Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Felicidades que non cotizan en bolsa

domingo, 10 de octubre de 2021
Xesús está sempre á beira das vidas humanas coas que se atopa. Está alí para acompañalas, para animalas, para erguelas a novos e insospeitados niveis de realización. Porque todos levamos dentro xermes de autosuperación, de novas posibilidades de realizármonos. Pois o noso interior, os nosos desexos e horizontes máis íntimos son sempre meirandes cós que inmediatamente percibimos. Todos, dunha ou doutra forma, queremos ir sempre alén dos nosos horizontes acostumados. Queremos ser sempre o que somos, pero tamén máis do que somos e selo ademais sen que esa nova e desexada situación remate nalgún intre.

O que nos ocorre a nós pasáballe tamén a esa persoa da que se nos di no texto do evanxeo que se axeonllou ante Xesús. Para el era el símbolo e resumo de toda a bondade a grandeza que se podía atopar no mundo. Dísenos explicitamente alí que se trataba dun home adulto, ben asentado xa na vida. Posuía bens e fortuna. Fálase da súa "mocidade" como dunha etapa pola que xa pasara. Mais ¡claro! esta persoa, como nos ocorre dalgunha maneira a todos, non é totalmente feliz, non se encontra totalmente satisfeita consigo mesma. Non deixa de albiscar que algo lle debe faltar aínda para realizar plenamente a súa vida. Vive, si, e vive ademais con fidelidade ás normas tradicionais da súa relixión xudía. Digamos que se trata dun crente cabal do xudaísmo. Garda os mandamentos etc.

Mais o que a el lle preocupa é a curtidade da vida e o pouco que en definitiva a vida lle satisfai. De que lle vale vivir ben e ser tamén un bo xudeu practicante se resulta que despois de todo a súa vida non é "eterna"? Porque ter vida "eterna" non é só tela despois, é dicir, a que chamamos a vida trala morte. Vida "eterna", ou sexa, plena, e tela tamén nesta vida presente. É dicir, sentirse –tal como adoitamos dicir- plenamente realizados e felices co que estamos a facer na vida, por máis que poidamos ter se cadra horas baixas (segundo adoitamos dicir).

No contexto destas consideracións, quizais se poida entender algo da importancia e da paixón coas que esta persoa lle formularía a súa pregunta a Xesús: "Mestre bo, ¿que teño que facer para acadar a vida eterna?".

A esta persoa non lle satisfacía, como digo, a súa normal e correcta vida relixiosa. Un certo baleiro se abría no seu interior, que demandaba nova luz e novas augas de vida. E Xesús, ese mestre de vida que Deus Pai ofrece de maneira plena e definitiva ó mundo –a toda a humanidade-, vaille ofrecer o verdadeiro camiño de realización. É un vieiro dificultoso, á primeira vista case imposíbel de realizar, mais gratificante, plenificante, fornecedor de verdadeira "vida eterna", daquilo xustamente sobre o que esta persoa demanda información, porque a preocupa e atrae.

Xesús sabe do dificultoso e pedregoso deste camiño. Un camiño que en definitiva é el mesmo. Pois xa sabemos que el se presenta ante nós como "o camiño, a verdade e a vida". Por iso nos di o evanxelista Marcos que Xesús -seguramente pra lle dar ánimos a quen lle preguntaba sobre o modo de "acadar a vida eterna"- "o fitou cunha mirada chea de agarimo". Aínda así, non acadou vencer as resistencias que o feito de ter "moitos bens" lle impedían a esa persoa empezar a andar polo verdadeiro camiño de "acadar a vida eterna".

O resto da mensaxe de Xesús é ben coñecido, aínda que non por iso suficientemente asumido nas nosas vidas. É unha linguaxe explícita e sen contemplacións contra acugular riquezas que non se poñen ó servizo dos demais, dos máis pobres e necesitados. Esas riquezas agáchannos a visión da realidade e non nos deixan ver as necesidades dos demais. Así non é posíbel construír a fraternidade á que estamos chamados. Por algo o papa Francisco comentaba nalgún momento aquilo de "cómo me gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres!.

El tomou precisamente o nome de Francisco pola admiración e devoción que lle ten ó santo de Asís. E ben sabemos que San Francisco de Asís levou na súa vida a mensaxe de Xesús sobre a pobreza ata as últimas consecuencias. A súa festividade foi este pasado luns, o día 4 deste mes de outubro en que estamos.

En principio e falando algo abstractamente, podería pensarse incluso como algo estraño tal medo á pobreza dado que Xesús lles asegura ós que se desprenden dos seus bens que acadarán felicidade non só na "outra" vida senón tamén nesta. Certamente, o evanxeo dá sempre que pensar ó ofrecer ou presentar camiños para a felicidade humana que pouco teñen en común coa xeral propaganda comercial ou cos usuais receitarios pra acadala.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES