Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contos de obxectos

jueves, 14 de octubre de 2021
Contos de obxectos é a última obra aparecida de Xabier P. Docampo, con fotografías de DNL, publicado por Edicións Xerais de Galicia.

Ábrenos a porta un prólogo de Fina Casalderrey, co título "Retorno do viaxeiro" porque xa dixera Docampo, no Libro das viaxes imaxinarias, que "Todas as viaxes son un regreso"; a académica amiga estuda ao autor (aquel que contaba sucedidos, aquel que afirmaba que contar era o acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar) Contos de obxectose recolle os seus dicires. Afirma Fina que contaba "coa autoridade dos elixidos, dos que coñecen os segredos das palabras coas que se constrúe o universo", que se foi con todos os contadores e viaxeiros "herdeiro dunha tradición oral poderosa, comprometida ata a medula coa lingua, co país, co ensino, coa infancia -que sabe intelixente-, coa ética e a estética...", porque el, en palabras de Bragado era "activista do esencial".

Agora, estamos ante este libro inédito, Contos de obxectos, con obxectos para unha contada, obxectos que son a base dos contos, contos que xiran arredor desa cousa que vemos nas súas mans.

"A máscara" no que unha historia de amor desemboca no terror e que ninguén como el podía contar, porque a contada ten ese aquel de podar o texto ata deixalo na esencia, ocupando cos silencios esas partes eliminadas. "A peseta", ese misterio que se atopa sempre arredor dun asasinato. "A proba", esa moeda que hai que pagar polo rito de paso entre a infancia e a mocidade. "O chapeu", porque calquera obxecto pode falar doutros tempos, doutras xentes... e seguindo a súa pegada descubrir o pasado e con el, de novo, que non sempre é a realidade a que nos vence. "O cravo" co que cose unha historia que ten que ver co demo e os defuntos. "Os tres cabelos de Aldara" para amosar o poder do amor e as malas artes que teñen que ver con meigas, lume, pelo e desaires. "Santo Tomé de Teixido" de onde queda unha flor seca de fiúncho bravo que pasou tempo no medio das páxinas dun libro, coa lembranza dunha moza de ollos verdes. "O Habanero" que xa coñeciamos dunha publicación da Biblioteca Nova 33 da Fundación Caixa Galicia, as leas dos emigrantes que son roubados, pero tamén das pelexas de galos e do amor ao animal que pode resolverlle a un a vida, pero tamén é a historia das frases "Deixa que corra o mundo e non te metas", esa filosofía de vello que herdamos para sempre.

Oito historias da mellor textura, narracións en base a sucedidos nos que o autor se introduce para poder contar dende unha posición privilexiada pero tamén auténtica. Oito contos que beben na mellor fonte da tradición, na maneira de desenvolvelas, pero tamén no contido que é de noso e da nosa historia de emigrantes que volven un día porque “até os animais cando osman a morte teñen querenza da casa”.

Un libro de culto este Contos de obxectos, onde volver a el, a Docampo, para recibilo nese retorno do viaxeiro, porque sempre estamos regresando á casa, a ese lugar do que saímos para voltar, porque se non houbera a onde volver non poderiamos irnos e cando escoitamos pasos de animal grande (en palabras de Avilés) poñémonos en camiño, buscando ese horizonte que é o da infancia e do que algúns nunca acaban de marchar. El nunca pechou esa porta, ficou con ela entornada para non esquecer nunca o que se sente cando un está máis preto do chan, cales son as preguntas e os mundos creados, cales o sentimentos e afectos dos que xa non nos poderemos desprender... por iso, cando escribe para pequenos e pequenas sabe como tratalos sen faltarlles ao respecto, de igual a igual (de como fun a como es, do que lembro ao que ti vives), nunca con “ñoñerías” nin bobadas senón sabéndoos coñecedores do mundo que os rodea.

Eu recupéroo contando estes contos, sacando do peto o obxecto que lle dá pé ao comezo ou en calquera momento, para demostrar a veracidade do relato; a figura que mostra é esa proba e testemuña contra a que se fai imposible loitar. Porque era un sucedido, algo que lle pasou directamente a el ou que ten escoitado e herdado, porque nós, os galegos e galegas, non contamos coma quen fai teatro senón que o facemos unicamente para compartir historias que teñen acontecido e das que debemos saber, igual que os pequenos han de coñecer os contos clásicos, para aprender deles.

O Docampo comprometido era quen de mercar un billete para acompañar a Madrid a alguén que na súa consideración non era tratado como se debería, era tan amigo dos amigos que nunca lles fallaba nin sequera máis alá da morte. Nos derradeiros anos confesaba que andaba de viúva de Farias e Agustín, acostumabamos berrarlle porque el estaba para outras cousas, pero non facía caso, porque sabía que só os que son auténticos na amizade tamén o son na creación. E así foi. Coidou de todos e nós non soubemos coidar del, non fomos quen de cubrir ese rol que quedou baleiro na defensa da lingua e da cultura, do país e da súa obra... e debemos contalo. Daquela volvemos a acordarnos... Poucos contaban como Docampo, porque ademais dos anos de escoita e respecto pola tradición próxima, el embarcaba o corpo enteiro na faena, os seus ollos atraían a atención e a voz ía modulándose e xogando cos silencios para provocar a escoita activa. Desa tradición naceron as súas mellores obras, as que aínda nos emocionan cando petan na porta pola noite e as que nos trouxo no corpo dunha rapaza que vestiu un abrigo de astracán, esa gran novela que o sistema literario galego non foi quen de ver ou non foi quen de defender das rapinas e "carroñeiras".

Para sempre nos queda esa doenza.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES