Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No 31º cabodano de Díaz Castro

viernes, 15 de octubre de 2021
Aquí estamos amigos, devotos, admiradores de Xosé María Díaz Castro, no 31º cabodano do seu pasamento, para falar con el, del, neste seu novo tempo de vida eterna, espiritual e poética, sabendo que non só estamos preto do lugar que acobilla os seus restos senón no espazo xeográfico, Guitiriz da Terra Chá, no que quixo vivir os seus últimos tempos.

Eu creo nunha vida superior, transcendente, na que as almas que superan as infinitas probas que este mundo establece, están disfrutando da inspiración absoluta, da totalidade das artes, da expresión por riba do tempo e do espazo e que, do xeito que a autoridade competente teña establecido, teñen conexión directa connosco, perciben o que decimos e sentimos, aínda que non teñan ou non precisen a capacidade de devolvernos a mensaxe, ou si que a teñen pero nós non temos a sensibilidade, capacidade de recepción, que o posibilite.

Na confianza de que Xosé María nos escoite, eu quero deciche, benquerído Díaz Castro, que 31 anos despois, es moito máis recoñecido que naquel tempo que te asombrabas do agarimo que recibías en Guitiriz… “non sei”, decías… o por que destes recoñecementos, deste agarimo, desta amizade… pois se o tempo normalmente actúa esvaìndo lembranzas, influencias, referencias humanas, o teu recordo axigantouse, a túa importancia medrou exponencialmente, a túa poesìa é dogma de fe, laica relixión, aínda que a espiritualidade e a fe rezumen de todos os teus poemas.

Alfonso e os seus xermolos, que como sabes obra milagros como santo moito máis que súbito, conseguìu que santificaran (sempre de xeito laico) os teus poemas cando Galicia che dedicou o Día das Letras Galegas, e ese día se fixo máis universal, cercano, familiar… Ese día entraches no parnaso das letras propias de Galicia, cando ti xa estabas no que sabemos existe, "o ceo dos galegos", no que ti tés que ser mestre de cerimonias, gardián das esencias, dono das chaves que abren as portas ás que algún día chamaremos por se tivésemos merecido confraternizar cos que foron verdadeiramente grandes da nosa terra.

Guitiriz, ademais de custodiar os teus restos físicos, ten hoxe un certame literario co teu nome, a túa casa que Xermolos venera e anceia volver á vida, a túa obra como unha herdanza colectiva inestimable… e o que é incrible, amigo, que haxa xermolos poéticos que avivecen a túa memoria e dan vida cultural, e polo tanto preciosa e perdurable, a esta terra que foi o teu berce, a tùa inspiración, o teu destino.

Eses gromos diazcastrianos foron primeiro OS AFILLADOS DE DÍAZ CASTRO, OS AFILLADOS DE PEPE, para logo chamarse NOVA POESÍA GUITÍRICA, que cada día abrollan algo novo, de poesía, de vida… que fan universal os teus VILARES, que teñen en ti a referencia perfecta, o camiño de estrelas que seguir na terra como camiño de perfección.

Que unha obra humana (aínda que por veces teimemos en que é divina a tùa poesía), deixe tal pouso, nos marcara deste xeito, conformara o noso xeito de sentir e de vivir, evidencia que o pensamento feito poesía é moito máis ca unha oración, que se o amigo Manuel foi capaz de crear e bautizar unha terra cun só libro chamado TERRA CHÀ, ti cambiaches as nosas vidas facéndonos ver que os NIMBOS que aureolan as persoas de ben, as que teñen vida verdadeira, son o signo no que recoñecer os máis grandes de entre os nosos, e gardar deles memoria.

Grazas, Xosé María, pola túa amizade, pola túa obra, polas túas pegadas vitais, pola tùa vida… e como non sei rematar con palabras miñas esta lembranza, rematarei, como unha espada, ferido de xeito incurable, cun dos teus poemas máis fondos e fermosos:

Tódolos ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.

Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cae no río
da miña vida e quèdame chamando.
A beleza feriume para sempre.

En cada voz eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entndo,
pro que me fire como espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.

E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡pro no enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES