellos gardan memoria, o idioma galego era o idioma da cultura, do combate, da loita, dos campesinos e dos mariñeiro. Eran os anos sesenta, setenta e oitenta.
Logo o idioma tivo recoñecemento, comezouse a impartir no ensino, entrou en círculos ata entón case vedados, e coidamos que o tema estaba resolto.
Pois non: Un cuarto de século despois, segue a enfrontarnos o idioma. Hai quen propugna un só idioma para todo o estado español Manifiesto por la lengua común- pedindo que sexa o castelán o único que teña status de legalidade e vixencia. E por pura hixiene mental nace en Galicia un Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego.
Pero o tema está legalmente resolto xa que existe a cooficialidade dos dous idiomas sendo os dous legais, reais, presentes, na nosa vida cotiá, na nosa vida.
Preocupación debera despertar esa noticia de que case a metade dos galegos (47,4%) non coñece ningún idioma extranxeiro, neste mundo global no que cada idioma coñecido é unha riqueza persoal e social innegable.
Darlle voltas ó tema do idioma, a estas alturas, é rizar rizos que non precisan mención. Todos temos moi claro que para falarmos entre nós, entre os galegos e en Galicia, temos un idioma propio. Para relacionarnos coas xentes de máis aló das serras orientais de Galicia, o castelán. E para andar polo mundo, cantos máis idiomas, mellor.
O resto, son andrómenas.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora