Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A importancia das cousiñas pequenas

jueves, 31 de julio de 2008
Xa están aquí os tempos dos faraóns. Cinco mil anos de historia déronse a volta como un calcetín e volven estar connosco Keops, Kefrén e Micerinos, os das grandes pirámides de Gizeh. E tamén Tutankamon, o faraonciño inútil disfrazado de ouro.

Os nosos pequenos gobernantes teñen grandes soños de faraón. Déitanse a noitiña con presupostos milmillonarios de ‘pirámides’ que a realidade encárgase de multiplicar por dous ou por tres.

Calquera pedáneo fica cos ollos en branco soñando para a súa aldea cun Museo de Arte Contemporánea que maldita a falta que fai nun lugar onde abondaría con amañar paseniñamente os camiños, limpar a fonte e cambiar a a lampada dos farois.

Hai concelleiros de obras, portos, aeroportos, AVES e canles empeñados en pasar á posteridade cunha placa de bronce nun viaduto, aínda que falte o río ou fora mellor que gastara a vinteava parte en deixar limpo un río emporcallado e fedorento.

Fartiños estamos das grandes proclamas ecolóxicas que salvan cada telexornal o planeta mentres facemos equilibrios para sortear nas rúas as cagadas do millón de cans con donos incontrolados.

Calquera paspán é ben capaz de facer nun descampado dos arrabaldes os xardíns de Babilonia, con fondos europeos claro, pero xa nos gustaría ver seis meses máis tarde flores neses xardíns, e a herba recortada, e podadas as árbores.

Laiámonos das desfeitas dos bosques da Amazonia, ata dicimos que son o pulmón do planeta Terra mentres esquecemos os pulmóns da nosa cidade, os nosos soutos, parques e carballeiras.

Os incendios forestais queiman a nosa esperanza de futuro, e queimados estamos vendo como esas selvas vanse en fume na sementeira diaria que enche as nosas rúas e os nosos buzóns de prospectos de mercados, supermercados, hipermercados e outras pizzas.

Falan e non paran os nosos responsables educativos con inabarcables cifras macroeconómicas de grandes planes e inversións educativas, pero seguimos a ver nos barrios da nosa cidade os colexios públicos cos patios sucios, os valados rotos e os muros maculados coas pintadas das alegres hordas de San Vandalismo.

Moitos millóns do noso peto de contribuínte custou lousar as rúas da cidade. E ese esforzo xigante merece aplauso pero as furgonetas de reparto, as motos peideiras e os coches seguen a conquistar centímetro a centímetro as beirarrúas da xente enzoufándoas con aceite queimado.

Bush, Putin, Sarkozi, Merkel son nomes grandes e lonxanos para os que nos interesan os nomes cercanos do alcalde e dos concelleiros da nosa cidade, xente que podemos atopar pola rúa e da que depende boa parte da nosa calidade de vida e o cativo benestar dos desvalidos. Están cerca de nós, son os nosos representantes. Oxalá acerten.

Porque necesitamos máis gobernantes e menos faraóns. Necesitamos máis sentidiño común e menos soños xigantes. Necesitamos menos ‘pirámides de Gizeh’ e máis coidado cos detalles que fan amable a vida cotiá. Necesitamos menos Tutankamóns con coche oficial e máis profesionais pendentes das cousiñas pequenas. Necesitamos menos viadutos de deseño e máis sumidoiros que traguen a auga das nosas treboadas. Necesitamos menos Centros da Arte Contemporánea e máis farois que alumen e contedores que non cheiren a merda.

Necesitamos mirar con ollos grandes as cousas pequenas, as flores regadas, a herba cortada, coidadas as nosas árbores, as rúas relimpas. Necesitamos utopías con rostro humano.

Daquela recobraremos o tesouriño amable das cousas sinxelas, as cousas veciñas á vida que teñen estatura humana e non faraónica, as cousiñas pequenas, é dicir, as verdadeiramente importantes.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES