Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir na respiración do poema

martes, 12 de octubre de 2021
Nun poema de Do desexo en corpo e sombra defínese a elegancia como "unha maneira íntima de saber que se existe / fóra dos propios ollos / sen querer / desde dentro (…) desde a beleza íntima de existir". E, de certo, elegancia é a primeira palabra que se me vén á mente cando penso en Miguel Anxo Fernán Vello pois del, como de moi poucas persoas, pode afirmarse sen medo ao equívoco que a posúe dunha forma innata. Así se percibe no seu compromiso inquebrantable coa nosa terra, na maneira xenerosa de practicar a amizade, na calidez do seu trato, no inxente saber que atesoura e, por suposto, nas palabras sabias coas que constrúe a súa obra.

Por iso, é de xustiza rendérmoslle homenaxe no lugar onde reside esa corrente subterránea e nutricia -"un soño de fontes"- que, no seu agurgullar, leva inscrito o verdadeiro pálpito da vida; na matria; nesta Terra Chá que, como adoito asegura, tanto o marcou "humana e esteticamente" pois, segundo se le nun poema de Entre auga e fogo. Cantos da terra posuída, "Aquí deteño o pensamento e fundo un corazón máis alto, máis celeste. Aquí sorprendo o suave perfil do mundo, a branda entraña de fogo que nos une docemente á sombra".

Polo tanto, non se me ocorre mellor ubicación que o Paseo dos Soños, á beira do fermoso río Madalena, para o XIV Hectómetro Literario que recordará, de agora en diante, a súa querida figura. É con este motivo que nos reunimos hoxe ao seu redor nun acto no cal participo -xunto cos meus admirados Luz Campello, Xulio Valcárcel e Xulio Xiz- con fonda ledicia e tamén cun inmenso agradecemento para a Asociación Xermolos e para a Irmandade Manuel María por convidarme a facer parte del.

Coñecín a Miguel Anxo vai para trinta anos. Naquela altura os mozos da Xeración dos 80 renovaban a poesía recuperando o erotismo e dándolle unha volta estética ao discurso social. A súa era unha das voces máis destacadas dentro do grupo aínda que afirmar isto sen máis explicación non é facerlle verdadeira xustiza a quen, desde 1984, nos ten agasallado doce poemarios maxistrais, cinco obras de teatro, catro libros de conversas, múltiples traducións, innúmeros prólogos, un bo monllo de antoloxías, algúns relatos e incontables artigos para diferentes medios de prensa; sendo, na actualidade, colaborador, entre outros, de El Progreso e do Diario de Pontevedra.

Ademais, desde que viu a luz o seu primeiro poemario –o xa antes mencionado Do desexo en corpo e sombra–, Miguel Anxo obtivo o aprezo unánime da crítica e foi recibindo os galardóns poéticos máis prestixiosos (Esquío, González Garcés, Martín Codax, Cidade de Ourense, Afundación, Premio da Crítica Española…) aos que cómpre sumar os colleitados pola súa obra narrativa, polas pezas dramáticas e polos textos de opinión como, por exemplo, o Modesto Figueiredo, o Biblioteca do Arlequín e o Manuel Reimóndez Portela.

Co tempo chegaron as escolmas individuais da súa obra, a presenza en antoloxías de diverso signo e mais a tradución dos poemas ao castelán, o francés, o italiano, o inglés, o macedonio ou o ruso, por citar só algunhas linguas de destino. Foi así que acabaría sendo un dos mellores embaixadores das nosas letras a nivel internacional como o acredita a súa asidua presenza en encontros literarios celebrados por todo o mundo.

En 1991 funda Espiral Maior. A partir de aí, desempeña o rol de editor cunha entrega tan absoluta que deixará mesmo nun segundo plano a propia escrita durante longos períodos temporais nos que se vai centrar, en exclusiva, en consolidar o selo como unha magna obra, un luminoso e imprescindible centro de irradiación poética que se nutre de autores galegos e foráneos, recupera nomes senlleiros e teima sempre en descubrir novos talentos. Nunca existira en Galicia nada nin remotamente parecido ao que significa Espiral Maior cuxo catálogo de poesía é o máis extenso da nosa historia e cuxa resistencia, a pesar das crises e doutras aciagas circunstancias, resulta mesmo heroica.

Porén, aínda sendo estes, que dúbida cabe?, uns logros máis que meritorios, o maior deles, ao meu ver, é o de captar o interese permanente de todos os que, con absoluta fidelidade e entusiasmo, o seguimos polos múltiples vieiros que transita o seu gran potencial creativo. Porque o talento de Miguel Anxo non se restrinxe só ás palabras senón que tamén se expresa por medio da música, como nos recorda a escultura de Valdi que en breve visitaremos, e da pintura, actividade esta última que, ata o de agora, desenvolve en exclusiva no ámbito do privado. Oxalá pronto a faga accesible para todos xa que así comprobarase que a súa mestría cos pinceis iguala á que acada noutras facetas artísticas.

Na vida de Miguel Anxo existe unha vocación irrenunciable que se resume nun verso de Dicionario do estremecemento: "Vivir na respiración do poema" xa que a poesía, como revelaba nunha entrevista de 1996, "existe en calquera texto que teña un alento suficiente de poder de conmoción fronte a un mesmo e fronte ao lector que viaxe nese texto" sentíndose apelado por el.

Coa profunda lucidez que adoito o caracteriza, expresa nestas palabras o desexo último de anoar un lazo que ligue ao poeta e aos lectores nun intenso diálogo onde a parte máis sensible de noso se sinta impresionada esteticamente por medio dunha beleza intensísima que chega a impregnalo todo e nos queda xa para sempre na pel como unha marca indeleble.

Ao xeito dun intenso campo magnético, os versos que compoñen volumes como, por exemplo, Memorial de brancura, Libro das paisaxes vivas, As certezas do clima, Territorio da desaparición, Capital do corpo, Habitación do asombro ou Duración da penumbra atráennos sen remedio pois neles a linguaxe roza o intanxible, ese límite que a moitos de nós só nos é dado vislumbrar de forma indirecta, isto é, na palabra dos grandes escritores que, como Miguel Anxo, posúen o don escaso e privativo, de afondar na raíz sensible que nos constrúe.

Así pois, un xa non pode ser o mesmo tras entrar en contacto co latexo máis profundo da terra, coa memoria basilar, coa oculta singularidade do cotián convertida en valioso tesouro, coa presenza do amor que dá voz ao corpo ou coa reflexión metapoética máis profunda, temas sempre presentes nos seus poemas xunto co tributo admirativo a aqueles que lle marcaron un camiño ético (Manuel María, Avilés de Taramancos, Uxío Novoneyra, Alexandre Bóveda… e algúns outros) e coa dimensión máis comprometida que converte a poesía en voceiro das vítimas, dos excluídos, dos que sofren..., en definitiva, do máis fráxil. De aí que, lendo os poemas de Miguel Anxo, sempre nos sintamos fondamente interpelados xa que as palabras non só irradian un saber profundo senón que revelan o inédito e nos enfrontan, cara a cara, coa verdade.

De certo, a intención final de todo poeta é espertar un sentimento de unión fraterna que nos ligue aínda máis entre nós, algo que logra facer tamén este necesario acto de amor onde se destaca a valía dun ser de escrita, dun mestre da palabra e dos afectos, dun nome clave para a nosa terra e, sobre todo, dun cidadán solidario co mundo.

Todo isto e mais é Miguel Anxo Fernán Vello a quen os que aquí nos encontramos temos a impagable fortuna de nomear cunha palabra que hoxe acada, se cabe, unha resonancia aínda máis fonda, unha luz especial: "amigo". Xa que logo, benquerido Miguel Anxo, todos os parabéns por esta merecida homenaxe e grazas sempre por tanto.

(Palabras de Teresa Seara na homenaxe a Miguel Anxo Fernán Vello pola inauguración do seu Hectómetro Literario, que fai o número XIV do Paseo dos Soños de Vilalba)
Seara, Teresa
Seara, Teresa


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES