
Agosto xunta en torno del o groso das festas do verán. Moitas das principias cidades e vilas galegas celebran neste mes as súas patronais: A Coruña, Vigo, Monforte, Betanzos, Foz, Caldas de Reis, Pontevedra
A primeiros é o San Fiz, celebrado en Cabana de Bergantiños, no Entrimo da raia seca, onde disque teñen un dedo do santo como reliquia, en Nigrán e tamén na parroquia mariñana de Vixoi. Logo veñen As Neves na Capela e o San Susto na famosa e pleiteada carballeira, en terras pontevedresas de Cotobade:
Carballeira de San Xusto,
carballeira derramada,
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla.
Polo 15 de agosto, día da Asunción de Nosa Señora, nin a pior orquesta se atopa sen traballo. O 16 é o San Roque co seu can. Celebrase en Betanzos, con xenerosidade e fartura ao longo duna ducia de días, dende 1416; en Viveiro, coa súa ermida orientadora no alto, como di a cantiga:
boga, boga mariñeiro, vamos para Viveiro, xa se ve San Roque; en Vilagarcía, con combate naval e todo; en Vigo, e na parroquia de Hío, ao pé do famoso e fermoso cruceiro, por terras do Morrazo.
O mes pecha co San Ramón, festexado en Vilalba, Moeche, Boiro, Guísamo, Ambroa
e antes coa romaría da Nosa Señora da Lanzada, sobre o grande areal, fronte ao mar aberto e fertilizador no que as infecundas tomaban o baño das nove ondas. E como despois da fecundación ven o parto, o San Ramón Nonato é protector de preñadas, comadronas e recéns, a quen lle piden unha boa hora:
As mulleres cando paren
acórdanse de San Ramón
pero non se acordan do santo
cando están na función.
Mais tamén é o tempo das romarías paganas, sen santo: a festa Vikinga de Catoira simulando o desembarco xunto ás ruinas das Torres do Oeste que mandara refacer Xelmírez; no Carballiño a festa do Pulpo, preparado polas afamadas pulperías de Arcos; a romaría do Naseiro, á beira do Landro, en Viveiro; Os Caneiros en Betanzos, remontando o curso do Mandeo, inesquecible romaría fluvial cantada polos poetas.
Días soleados e calurosos, así é de agardar pois de xullo a San Ramón dura en Galicia a calor. Veraneo. Grandes movimentos de familias fora dos seus domicilios, que algunhas xa realizaron en xullo. Os que poden, nas praias a torrarse ao sol ou percurando o frescor dunha sombra.
En agosto secan os montes e ás veces incluso arden. Sempre hai a posibilidade dalgunha orvallada, que é mellor que non veña. Xa di o refraneiro que Non é bo mosto o que se molla en Agosto, aínda que haxa outros contraditorios: A chuvia no mes de Agosto non é chuvia que é mel e mosto. Máis non deixa de ser un perigo, que se chove por San Ramón, corenta días mollados son.