Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (2)

martes, 12 de octubre de 2021
.../...

"Facendo que lles axudaba en Lugo, na Administración da Liña, accederon a deixarme usar a máquina de escribir da oficina cando estivésemos de vagar; para min é unha boa comenencia, que me estaba cansando de darlle á pluma de "corona" de tanto que veño escribindo. ¡Canto falan eses malditos; mal raio me parta, que en terminando esta Crónica dun itinerario e dunha época (2)carta...!, como diría o Tenorio. Entendo que o fan cos nervios da viaxe, entre o que deixan atrás e mailo que pensan atopar na cidade, amén deste coche vello, dos de antes da guerra, co gasóxeno incorporado, engadido, renxendo por culpa dos croios desta vella estrada, desde Fonsagrada a Lugo. ¡E menos mal que nola fixo, e nola enderezou, o enxeñeiro Cándido Fernández (Montoutiño), aquel xenro de Portela Valladares, enchufado no Ministerio de Fomento; ¡outro, outro máis, así que, cantos máis enchufados, menos leguas de estrada!

Esta carrozaría seica a montaron en Chavín. ¡E ben aproveitados deben ser os tales xa que lle situaron catro asentos na dianteira, lugar ao que estes afectados de Lugo chaman "berlina"! O asento da miña esquerda, reservado para o Revisor, aínda que me quita visión lateral, outra molestia non me dá pois ao fin e ao cabo somos compañeiros na mesma empresa, pero os dous da dereita traíanme pola Vía Dolorosa ata que din na ocorrencia de escoitar o que din; oír, ver, e calar, por suposto, para seguidamente pasalo ao meu cartapacio, que así vou facendo un libro de anécdotas sen necesidade de inventar cousa algunha. A empresa tennos instruído para que reservemos estes asentos aos curas, aos gardas, e demais xente principal. Daquela, fiat voluntas túa!

Aquí, no comezo desta parte, debo poñer unha aclaración, máis ben por se algún día chego a ter fillos, e lles dá por lerme, para que entendan que estes apuntes nin son seguidos, nin forman o que se di un Diario. A explicación é esta: Só vou relatar aqueles asuntos que me chamen a atención, e para iso sempre que os oíse ben, que por veces falan tan baixiño que nin case o perciben eles mesmos, pois a estes paisanos de por aquí, debe ser de tan escarmentados que están polas consecuencias que lles tivo dicir o que sentían e pensaban, que agora non os oe nin o colo da súa camisa.

Tamén concorre que só podo reseñar con exactitude, coa mellor lembranza de detalles, os sucedidos nas viaxes da mañá, os de cara a Lugo, pois ao regreso, entre que se fai de noite a pouco de saír da capital, ¡meus pobres, que cando non os esperan coas cabalerías téñense que ir para as súas casas, desde os apeadeiros, arrimados a unha vara que adoitan tronzar cerca da estrada, e así pasa que non queda unha árbore nos arredores delas!, e que chego canso, sen máquina de escribir na Fonsagrada, pois esta de Lugo é de lujo; quero dicir, de Lugo, pero, aínda que a tivese, co candil de petróleo da fonda..., ¡todo tebras! Dos da véspera algún caso lembrarei, aínda que xa non os terei tan frescos na memoria.

Teño que confesar que igual estou sendo algo petulante querendo retrata-lo mundo soamente co que pasa, co que di esta xente do hinterland da estrada pola que transito a diario. Isto do hinterland é como lle chama o Xefe da empresa ás terras desde as que saen ao noso encontro, pois a Lugo, coma se fosen os radios dunha bicicleta, outras estradas levan, e outros coches de Liña por elas circulan. ¡Eu non podo facer máis, non podo saírme do meu mundo sen mentir! De todos modos, considero que esta estrada, tan mal estrada e tan mal feita, é unha de tantas das que levan, ¡e devolven!, á capital, e como Lugo está en Galicia, e Galicia está en España, España está, ¡ou estaba!, niso que chaman cultura occidental, o que vaia recollendo e aprendendo igual se parece ao que pasa por aí adiante, neses mundos de Deus, que por veces, pasando o que pasa, ata haberá que pensar que o diabro é o socio maligno, o traidor, nas empresas do Noso Señor.
...

O de hoxe pouca importancia tivo xa que, no Cádavo, en vista de que ían baleiros os de diante, e atrás logo parecían mollos de centeo, ¡se fosen ben vestidos serían de trigo!, o Revisor deixoulles pasar a dous rapaciños, neno e nena, que se ían incorporar ao Instituto de Lugo. Isto foi o que falaron:

-Pues yo te soy de una casa rica, de ahí de Librán..., ¡que por eso me estudian!

A rapaciña, que se lle notaba que ía vestida con roupa frouxa, axeitada para as medras, para cando engordase:

-Ditoso ti, que eu son filla dun mestre represaliado, que lle quitaron a escola, e agora trata na facenda miúda, para ir tirando...

O rapaz, ou por miope ou por adulador:

-Tan mal no me parece que os vaya, ya que llevas un vestido de lujo...

Ela ruborizouse, que se nota que empeza a sentirse moza, pero nun arranque de sinceridade contestoulle ao presumido, castelán falante:

-¿Este vestido...? ¡Fíxomo miña nai, que é costureira, do seu da voda! Como ves, con isto da guerra, ás veces hai que espir un santo para vesti-los outros!

O rapaz, diso da pobreza, nin entendía nin quixo entender.

-Así que te llamas Rosa...; ¡pués está claro que lo eres! ¡Guapina a más no poder! Lo que no me encaja es que hables gallego siendo hija de un maestro. ¿Lo eres, de verdad?

Isto, esta obxección, non lle gustou á rapaza, que lle contestou afirmativamente, máis cun xesto que con palabras, pero de aí para adiante quedouse muda para aquel rapazolo. ¡En vez de rompe-lo xeo, fabricárono!
Crónica dun itinerario e dunha época (2)
Xa en Castroverde axudei a baixar unha gran cantidade de sacos que traía na baca unha familia que subira ao partir, na mesma Fonsagrada. Fíxeno para que non estivese o coche parado, pero tamén porque me chamaron a atención, tanto polo número das persoas como pola cantidade e volume dos vultos: Dous anciáns, medio derreados, con sendas caxatas; unha muller aínda nova pero tan mal vestida que xa parecía un carnaval; e con eles, dous nenos e unha nena, tan cativos e tan esmirrados que logo cabían nunha cesta.

-Perdoen a confianza, pero fáiseme que os teño visto nas feiras da Fonsagrada. E tamén me chama a atención este feixe de rocas das de fiar na lá, que traen consigo... ¿Van de casa mudada, ou que?

-Iso mesmo nos preguntou a Garda Civil cando nos achegamos á Liña. Para dicirllo en curto: Hai unha familia aí arriba, nun lugar que lle chaman Nabeda, terra de nabos, que están cobrando unha pensión de Sarxento dun fillo que lles morreu, ¡que lles mataron!, na guerra, de Cabo. Como teñen cartos, entre os vellos e maila viúva seica van poñer un fonda, en Lugo. E nos vimos de caseiros seus, ¡un pobre, caseiro doutro pobre!, porque alí no Burón retirounos a propiedade o fillo segundo do dono, que se casa agora que volveu da guerra, establecéndose na segunda das casas da familia, así que, ¡os caseiros sobramos!

O noso fillo tamén morreu na guerra, pero de soldado, así que a nosa paga é tan só de Cabo. Aí en Nabeda o trato é coidar das cen cabezas que teñen os amos, entre ovellas e cabras. Nos viviremos dos queixos da facenda, e de facer punto, medias e xerseis coa lá das ovellas, que xa facíamos algo diso na Fonsagrada, vendendo nas feiras o punto...

-¿Aos amos, que; pagaranlles unha renda sabida, supoño?

-Nisto non acerta: O noso trato é repartir as crías, ao cuarto: A metade, dous cuartos da crianza, deixarémolos para a cría; un cuarto podémolo vender nós, e o outro para os donos.

-Sendo así..., ¡van saír ben!

-Pois os amos, tamén, que lles medrará a facenda, e con algo de sorte duplicaremos ese cento. O malo vai ser para estes nenos, que se quedan sen escola...

Nisto falou a nai:

-Se Deus me axuda non será así, que agora mesmo vou buscar pizarras e pizarriños aquí en Castroverde, e polas noites póñolles eu algo de escola, que aquí meus sogros son analfabetos, pero eu cheguei ás catro regras...

¡Iso tería, catro regras, que se debeu casar ben noviña, e despois viñéronlle, seguidos, coma as contas dun rosario; e tras do rosario, o loito! Desexeilles sorte, que a van ter, porque a xente facendeira merece tela.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES