Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Folión dos Carros e maila Feira do Viño de Chantada (2)

miércoles, 13 de octubre de 2021
2º. O folión neste século
A edición do 2005, estivo patrocinada pola Deputación de Lugo e mailo concello de Chantada. Ademais, colaboraron outras institucións como, as concellerías de Cultura e Agricultura, a Asociación de empresarios de Chantada e a comisión de festas.

Gozou dun presuposto de 18000 euros, que foi destiñado para planificar o evento e para que un xurado, representativo da localidade, concedese dez premios dunha cuantía de 1400, 1200, 1100, 850, 650, 600, 575, 550, 525 e 500 euros. Ademais, tamén se concedeu un agasallo á mellor xugada de bois ou vacas, e outro á carroza máis representativa que fose asentada sobre un carro.

Na actualidade, a organización deste evento corre a cargo da "Asociación de Amigos do folión", que se encarga, ademais, de preservar e promocionar este acontecemento. Consta duns 200 socios, que tentan recuperar antigas tradicións do agro chantadino e da vila.

3º. O DESFILE DOS CARROS.
A participación é libre. Tódolos grupos participantes, denantes do desfile, deben levar a cabo a inscrición previa e adecuarse ó regulamento fixado pola asociación de "Amigos do Folión", reflectido na valoración positiva ou negativa das súas propostas temáticas; na aceptación só da tracción animal nas diferentes carrozas; na revisión das diferentes plataformas, etc.

A presente edición, contou con dez carrozas que desfilaron polas rúas máis modernas da vila perante un numeroso público, que agardaba espectante as diversas representacións. Ó final do percorrido había un xurado, que se encargaba de xulgar diferentes aspectos das carrozas, como a escenificación que levan a cabo os distintos oficiantes de cada unha delas e a súa vistosidade. De tódolos xeitos, un bo número de integrantes das carrozas, consultados denantes de encetar o desfile, afirmaron que o factor máis decisivo para o xurado, era o "efecto espectacular" que podían amosar os diversos carros e plataformas.

Nesta edición, cuarta na que o folión se celebra como festa de intérese turístico, -categoría outorgada por un acordo do Consello da Xunta de Galicia de 10 de marzo do 2002-, a escenificación e temática dos diferentes carros e plataformas foi a seguinte:

• Carro nº 1. "¿A PELÍCULA?... POÑÉMOLA NOS".
Trátase dunha carroza asentada sobre dous carros unidos para disponer de máis espazo e para seguer cos fundamentos da tradición.
Os seus oficiantes fixeron unha representación resumida do desenvolvemento do cine na vila durante o século pasado.
O cine chegou a Chantada no ano 1912 grazas á Liga de Amigos. Logo, sería a lexendaria Dª Aurorita a primeira persoa que adquiriu un proxector. Posteriormente, no 1931, xurdiu a primeira sala de cine, denominada a Terraza e, logo, foron aparecendo o cinema Iris, o Cervantes, o Capitol (1941), o Yeca (1958) e o López Otero (1990).
Por outra banda, os oficiantes, ademais de dar a coñecer as salas de cine, existentes nesta localidade no século XX, puxeron en escena unha serie de efectos ligados con este arte como, a censura, por medio da Oficina Nacional Calificadora de Espectáculos e a Comisión Episcopal para a doctrina da fe; a figura do acomodador; os rapaces, faltos de cartos, e tentando "colarse"; o cine, como lugar axeitado para as parellas para poder vivir un pouco de intimidade; e, finalmente o destape, fenómeno ó que aínda deron chegado algunhas persoas de idade, que viron na pantalla o que non viran na realidade.

• Carro nº 2. "O PAN CENTEO".
Logo dun mes de ensaios, os oficiantes desta plataforma -12 homes e 6 mulleres- escenificaron tódalas actividades ligadas con este cereal, dende que se sementa ata que se pode comer.
En primeiro termo, este cereal fundamento da alimentación galega ó longo da historia, sementábase nos campos nos meses de Outono e Novembro. Ó comezo do verao os paisanos segaban con fouciños o cereal; as mulleres facían os mollos; e, logo, mesturados todos levaban a cabo a feitura “dos medeiros” na propia terra de labor. Días despois transportaban os mollos en carros, tirados por xugadas de vacas, ás eiras das casas, onde se realizaban "as medas". Ó caron delas, levábase a cabo "a malla", na que os participantes tiñan unha tarefa específica: mallar cos mallos, aventoar, construír os palleiros, almacenar o grao nas huchas, etc. Posteriormente, o grao levábase a moer a algúns dos muíños que hai ó longo dos ríos e regatos da comarca. Finalmente, serán as mulleres as que amasen a fariña nas artesas e a cozan en pezas nos fornos das casas.
Compre sinalar que, nesta carroza, os oficiantes amosan unha serie de elementos ligados ó desenvolvemento da tarefa, a saber, o medeiro, os mallos ("mallar"), o palleiro, o ferrado ("aventoar"), a artesa e o forno.

• Carro nº 3. "A FESTA DA EMPANADA".
Os oficiantes desta plataforma, logo de ensaiar unha semana, representaron un dos eventos, que xunto co "folión" constituen os eixos fundamentais das festas patronais da localidade. O derradeiro día das festas, moitos chantadinos acoden á carballeira da Sobreira, situada a poucos km. da vila, para degustar este producto, aínda que, tamén, adoita acompañarse doutros, como tortilla, churrasco, polvo etc.

• Carro nº 4. "O FOLIÓN DE CARROS".
Nesta plataforma, os seus oficiantes, por medio da imitación de tres carros coas súas respectivas representacións, reivindicaron o antigo carro do país, como medio de escenificación básico para "o folión", e non as plataformas actuais que non se adecuan ó sentir dos nosos devanceiros.

• Carro nº 5. "A FEIRA DAS CABRAS".
Nesta carroza, os seus integrantes, parodiaron "a feira das cabras de Merlán", que é das poucas deste xénero que se seguen celebrando en Galicia.
Trátase dunha feira na que o elemento esencial son os pastores de cabras, que acoden a vender estes animais, aínda que, tamén, veñen mulleres de diferentes parroquias non só do concello, senón tamén doutros limítrofes para vender diversidade de productos, como, coellos, pitas, verduras etc. Os oficiantes desta plataforma prepararon a escenificación durante dous meses.

• Carro nº 6. "O FIADEIRO DA AVOA SERVANDA".
A plataforma estivo integrada por 18 oficiantes -10 mulleres e 8 homes-, que escenificaron os diferentes labores que conleva o liño dende que se sementa ata que se tece no tear. Así, puidemos apreciar, como algúns oficiantes usaban o ripo, a espadela, o restrelo, o fuso e a roca, o sarillo e o tear. Da mesma maneira, unhas mulleres fiaban e outras cantaban parodiando ó fiadeiro.
O ripo, era un instrumento idóneo para quitar a bagaña ó liño.
A espadela era un aparello co que se mazaba o liño e formaba as estrigas (“pequena porción de liño atada”).
O restrelo era unha táboa con dentes ou púas de ferro para separar a estopa do liño. A estopa está formada polas borras do liño, que é a parte exterior da planta, e vai quedando nos cravos do aparello. Pola contra, o liño bo ou cerro queda na man e trátase da parte inferior da planta. Das dúas clases de liño sairán dúas clases de fío e, xa que logo, dúas clases de tecido, un máis forte e groso e outro máis fino.
O fuso era un pau que tiña forma de cono. Na parte máis ancha levaba unha especie de rodas para facer peso e permitir deste xeito que xirase. Na punta tiña unha boliña e na súa parte máis fina unha fendedura por onde se introducía o fío. Para a fía era mester, tamén, unha roca, na que se enroscaba o liño para fialo. Trátabase a roca dun aparello dun pau con tres boliñas de tres tamaños nun dos extremos; a máis grosa estaba abaixo e a máis pequena arriba. Remataba cun chuzo na punta e tiña un mango longo que permitía suxeitala no xustillo, mentres coa outra man se collía o fuso. Desta maneira íase fiando lento ou rápido dependendo da destreza da fiadeira.
O sarillo era un aparello que constaba de dúas aspas que viraban con rapidez para realizar madeixas de fío.
O tear era un instrumento para facer teas ou tecidos entrelazando fíos.
Finalmente, o fiadeiro era unha xuntanza de mozos, que se celebraba á noite nunca casa da aldea para fiar, cantar, parolar, contar chistes. Normalmente, xa entrada a noite, adoitábase interrumpir o labor para realizar xogos e mesmo bailar.
Esta carroza levou o terceiro premio do folión, consistente en 1100 euros.

• Carro nº 7. "OS QUEIXEIROS".
Os oficiantes desta carroza levaban ensaiando mes e medio unha representación que tiña como tema esencial a elaboración do queixo, que abrangue os seguintes pasos.
O quentamento da leite e o seu salado. O callado, que se consegue engadindo ó leite quente tres ou catro gotas de cuajo. Logo, ten lugar o moldeado, e, finalmente, o oreo e a maduración. As pezas elaboradas poñense a orear, na campá da cheminea, no hórreo ou sobre palla de centeo.
Esta plataforma conseguiu o segundo premio do folión, dotado con 1200 euros.

• Carro nº 8. "AQUELES MARAVILLOSOS ANOS... A PRAZUELA".
Segundo Roberto Iglesias, un dos oficiantes desta carroza, só pudieron ensaiar unha semana a representación da praza de Sta. Ana nos anos 60, do século pasado. Malia isto acadaron o primeiro premio do folión, consistente en 1400 euros.
A devandita praza, naqueles tempos, era un dos centros de xuntanza para as persoas da vila. Unha praza que marcaba o acontecer da localidade por medio das cafeterías e tabernas que había naquela época, a saber, o café Pizarro, o café los Angeles, a fonda América, o bar Manolito e o bar Centulle.
Neste lugar dábanse cita persoaxes significados da vila, como, "O Chus da Pepa", presente na praza cando saían os primeiros coches de línea. "O Panchiño", picabilletes da Directa e habitual ás copas de licor café no Reixas. "O Xullo de Abral", inquedo, que sempre botaba unha parrafada con calquera persoa. "O Pepe-Lolo", barrendeiro municipal, agarrando a súa vasoira. "A Margarida dos periódicos", no seu kiosko. D. José, crego de Chantada, con aparencia de estar ben mantido e cunha voz solemne. Tamén, os taxistas, agardando polos clientes, o heladeiro e mailo limpiabotas, na percura de negocio...
En fin, por esta praza paseaba a xente da vila e ademais era un importante lugar de cita para amigos e coñecidos.

• Carro nº 9. "OS OUTROS FEIRANTES".
Os oficiantes desta plataforma escenificaron unha feira-mercado na vila. Este lugar era un importante punto de encontro para falar, pasear, mirar os diferentes postos do feirón; non embargantes, tamén, era un lugar idóneo no que actuaban os carteristas e timadores; e, como non, o espacio, que se convertía para moitos en cita obrigada para probar o polvo coas amizades.

• Carro nº 10. "O FORNO. A TAFONA".
Nesta carroza, os seus oficiantes parodiaron as tarefas que se levaban a cabo nos fornos das casas do medio rural aínda non hai moitos anos.
Antano, neste medio do habitat, cada familia cocía o seu pan dúas ou tres veces ó mes. Algúns dos seus integrantes quentaban o forno, normalmente, con leña de xestas, ata que blanqueaban as pedras de entrada, intre no que sabían que se acadara a temperatura necesaria. Logo, limpiábano da cinsa e boralla, e introducían no seu interior as pezas de masa
Na actualidade, na comarca chantadina xa non se sementa trigo nin centeo. O pan realízase a cotío nas panaderías; non embargantes, mentres que unhas quéntano con electricidade, outras, pola contra, fano con leña. Finalmente, ímos buscar o pan ós fornos ou agardamos que nolo sirvan nas nosas casas cada día.
Ó remate do desfile, interviu un pregoeiro, que louvou as escenificacións amosadas polos diferentes carros, así como a súa vistosidade. A continuación, déronse os premios ás carrozas gañadoras.

Por outra banda, nas festas do Carme, ademais "do folión", houbo outra serie de actos. Así, o venres, día 26, o grupo de folk "Leilia" deu un concerto na praza da Lama das Quendas. O domingo, os nenos disfrutaron da súa festa, e dun tren que fixo continuas viaxes pola vila adiante o domingo e lúns. Este último día tivo lugar o XIV Festival de Bandas de Música na praza do Cantón, a partir das cinco e media da tarde; participaron os grupos de Betanzos, Celanova, Zamora e Chantada. O martes, moitos chantadinos acodiron á carballeira da Sombreira para participar na festa da empanada. Esta festa gastronómica comezou a celebrarse, sempre ligada ás festas patronais de Chantada, a finais do século XIX, aínda que daquela recibía o nome de "Festa da carballeira". O seu nome actual provén de mediados dos cincuenta do século pasado. Neste acontecemento, ademais da empanada, como producto específico, degustáronse, tamén, outros productos, como churrasco, polvo, tortilla etc. Asi mesmo, este acto festivo de índole gastronómica estivo amenizado por dous grupos de charangas e un de gaiteiros.
Por outra banda, durante os días da festa, grupos de charangas e gaitas percorreron as diferentes rúas da vila, amenizando a festa. Á noite, dúas orquestras encargáronse tódolos días de deleitar ó publico ata altas horas da madrugada.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania