Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ten sentido falar de 'rei corrupto'?

martes, 12 de octubre de 2021
Hai pouco tempo, despois de ler un titular sobre 'a última do emérito', viume a cabeza un concurso para impulsar a estima da figura do rei entre a xente noviña: 'Qué es un Rey para ti?'. E, de xeito inmediato, unha resposta acorde cos últimos tempos da monarquía: un tipo de corrupto. Hei dicir que deseguida se me foi a idea da cabeza, non tanto por autocensura -que non digo que non houbera tamén algo diso- como por razoamento: non o tiña razoado, foi algo súpeto e podía non ser así. Ten sentido falar de 'rei corrupto'?

Ou sexa, vaiamos por partes.

Para que quede claro de onde veu o tema, o de 'Que é un rei para ti?' é un concurso adicado a promover a figura real entre os pícaros, concurso que se decide por unha redacción que se fai en niveis do ensino obrigatorio, e cun premio do que a parte fundamental é a visita ó rei.

Pasemos ó título da entrada ou á resposta repentina que se me veu á cabeza. Se miramos no dicionario da RAG (non por casualidade 'Real' Academia Galega), teremos a definición de xefe soberano que herda. Soberano úsase ademais como equivalente a rei, e nas acepcións indica -dun xeito algo redundante- que é alguén ou algo que exerce a autoridade suprema, que non está subordinado ou sometido a ninguén. Ou sexa, xefe por herdanza que non ten que render contas nin a Deus. Algo diso recolle a constitución española cando di no artigo 56.3 que 'a persoa do rei é inviolable' e ademais, 'non está suxeita a responsabilidade'. Traducido a linguaxe normal é algo así como que o rei pode ser irresponsable e nin por esas poderlle chistar ninguén. Pola constitución, pode haber outro tipo de axustes legais, pero polo visto durante anos, esa interpretación campa polos seus respectos.

En canto a 'corrupto', o dicionario di que é algo que se botou a perder, mesmo moralmente, que alterou a súa natureza ou que perdeu a súa forma orixinal. Para o caso que nos ocupa, a natureza pode dicirse que cambiou no caso da abdicación, pero curiosamente séguese a tratar de 'rei emérito', co que o cambio real debeu ser pequeno, e ségueselle a tratar como antes, logo o cambio de natureza foi un espellismo. En canto ó de botado a perder... pérdese algo que se ten, pero se nunca se tivo responsabilidade, entón non ten por que importar a perda.

É dicir, definicións en man, non parece que se lle poda chamar corrupto ó rei, se non é responsable de si mesmo.

Poderíamos distinguir entre 'cargo' e 'persoa', o cargo de ser rei e a persoa que é rei. O cargo nace máis ou menos definido, e ata que non desapareza ou se cambie a definición, non hai máis que falar. Unha persoa pode corromperse, pero para o rei, polo seu cargo, sen responsabilidade, é indiferente a corrupción -como por outra parte se está a demostrar día tras día-. Logo non, estaba equivocado, ó rei non se lle pode chamar corrupto.

Coido que estou na liña de votación correcta, que diría Mario Vargas Llosa, pois o que se anda a decidir non é se o rei é corrupto ou non, senón se se pode facer algo con iso. E están a decidir que non, que non se pode. Facer nada. Saqueime un peso de encima.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania