Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ambigüidades da pandemia

miércoles, 13 de octubre de 2021
Ano e medio levamos aturando unha pandemia muda e irta. Ata a súa chegada, agás supostas cativas excepcións de descoñecidas e supostamente ignorantes minorías (tanto as infravalorabamos!), viviamos supostamente felices, ostentosos e fachendosos de nós mesmos, danzando sobre a feble e sutil crista dunha onda mariña que nos erguía sobre soños construídos por nós mesmos.

E agora á vista está como unha boa parte desta humanidade inxenuamente amante dun xogo de surf a grande altura se veu esnafrar con tódolos trebellos nun chan movedizo, inclemente e duro.

Porque o feito de que a ti ou a min non nos poidan contar (alomenos de momento) entre os esnafrados ou desaparecidos en nada diminúe a ferinte crueza e inesperada traxedia ocorrida a moitos.

Quen son os responsábeis deste fatídico xogo, deste engano, desta fraude a grande escala? Va e oca cuestión, pois todos nel puxemos, dun xeito ou doutro, as nosas mans. Nunha terra e nun cosmos estreitamente conectados somos todos dalgunha maneira responsábeis de canto ocorre.

Velaí agora, porén, o intre dunha máis decidida e leal colaboración mutua entre pobos e culturas. Velaí a necesidade de científicos e pensadores lúcidos e de políticos de altura. Velaí a urxencia de coidarmos entre todos a nai terra, o mar irmán, os nosos ríos e regueiros de abondosas e limpas augas e mailo antigo lustre das estrelas que os nosos fumes hai tempo emborrallaron.

Velaí o intre do valor da poesía, da amizade, da proximidade e do respecto. Do amor á beleza e á xustiza. Do ímpeto a prol da igualdade entre linguas ou culturas, pois en modo algún deberiamos falar de grandes e pequenas, emperatrices e escravas. Velaquí a necesaria e xusta loita a prol da igualdade de oportunidades tanto nos países ricos coma naqueles que estes hai tempo empobreceron ou depauperaron, deixándoos despois á súa sorte, é dicir, á súa desgraza.

Laboura ampla e longa, xa que logo, e decidida a prol da vida e do porvir das novas xeracións, que con razón non son quen de comprender como as súas esperanzas e horizontes se viñeron acurtar ou apagar de xeito tan abrupto e inesperado.

Instaláronse así as dúbidas e a roda do vivir volveu unha vez máis amosar a súa ambigua e bifronte face.

Mais a vida é sempre misteriosa e sorprendente, exposta ó caos e levada porén da man da espera e da esperanza. Revive ela co agarimo e coa amizade e sabe ser cauta ante ameazas, desencontros e trasacordos.

Non é, porén, o vivir endexamais algo sabido, nin tampouco se aprende sen máis a súa arte en sentencias escritas e sabias doutros tempos.

Vivirmos é sempre con-vivirmos. Sen a presenza dos outros non sería eu quen de poder ser. A palabra oída que a min chega pode así converterse en bolboreta sorprendente que en min pousa e me bisba eu ser tamén alguén. Semellaría así ser ese noso e múltiple "eu" -don fermoso- a secreta fonte dun vivir que nada teme porque todo o espera.

Se o retiro imposto pola pandemia acada finalmente sandar e reforzar o común "eu" de todos, un mundo mellor amencerá.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES