Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (3)

martes, 19 de octubre de 2021
.../...

Se no de onte case chorei coa pena que me dan os desequilibrios deste mundo, hoxe confortoume saber que hai persoas caritativas, incluso nas alturas deste pais. Pero irei por partes:

Ao dobrar a esquina da rúa onde gardamos o coche, quedei aterecido, entre o frío da mañá e mailo descubrimento dos meus ollos: Mesmo diante do portalón un vulto grande, confuso, informe, irrecoñecible por culpa dese manto de néboa que tanto lle quere á Fonsagrada que ata durme con ela. A miña primeira idea, pois os pensamentos adoitan casar coas circunstancias, foi este: ¡Cómame Xuncras, que isto é cousa dos fuxidos; puxeron diante da porta ese feixe de xestas para que, ao apartalas estale a bomba! Quedei inmóbil; non sei canto, pero catro ou cinco minutos si; e despois puxen a traballar a cabeza, pois as mans podían esperar: Se retiro esa leña, a bomba, que vai ter a espoleta atada ás xestas, acabará comigo, comigo e coa porta do garaxe; despois virán os veciños, e con eles a Garda Civil, pero eu, para daquela..., confesándome con San Pedro!

Seguín meditando, sen moverme da esquina: ¿Se aviso á Garda Civil, de antemán, mentres o fago pode vir o Revisor, coas chaves, coas del, e..., outro tanto! Para dar de voces, tan cedo, non me perdoarán que esperte á veciñanza... Despois destas vacilacións, e sen case terme de pé, que se me dobraban as pernas, funme achegando ao vulto, paseniño, paseniño... Xa de cerca, abríronseme tanto os ollos, que estiven a punto de poñerme a berrar, mais agora por outro motivo: ¡Unha muller..., morta..., pois aínda que fose unha mendiga, aí non durmiría! Daquela tiven outro tremor, outra vacilación, que nin era capaz dunha preferencia: ¡Unha bomba debaixo dun feixe de xestas, ou unha muller morta! ¿Mataríana; morrería de morte natural?

O último dos descubrimentos foi observar que, coa mesma atume dun saco mediado de cousas, tiña atada unha das súas mans: ¡Isto non pode ser: Ou é cousa de Xuncras, ou é que me volvín tolo; pero, se estou tolo, como é que veño directo ao garaxe, con intención de poñerme ao coche? ¡Por se era cousa do diabro, fíxenme de cruces, tres ou catro!

Xa ao pé daquela muller, fixeime na súa cara: De mediana idade; e logo que, morta, morta de todo, aínda non debía estar, que se vía coloradiña. Engorde, engorde, e con toda delicadeza, collinlle o pulso: ¡Latía! Tanto lle latía, que a pouco que lle toquei, espertou:

-¿Que fas aquí; quen te prendeu ao saco? ¡De lonxe, coa néboa, parecías un feixe de xestas mouras!

Foise incorporando, e fitoume tranquila, sosegada:

-¡Ai grazas a Deus que chegou, pois, cansa de esperar, entroume o sono, e por se pasaba algún ladrón atei o pulso ao mesmo saco; deste xeito xa podía durmir tranquila, cousa que fixen!

-Muller, déchesme un susto de moito nabo! ¿Ou é que non sabías a que hora sacamos o coche?

-Mire, reloxo non teño, pero voulle contar como foi a cousa: Eu son a Manuela da Bastida, e resulta que me subiu o fillo, na besta da casa, ben cedo porque nos queda parindo unha vaca, e ten que atenderlle, que outras veces tivemos que tirarlle da cría, e a miña nora, que encima está preñada, ela tamén, o que é soa non vai poder. ¡Tróuxome, e deixoume!

-Está ben, que xa me quedo tranquilo, pero, este saco...? ¡Claro, hoxe é martes, mercado en Lugo, así que algo leva para vender...! Desátese do saco, e apártese un pouco, que teño que abrir. Despois subimos isto á baca, e vostede entra, a ver se quita este frío do corpo... Eu, mentres, acenderei o gasóxeno, que me vai facer suar, coma sempre, por frío que faga!

-Non lle vou ao mercado, que en Lugo seica teño que coller uns coches que lles chaman..., que lles chaman..., xa me lembro: Os coches de Ribadeo!

-Así que vai para Ribadeo?

-Non, señor, voulle para Coruña, que alí teño unha nora, outra, que seica se puxo de acordo coa vaca..., e tamén está a parir!

-¿E vai de parteira...?

-Non, señor, que vou para coidala, que ela non ten familia; a nai xa morreu, e ao pai, que era Garda, matárono os fuxidos, no monte, pola parte de Quiroga... ¡Menos mal que daquela mandaba don Sergio..., e de acordo con dona Rosario, acolleron á filla do morto, que a teñen de criada..., na Coruña. ¡Benditos sexan, que por algo son de Santa María!

-¿Refírese a don Sergio Peñamaría de Llano, non si, pois, todo por aquí, Marías hai moitas, pero non adoitan facer favores aos criados! –Permitinme esta broma, máis ben coa intención de animar algo na Manuela, que seguía tremendo, coma unha vara verde, fose polo frío ou pola inminencia daqueles partos.

-¡Ai que listo é vostede, que pronto adiviñou! Pois mire, os favores de don Sergio foron dous: un, xa llo dixen, coller de criada, aló na Coruña, á filla do Garda morto..., cando el mandaba niso desa parte de Quiroga! Os fuxidos, sabe? E a outra, que colleu de gardián do pazo, e para coidarlle a horta, ao Daniel... Daniel é o meu fillo, que estivo na Legión, e cando o soubo don Sergio, colleuno de Asistente. Ese foi o primeiro dos favores, que despois casouno coa criada, e así..., todos felices! ¡Que boa xente lle hai neste mundo; e vostede, tamén, que me sentou aquí dentro, e xa comezo a quentarme...!

-¡Vostede quentarase, pero o que é este maldito gasóxeno...; menos mal que aquí vén o Revisor, a ver se entre os dous...!

Nesta viaxe todo se me volveu pensar que ata é bo que haxa ricos, aínda que só sexa para que nos collan de criados!
-.-
Crónica dun itinerario e dunha época (3)
Subindo a Montouto

Onte, xa de noite, que nos pechou subindo a Montouto, como estes coches aluman menos que un verme, para facer a manobra de metelo de traseira no garaxe sempre se baixa o revisor e vaime dicindo; ao non velo, que se puxera detrás, escapóuseme aquel pensamento de todo o día:

-¡Aparta, Manuela, que teño que entrar!

Menos mal que o revisor, co ruxido do motor, non me oíu ben, e saíu por un lado, preguntándome:

-¿Que berras, a que esperas; xa che dixen que así vai ben!

Gardei o segredo, ou sexa, calei, e así non se riu de min; tiña dereito a facelo, que fai falta estar obsesionado co incidente da Manuela para soltar aquel nome..., con ela, a tal momento, na Coruña! Ceamos, cerramos, e despois cenamos, como de costume, no Alameda, onde tamén me gardo de te-la boca aberta, para non descubrir os pensamentos, pois, se chego a dicirlles o contento que estou do ben que nos tratan, igual nos soben o prezo da pensión!

Na cama, a soas, falar non falei, pero o que é matinar...! A tal momento Manuela xa estaría na Coruña do seu fillo, tirando para fóra do seu neto, do primeiro! ¡Vaia apuro: parir, á vez, a vaca e maila nora! ¡Ai que ver como se engarabitan as cousas: Se non houbese guerra, non facía falta a Legión; sen Legión, o fillo da Manuela non se libraba do cárcere, pois, segundo me contou ela en Lugo, que a acompañei a xunto dos de Ribadeo para quitar o billete coruñés, largouse para África antes de que chegasen os Gardas, avisados polo fillo dun buronés, co que se pegara por culpa dunha moza de Padrón, e a mala pata de que o da Manuela tiña no peto unha navalla das de sete estalos... ¡Matar non o matou, pero rachoulle unha perna, que precisou de cinco puntos, que llos deu a estilo veterinario o menciñeiro Berlán, coa sorte de que estaba cerca do lugar, e avisárono!

Non sei o que pasará na cabeza doutras persoas, pero na miña, cando sei de algo que se sae do corrente, dan en bailar os pensamentos; e menos mal que nunca borracho me vin, nin de viño nin dos pensamentos! O de onte trancábame o sono, que ata me cabreei comigo mesmo pois isto de conducir non se pode facer toqueneando! A ver se o escribo cunhas cantas verbas, pois din que non hai nada mellor que poñer en fila os pensamentos, unha letra tras da outra, para que esmorezan.

Ía dicindo: Se non coincidisen na Legión don Sergio e mailo fillo da Manuela, coa dobre coincidencia de que os dous eran da Fonsagrada, este, de licenciado, igual tiña que pasar a Marola, pois o casarío seica é de pouca larganza. Pero o que non se me quita da chola é: O Peñamaría é Avogado; daquela, ¿para que coño fan falta avogados na Legión, cando é que se están indo para ela precisamente aqueles que foxen dos Avogados?

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES