Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os 90 luminosos anos de Pedro Rubal

miércoles, 13 de octubre de 2021
Teño falado algunha vez dunha crenza que chamo A parábola das Cereixas, a falta de fundamento científico, da observación que teño feito sobre a chegada de amigos novos. Do mesmo xeito que naquelas cereixas que colliamos das cerdeiras das nosas aldeas, e cando un pretendía coller unha nunca viña soa senón que sempre tiña outras pegadas, así resulta cos amigos que cando un recibe un novo, este vaille proporcionando outros que enriquecen o seu coñecemento.

A min Rubal chegoume a través de Suso do Bahía de Foz, gran amigo del e meu. E foi hai agora vinteun anos cando vin ler o pregón do voso mercado medieval chamado polo entón Alcalde Antonio Regueira. Suso do Bahía ten por costume agasallar aos amigos que visitan o seu ámbito social cunha figura de Sargadelos, e non podendo estar ese día, mandoumo por Rubal, ao que eu ata daquela só coñecía por referencias e por terlle lidos numerosos artigos en diversos medios de comunicación.

Dese xeito entrou Rubal na miña vida, e con el Carmen, que sintonizou á perfección con Merce, a miña muller, co que vencellamos as nosas familias do xeito máis cordial (de corazón) e entrañable.

Tivo que ser daquela cando convidei a Rubal a enviarme artigos para a plataforma en internet Galicia Digital, que fixo coa regularidade dun reloxio, e a fondura do sabio que sabe achegarse ao curioso expectante, e poñerse á súa altura. E Rubal, eterno mozo que sabe e demóstrao, comezou a publicar artigos luminosos onde reina a filosofía, o sentidiño e o inxenio, que cada semana nos fai pensar e admirar.

Rubal é un mestre en escoller unha teoría, unha tendencia filosófica, un xeito de pensar, expoñela e analizala, e poñela en contraposición ou paralelismo cun feito da actualidad, e sacar unha conclusión brillante que nos abre unha fiestra pola que contemplar o mundo de xeito diferente, máis consciente.

E pode chamar a atención a claridade de ideas, a brillantez de mente, a perspectiva vital deste sabio que nos honra coa súa amizade a todos os presentes, pero máis destaca cando coñecemos a traxectoria deste home que se foi superando a si mesmo envite tras envite, ata chegar desde as carencias naturais do rural da súa nenez ata as máis altas cotas do ensino, que non se constriñe á ensinanza de coñecementos, senón a un total maxisterio de ser e de estar; de comportarse e de vivir.

E celebra os seus noventa anos publicando unha recopilación dos seus artigos en Galicia Digital destes complicados anos do comezo do século XXI, para que quede constancia negro sobre blanco dun traballo que circula pola Rede por sempre, urbi et orbe, para todo o que queira velo en calquera momento, desde calquera parte do mundo.

Publica un libro señorial, sensato, profundo e consciente, e faime o supremo agasallo de pedirme que sexa eu quen lle faga un limiar que por moito entusiasmo que eu poña sempre será unha pobre loubanza escura da luz que destilan todos os seus traballos.

E hoxe presentamos aquí este libro que tamén circula xa pola gran Rede da internet, e coincide coa apertura da páxina web que leva o nome de www.pedrorubal.org, para presentalo dixitalmente diante mesmo dos que non poden acceder a el persoalmente.

Hai un tempo ocorréusenos en Galicia Digital construir en internet unha páxina web para honrar a traxectoria intelectual, docente, vital, de Pedro Rubal Pardeiro, e acudimos ao concello de Alfoz, do que é Fillo Predilecto, para expoñer o proxecto.

Aproveito para agradecer ao Alcalde do Concello, Jorge Val Díaz, a acollida entusiasta a este proxecto, e o apoio para que sexa realidade, de xeito que desde este momento pódese acceder á web www.pedrorubal.org, e nesta web coñecer a vida de Pedro Rubal (e sempre, Carmen, naturalmente), seus fillos, netos e bisnetos… a súa traxectoría de loita e superación, os contidos íntegros dos seus libros, e todos os seus artigos na prensa escrita ou dixital, xunto coa opinión dos amigos máis directos e devotos chámense Geada, Michelena, Gallego, José do Xilo, Cesar Aja, Manuel Camba, Paco Piñeiro, Fernando Monterroso, Os Rega, Pardiñas, Manuel Lourenzo, Cachín, Rexes, Peinó, Paz, Suso do Bahía ou Alejandro Pin, encabezados polo alcalde Jorge Val.

E esta web queda aberta para seguir incorporando opinións, comentarios, novas en relación con Rubal, e naturalmente, todo o que Pedro siga publicando, que un home con tal vitalidade precisa unha web viva para que os seus seguidores poidamos seguir a súa actualidade e o seu labor.

Remato proclamando a miña admiración, a devoción da miña unidade familiar pola familia Rubal, centrándoa especialmente na entrañable parella coa que sintonizamos de tal maneira que mesmo parece que dalgún xeito pertencemos á súa familia.

Noraboa, Alfoz, por ter un fillo tan especial. Noraboa, Pedro e Carmen por ter un concello tan intelixente, garimoso e receptivo. E noraboa a todos os que participamos neste acto porque se trata dun acto histórico, de xustiza, de intelixencia e de amor. Que honra e que ledicia poder participar nun acto coma este!.

(Palabras de Xulio Xiz na homenaxe a Pedro Rubal Pardeiro en Alfoz, onde é Fillo Predilecto, o 24 de setembro de 2021)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES