Miguel Anxo Fernán-Vello no Paseo dos Soños
Valcárcel, Xulio - jueves, 14 de octubre de 2021
Poeta, dramaturgo, editor, deputado a cortes
, Miguel Anxo Fernán Vello é unha alta, unha singularísima figura que ben merecía a homenaxe que lle renderon a Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos que preside Afonso Blanco Torrado: un hectómetro no Paseo dos Soños á veira do silandeiro río Madalena de Vilalba.
Sería un erro tratar de recoller, mesmo resumida, a coherente e intachábel traxectoria de Fernán Vello, acudindo ao estudo detallado de cada un dos seus libros. Limitareime, xa que logo, a sinalar algunhas características comúns a todos eles. O primeiro que descubrimos ao achegármonos a calquera texto de Fernán Vello é a eufonía, a sonoridade grata, melodiosa, que resulta da axeitada combinación dos elementos acústicos das palabras. O resultado é a elocuencia, esa facultade que consegue deleitar, persuadir, emocionar
, afondando na capacidade cognitiva e no plano sonoro da linguaxe.
A este respecto, cómpre lembrar que Miguel Anxo, ademais do extraordinario talento literario por todos recoñecido, tamén o ten para as artes plásticas e para a música. Pinta con orixinalidade e delicadeza e toca varios instrumentos: estando nunha ocasión en Portugal, os ouvintes admiráronse ao sentir as notas dunha ocarina, tan pequena, que se lle confundía entre as mans. E ficaron perplexos pensando que lograba aquel sonido simplemente cos dedos! Mago das verbas e dos sons, Miguel Anxo Fernán Vello.
Sonoridade
Miguel Anxo extrae das palabras toda a súa celmosa sensorialidade, brillos, cores, tactos e fragrancias a través dunha densa textura metafórica e dunha imaxinería na que adquire especial relevancia o corpo e as súas manifestacións: o sangue, o corazón
, cun ritmo que se vai abrindo desde dentro e cun dicir vibrante, case trémulo, no recitado. "Todo o que vive ten que soar. Para os místicos, os movementos sonoros son os máis reais, de maneira que a música constituiría a forma superior da sabedoría", escribiu Eva Veiga a propósito do labor do noso poeta.
Na procura dese intre auroral e inocente, "desa luz escura que se incendia no verso", Fernán Vello concibe a actividade poética como elemento vivificante, como forza purificadora capaz de esluír, de despexar as sombras que se abaten sobre a existencia. O amor eríxese así en polo magnético que orienta e informa unha substancia poética, no seu caso sempre sonora, que capta e recolle un "rumor" se cadra anterior ás palabras. Non o sei. O que si parece evidente é que a expresión literaria se axusta á expresión sonora nese "luminoso signo extasiado e profundo, nesa música chea de azas transparentes". Emoción e intensidade modulada en versos de longo alento, semellantes ás longas e dilatadas planicies da súa Terra Cha orixinaria.
O resultado é unha materialidade transida de ensoñación, unha espiritualidade voluptuosa, "o que a pureza ten de provocación e a inocencia de retraemento. Ese morbo que emana da inocencia, pois é sabido que adoita agachar un inconfesado anhelo de reparación de instintos máis primitivos", anota, con tino, Xabier Baixeras. Nesa dualidade ambigua, entre a pureza e o desexo, os corpos perderán finalmente a inocencia e converteranse en materia amorosa, mais non por iso impura.
Ese espazo fronteirizo, entre o anhelo de elevación e a realidade física, define os primeiros libros de Miguel Anxo Fernán Vello, nos que destaca a lúcida selección do léxico amoroso e do material simbólico, cabo da cadencia xa sinalada. Así sucede en "Memorial de Brancura", no que o corpo se afirma como referente esencial ("brancamente habitarse/ de ser e de pureza/ contra o tempo e a morte") e transcendente, pois superará calquera continxencia grazas á capacidade xenesíaca e perdurábel da arte.
A presenza da "materia corporal" terá continuidade anos máis tarde en "Capital do Corpo", introducindo dous novos motivos: a nostalxia e a morte, "o poro íntimo /e luminoso/ da desolación" ou de xeito lapidario cando di: "O corpo é un ser desterrado". O poeta entra nun proceso de desprendemento e de nudez no que o corpo, a materia, é a única agarradoira. Desaparecida esta, abocámonos ao "poema en branco", á nada.
Transparencia
Outro elemento definitorio da poesía de Fernán Vello, é a transparencia, como podemos comprobar no "Libro das Paisaxes Vivas". Poemas nos que a ollada se detén, atenta e amorosa, sobre a realidade externa, que interioriza e humaniza mediante unha expresión núa, vibrante e emotiva. O "eu" individual, interno, ábrese e ofrécese ao "nós" colectivo, externo, en laio pola natureza, pola utilización torpe e depredadora á que a sometemos. O que en Novoneira é asombro e admiración ante a súa grandeza, é denuncia e dor en Fernán Vello. A de Novoneira é unha paisaxe poderosa, sublime, case ameazante. A de Miguel Anxo é unha paisaxe en perigo, ameazada. Tampouco as paisaxes de Noriega nin de Manuel María son as de Miguel Anxo. En Noriega, idealizada nun franciscanismo inxel; en Manuel María, cantada na súa verdade inmediata.
Desexo e dor, tempo e memoria. A terra, o ar, a auga e o fogo informan os "Cantos da terra posuída" nos que batemos con outra proposta formal: a utilización do versículo para atender a rotación cíclica das estacións, as chuvias, os ventos, os días e as noites
, sempre, insistimos, con esa cadencia harmoniosa e esa fluidez natural das palabras. Etapa de diálogo, de interacción coa natureza que terá continuidade n´ "As certezas do clima" e nos excelentes "Poemas da lenta nudez" e que adquirirá tinguiduras aínda máis dramáticas en "Territorio da desaparición", no que a caída existencial convive co compromiso político, expresado nun ton confesional, duro e amargo. O desamparo existencial cerna as ansias do poeta e lévao ao "pozo nocturno" da amargura. De aí o anhelo de desarraigo e de fuxida, "en dirección ao norte" para escapar do "arrecendo xeado da desolación".
Coda
Outros moitos temas habería que tocar e tratar, pero non é posíbel no espazo limitado dun artigo. Fiquemos, pois, cos versos do poeta Miguel Anxo Fernán Vello na placidez do "paseo dos soños" vilalbés, veireado de salgueiros e ameneiros, contemplando as oucas verdes lambidas polas augas transparentes e escoitando o rombar do río e os ledos saltos das troitas "nun espazo libre de morte".
(Palabras de Xulio Valcárcel na homenaxe a Miguel Anxo Fernán Vello no acto de inauguración do seu Hectómetro Literario no Paseo dos Soños de Vilalba)

Valcárcel, Xulio