Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ollo do poeta acende o interior da palabra

martes, 12 de octubre de 2021
Homenaxe a Miguel Anxo Fernán Vello.

Coñecín a Miguel Anxo de moi nova, quizais a través da revista de Xermolos, quizais no Festival de Pardiñas ou polas novas de poesía que timidamente esculcaba na prensa que lía nos bares de Guitiriz mentres estudaba o COU.

Recordo o impacto que produciu en min a súa estética, esa autodeterminación tan ousada e talvez un pouco seria para un rapaz tan novo, era en todo caso, o sinal dunha forte personalidade que marcaba o Eu dende a diferenza para logo integrala nel como parte da súa identidade.

Miguel Anxo recordábame a un filósofo do pasado ou a algún erudito antigo, e abofé que o é, pero do presente; un poeta novo nado en Cospeito, moi próximo ao meu universo, que decorreu as latitudes infindas da infancia ollando o horizonte da Chaira, un home que a semellanza dos bidueiros, mantén o seu porte lanzal e elegante, que parece elevarse máis, se cabe, na súa verba apaixonada e no seu trato afable, case reverencial, coma se cada interacción co mundo fose única e sagrada.

Véxome cun dos seus primeiros poemarios nas mans, "Seivas de Amor e tránsito" aló polo ano 85 ou principios do 86, comezando eu a Universidade en Madrid, un libro subversivo nese tempo polo seu erotismo e poemas amorosos, cunha linguaxe nova e fresca que consegue un lirismo cheo de sensualidade e de patria, máis tamén de desasosego que o sitúa próximo ao existencialismo, que me chama poderosamente a atención. E como mostra o seguinte poema que escrebe cando ten apenas 20 anos, e que xa parece recoller ese "estar inquedo" do poeta, humanamente levando o si e o non da vida, con ollos infinitos.

VOU E VEÑO
(De Poemas en algures, do libro Seivas de amor e tránsito)

Vou e veño...
O meu silencio móvil ten fantasmas viaxeiros
amigos dos espazos lagarcio,
levados polo desintegrado pó dos días e das horas.

Vou e veño...
coñecen-me as noites axigantadas de pequenas estrelas,
coñecen-me os ventos do camiño das cumes,
coñecen-me as pedras-cristal de todas as memorias.

Vou e veño...
Humanamente autómata ritmo sol-ritmo lua
humanamente rachado polas veas do tempo,
humanamente levando o si e o non da vida.

Vou e veño...
Co corazón aberto sempre ás chairas,
cos alentos de sombra, cos ollos infinitos,
coa pel chea de néboas e de chuvas.

Vou e veño...
Levando feridas e deixando feridas nos meus soños,
levando olladas e deixando olladas no horizonte,
levando e deixando deixando deixando...

vou e veño.


A súa escrita é a dun morador das terras asolagadas de auga e de choiva, de aire e de vento, de planicies verdes baixo bóvedas azuis e brancas, unha paisaxe núa e practicamente deshabitada, unha natureza omnipresente, coma se estivese en estado puro, sen apenas ruído humano que a perturbe.

A ollada do Semiólogo da Paisaxe, segundo o denomina Álvarez Cáccamo, aporta claves conceptuais falando dende o interior da Natureza, até pasar a incorporar materiais non naturais, desacralizar a súa poética con paisaxes da súa vivencia e no panorama urbano de alta intensidade dramática.

Escribe sobre os grandes temas que nos afectan aos seres humanos: a beleza, o amor en maiúsculas, a paisaxe e o telúrico como deslumbramento, a procura das certezas, a dor como ferida que nos desangra, a indagación do propio ser, o misterio do corpo e do Eros, o silencio, a saudade e a soidade no mundo, a visión da patria, a contorna rural e urbana, os problemas sociais e as inxustizas, sempre alentando dende o interior do verso, e dende a perplexidade e o asombro, como formas máximas de elevación do espírito, como recolle Teresa Seara.

O seu lirismo caracterízase así, por unha altura expresiva que o sitúan coma un referente do seu tempo e de todos os tempos no noso país, que ilumina cunha linguaxe vívida de grande tensión e intensidade emotiva e que manexa os recursos expresivos con gran sutileza en busca da fermosura, facendo que a súa obra teña un discurso poético propio, onde "o ollo do poeta acende o interior das palabras" (do libro, Duración da penumbra).

Aló polo 1991, pon a andar o selo editorial Espiral Maior, co poemario Metáfora da metáfora de María Xosé Queizán. Aquí Miguel Anxo inicia unha aposta por unha forma de estar no mundo diferente, un percorrido de compromiso xeneroso coa publicación e divulgación de obras literarias en galego, que edita a clásicos e contemporáneos, sen esquecer a tradución de autores ao galego, con un gran peso da promoción de publicacións de poesía, especialmente poetas novos e novas en galego. Selo editorial que como todo proxecto sostible, ao longo dos seus 30 anos pasou por distintas fases e momentos, convertido a día de hoxe nun clásico por excelencia. Cun modelo de xestión moi persoal e moi coidado, case artesanal, a través de subscricións e colaboracións con Concellos e entidades sociais que promoven a convocatoria de Certames de Poesía por todo o territorio de Galicia, como o recente dedicado a "Díaz Castro" en Guitiriz, logo do Día das Letras Galegas no 2014, coa súa participación nos Xurados dos mesmos e a publicación posterior das obras gañadoras no selo Espiral Maior; isto fai que por unha parte, teña unha ampla perspectiva do panorama literario na nosa comunidade, e por outra, que a publicación na súa editorial se converta nunha especie de aval poético ou carta de presentación de prestixio no ámbito da poesía en galego.

No ano 2009, despois da publicación do meu primeiro poemario "Do corazón da terra" que edita Xermolos e a Irmandade Manuel María, organizadores desta homenaxe que estamos a celebrar, e con motivo da presentación do mesmo en Culleredo, cidade na que vivo dende hai máis de 20 anos e na que tamén residía Miguel Anxo nesa época, participa nesa presentación e dalgún xeito sinto que me "apadriña", xunto co amigo tristemente finado, Tino Poza e o prezado Alfonso Blanco, nun fermoso acto que tivo lugar en "Villa Melania", biblioteca onde reside posiblemente o maior fondo de libros de poesía de Galicia, grazas a doazón que fixo o propio Miguel Anxo. Dende entón, coincidimos en moitos actos, como a presentación dos libros dos Talleres de Poesía que el impartía en Villa Melania, cando Culleredo era un fervedoiro poético e cultural, nos Encontros de Pintura e Poesía anuais que organizaba Tino Poza no Xardín Botánico de Culleredo, recitais, presentación de libros, etc.

Mais é a raíz da publicación do meu segundo poemario INVENTARIO DO PROHIBIDO, no selo editorial que dirixe Miguel Anxo, no ano 2015, que se propiciou unha relación persoal de carácter dialóxica e reflexiva, moi gozosa desde o punto de vista creativo e que me axudou a medrar e a madurar como poeta, e da que vou referir algún trazo a continuación.

"Todo traballo de creación debe ser, ao meu ver, un exercicio de depuración" dime o poeta, coma se definise o cerne da súa obra, esa procura da pureza das cousas e da súa expresión no fulgor da palabra decantada.

"A túa capacidade de asombro sempre aviva en min esa faísca de paixón polo envés das cousas, por dar luz a esa parte escura, a esa penumbra que nos envolve", respóndolle eu , conmovida e con ansias de afondar na lucidez .

Na Feira do Libro da Coruña dese mesmo ano, temos unha "conversa interrupta" como el a definiu, sobre a paixón e a súa expresión, e trala que me agasallou con dous poemarios como testemuñas do seu argumentario. Conversa que quizais nunca retomemos porque non fai falla, porque tiña razón o poeta e a miña percepción sobre Miguel Anxo e a súa obra mudou para sempre, porque "adentrarme no ser humano para aprender e desaprender é coma mergullarse un pouco no interior do mundo, alí onde leveda a masa coa que cimentamos os vínculos profundos"; onde a experiencia e a vivencia subxectiva configúranse en forma de coñecemento primordial.

No 2016, despois de transitar por territorios ermos e vivir un dolo renovador e coincidente no tempo para ambos, tralas perdas, as rachaduras e fragmentacións vitais, e despois dun café compartido un sábado calquera ás 11 da maña, mentres os meus fillos ían a clase de gaita, escribinlle unha mensaxe que da conta da súa esculca como forma de estar no mundo, e di así: "gustoume verte tan cheo de ilusións e de novos interrogantes, sempre na procura de coñecemento e da decodificación da realidade aparente das cousas".

O seu gusto pola literatura simbolista e surrealista, coma a gran poeta romanés Gellu Neam, a quen el mesmo publicou en galego, lévao a facerme unha encarga dun libro seu cando emprendín a viaxe de reencontro con Romanía, igual que fixera 30 anos antes a un país incerto no interrail, xusto trala caída do réxime de Ceaucesco. Agora, como bo viaxeiro, e recen chegado de Palestina, anímame a desfrutar do que ofrece a experiencia da viaxe "eu penso que a viaxeira ou o viaxeiro tamén debe descansar, parar, deixarse ir cara unha mesma" e faime referencia ao seu poema titulado “Aeroporto”: Toda viaxe é corpo/ e ten algo de esperanza/ de resplandor secreto ....

España desde aquí vese un país vello..., dígolle eu, e no medio do rebumbio de Bucarest atopei a obra reunida de Gellu Neam, agasallo que recibiu con sentida ledicia.

Polifacético e experimentador en distintas formas de expresión artística, aínda ten moito que ofrecernos e descubrirnos, coma a marabilla de obra que eu denomino POETOPLÁSTICA, practicamente inédita e que nalgunha ocasión mostrou timidamente polas redes, en forma de cadros-poemas dunha creatividade totalmente persoal, que me deixou abraiada, e así llo transmitín en varias ocasións pola Face. A súa fermosa grafía e o maxistral uso da pluma estilográfica, o xogo coas palabras e o seu manexo do espazo na composición, conseguen que o fesrtival de cores e liñas xeométricas, den aos cadros unha enorme beleza, cunha orixinalidade sen igual. Tamén ten colaboracións artísticas de moito interese, como a da pintora e creativa plástica Fátima Valente, orixinaria do Brasil, que lle dan unha dimensión experimental á súa obra pictórica e amósannos un eido metaartístico descoñecido, como se pode ver na portada dalgúns libros editados por Espiral Maior, iniciativa da que algún día quizais teñamos oportunidade de que nos fale el mesmo.

Antes de finalizar, quero facer referencia ao seu compromiso coa xustiza social e coa terra, que se materializa nos últimos anos coa súa participación na política activa como deputado en Madrid, e coa defensa da cultura galega e do "mundo rural", en perigo de extinción dende sempre e que hoxe máis que nunca, vive unha ameaza real con proxectos coma o do Santuario ou o Mistral, cun enxame de parques de macroeólicos proxectados arredor das casas, invadindo a paisaxe social e económica da poboación que habita no rural e roubándonos a natureza de todos os galegos e galegas, preocupación que xa manifesta Miguel Anxo aló polo 2008 (en Caderno Aberto), denunciando que coa desaparición do rural, desaparece como fenómeno humano, material e económico, unha parte fundamental da nosa cultura profunda; en certo xeito, desaparece unha parte fulcral no noso ser no tempo e na historia.

O rural como patria, como berce, como centro, mesmo como mito, deixa paso a un baleiro que non deixa de ser desacougante e a un horizonte urbano de incertas formas, en principio, para o espírito. E dinos Miguel Anxo, que máis aló dos estudos económicos e sociolóxicos é a poesía -como medio excelente sempre da percepción dos diversos planos da realidade, a que está a captar de xeito intenso ese drama, tantas veces silencioso, e por veces tamén tráxico da desaparición forzada dun mundo próximo a nós. E é aquí, a través desta perda, que me uno ás palabras do poeta, xunto con moitas outras e outros poetas, deixando testemuña a xeito de cronistas "porque os poetas, na súa tensión existencial en relación con este drama, cantan o que se perde, as imaxes e símbolos que desaparecen, a memoria dun mundo e dun tempo. E a poesía, crónica tamén do real, convertese nun inevitábel tremor, o fondo laio da desaparición". É dicir, Fernán vello reivindica a poesía, tamén como forma de resistencia a un neoliberalismo depredador e devastador da nosa forma de vida rural e da nosa harmonía coa paisaxe, reivindicación que tamén fago miña e que aplaudo a todas as persoas que se están mobilizando para que isto non siga adiante, cunha mención especial ao activismo das mulleres rurais.

E para rematar, non quero deixar de expresar que a súa obra é transformadora, e que no meu caso, puiden comprobar gratamente asombrada, a enorme pegada que deixou na miña escrita e da que non era consciente, ate reler a súa obra polo miúdo con motivo desta homenaxe, podendo dicir por todo o que se expuxo aquí hoxe, que Miguel Anxo Fernán Vello é un mestre da palabra que pasará a formar parte para sempre do caudaloso Paseo dos Soños no río Magdalena de Vilalba, capital da Terra Chá, como un dos grandes escritores vivos do movemento ilustrado do noso país.

(Palabras da poeta Luz Campello García na homenaxe a Miguel Anxo Fernán Vello co gallo da inauguración do seu Hectómetro Literario, que fai o número XIV dos do Paseo dos Soños de Vilalba)
Campello García, Luz
Campello García, Luz


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES