Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un outro ollar

viernes, 19 de noviembre de 2021
O silencio fala cunha intensidade clarividente. Para quen sabe ollar, unha imaxe suspendida no tempo comunica infinitamente máis que o frémito inconexo de moitos discursos fútiles que nos rodean.

Esa esencia icónica alimenta Nenas medrando, o libro de poesía visotextual que asina Silvia García para Chan da Pólvora, un mapa de miradas das que abrollan os versos como negativo verbal dos instantes fotográficos capturados.

Nenas medrando recolle un feixe de dúas ducias de instantáneas de época nas que figuran retratadas diferentes nenas. As imaxes, que a autora foi adquirindo aquí e acolá en mercadiños ou a través de internet nun curioso afán coleccionista, van acompañadas de cadanseu poema a modo de écfrase; isto é: unha proxección verbal da representación visual de partida.

O diálogo intermedial entre verso e fotografía achéganos aquí a infantes que posaron para a fotografía codificando mudamente todo un mundo interior que cómpre adiviñar nas olladas, na proxemia, na quinésica, mesmo nos contextos da sonoridade suxerida ou da paisaxe habitada. Todas esas linguaxes non verbais, mais en boa medida corporais, permiten intuír posibles pensamentos, futuribles das protagonistas, ata incomodidades da propia crianza ou maduración.

A autora, nun revelador ultílogo, informa de que a idea deste proxecto xurdiu da contemplación das fotos que Lewis Carroll tomou de Alice Lidell, a nena na que se inspirou para a súas arquifamosas Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello. Nesas imaxes Alice aparecía case sempre anoxada, como se a situación lle desagradase enormemente e se vise obrigada a posar. Pois ben, esa idea da infancia forzada serviu de fío a García na procura doutras instantáneas de nenas nas que tentou descubrir "a incomodidade de medrar, un tempo prolongado no que cada quen sente que abanea, unha incomodidade da que se pode falar e crea eco".

Revelar o que cala unha nena, enxergar a rebeldía latente que se agocha tras dunha situación desacougante, é o punto de fuga no que semellan converxer esta vintena longa de visopoemas. Neles os retratos 'falan' para nos contar desas pequenas con "toda a incomodidade/ xunta/ e/ na punta dos pés/ as uñas medrando"; ou desas rapaciñas cun desexo que se cifra en "fuxir dun cuarto pequeno/ ser ousada/ esperar a vida/ como as cereixas". Noutras ocasións é a dúbida do futuro do porvir incerto a que inqueda ás escolantes: "igual no futuro/ non hai pupitre nin sorriso/ que espere". Pero a rebeldía pula decote na loita por un mañá venturoso: "todas as liñas do chan están para que as salte/ con coidado/ o meu avó leva as contas/ e anímame na traxectoria". Velaí o vagalume da esperanza, a ilusión que palpita nas pupilas das cativas onde a vida "parece un tempo simple/ espreitando/ que todo acabe de mudar/ e que o mundo/ deixe de desbocarse".

Suxestiva proposta a que nos regala Silvia García con estas súas Nenas medrando, extensión do valioso traballo que esta canguesa leva anos desenvolvendo no eido das artes plásticas, tanto no seu quefacer no CGAC como, actualmente, sendo docente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, mais tamén nas landas da poesía, nas que se dera a coñecer hai tempo como autora distinguida nos certames literarios organizados pola Universidade de Vigo.

O corpo como territorio radical, a complexidade dos procesos de maduración e as lembranzas das primeiras andainas vitais conforman os vértices nos que asenta a poética indagadora desta obra de Silvia García, que nos desafía a un outro ollar, a descubrir o envés da realidade nas epifanías fotográficas destas Nenas medrando.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES