Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pola nosa lingua

jueves, 21 de octubre de 2021
Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019) de Xosé María Lema, publicado por Tórculo.

As ilustracións son de Héitor Picallo, igual que o prólogo "Do limiar... á lumieira". O epílogo de Maka Arca. Dous bos compañeiros para unha viaxe arredor da lingua que serven de entrada e saída a esa serie de artigos publicados ao longo dunha década ignominiosa e infausta. Dez anos aos que poderiamos engadir por agora dous máis, pero que seguramente continúe rogando artigos de defensa da Dama (como chamaba Olimpio Arca á lingua). "Galicia no diván" escribira Avilés nun artigo para a revista do Colexio de Psicólogos de Galicia no que mostraba ao país necesitado dunha análise; un ensaio que andamos a pedir a berros, e que algún que outro se atreve a aproximar, e lembramos agora a Subiela ou a Marcial Gondar. É preciso sentarnos no diván e entender de onde ben ese auto odio que nos abafa, ese empeño en destruírnos que ten a súa expresión nun voto que mantén no poder da autonomía a quen non cre na soberanía do país e se avergonza del, quen considera un problema a nosa riqueza (entre outras): unha lingua coa que podemos entendernos con todo o territorio da lusofonía.

Comeza o libro cun apartado moi significativo para todas as persoas interesadas nesta temática: "Algunhas datas importantes para a lingua galega nos últimos anos" e que partindo da Constitución de 1978 vai pasando polo estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, o Decreto 124/2007 do Goberno Bipartito... ata chegar a febreiro de 2021 cando o Consello de Europa incide no incumprimento dos compromisos adquiridos respecto ó galego pola Xunta de Galicia e o Goberno do Estado. Xa só por ese recordatorio de tempos sería necesario o libro.

Os artigos vanse detendo na demostración do valor engadido do galego, na análise das mentiras que arredor del se publican, nas diferentes medidas desgaleguizadoras que o Goberno pon en pé (atrancos para a ensinanza do galego en infantil, prohibición do seu uso nas materias científicas, a vulneración dos dereitos lingüísticos no ensino e na xustiza)... O autor xoga con metáforas potentísimas. A min gústame moito esa vinculación da lingua co Balbino e Manolito de Memorias dun neno labrego para sentala ou erguela do bus como sucedeu co racismo e a intervención de Rosa Parks. Imaxes tan evidentes como o título "Quitarlle a auga ao peixe" ou aquela outra de "A lingua galega, estranxeira na propia casa", "A mellor herdanza" ou "Unha gran pira de libros de ciencias en galego" pero tamén, esa recollida de boas experiencias e exemplos de dignidade, algo que precisamos para non desfalecer. Porque ante os que lle teñen malquerer á lingua, debemos erguer aqueles que a defenderon e defenden. Como fai Lema de mil maneiras diferentes, buscando símiles, léndose noutros espellos ou denunciando os erros crueis.

Xosé Mª Lema, historiador, correspondente da RAG e escritor, recompila -nesta publicación- unha serie de artigos que tratan da dor que produce, para calquera galego non alienado, a situación da lingua propia do país. Unha década de decreto de plurilingüísmo, unha década de lexislar en contra dela, de asistir como convidados de pedra a un feito atroz, como que os poderes autonómicos creados para atender a idiosincrasia do país asine o empeño por acabar con el e os seus sinos de identidade. Hai feitos moi incomprensibles que supoñen unha ruptura no desenvolvemento dos días, e este é un deles. Sucede cando a familia que ha de criar e coidar dos nenos e nenas da casa os maltrata de diferentes maneiras, poderiamos agardar que alguén descoñecido os trate mal, pero que sexan os pais ou os avós, os tíos ou os irmáns os que destrúen física ou psicoloxicamente un neno ou unha nena resúltanos contra natura, pois ben contra natura actúa o goberno elixido polos galegos e galegas. No concerto dos pobos de España, temos unha lingua común da que nos sentimos orgullosos e compartimos, logo hai tres máis que son propias dun territorio determinado: Galicia, País Vasco, Países Cataláns. Nos demais, os poderes públicos coidan das súas linguas pero en Galicia non sucede así. Por iso, os artigos de Lema son a mostra da dor de quen non entende ese desleixe, de quen actúa ao contrario do que debería, de quen non fai nada por coidar dun enfermo ao que nunca puidemos dar de alta. En vez de levalo á UCI, en vez de atendelo con todos os medios, o que se fai é deixalo sen tratamento adecuado para que poda ir morrendo pouco a pouco.

Uns artigos que destilan amor polo que nos identifica, que buscan as causas do problema e as razóns para poñerlle cura, que diagnostican onde estivo a última crise e piden a quen xestiona a saúde o hospital que lle poña remedio. Porque temos unha lingua que pasou por séculos escuros e por longas noites de pedra, uns cancros malignos e uns virus destrutores, por iso precisamos poñela en cura, por iso levamos décadas pedindo tratamentos, medicamentos que a acheguen a unha certa normalidade que non dou acadado e da que cada día semella máis afastada. Por iso Lema escribe, por iso nós llo agradecemos, por iso o acompañan Héitor e Maka e todos os compañeiros e compañeiras de Prolingua, por iso queremos que o libro chegue tan lonxe como sexa posible. Ogallá estes artigos que mereceron o premio Manuel Reimóndez Portela de Xornalismo consigan ese outro premio de chegar ás conciencias e provocar un cambio imprescindible, se non queremos ver o final que está agardando detrás da porta.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES