Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Man Castro Tomé, Trapeiro de Honra 2021

viernes, 08 de octubre de 2021
"TRAPEIRO? DE HONRA? Pode ser iso un PREMIO DE HONRA para alguén?"

Non. Non tiña mala idea aquel rapaz que formulou a pregunta publicamente. Nin era un polemista barato. Fíxoa con toda sinceridade. Tampouco era vítima de ningún sentimento perverso de aporofobia. Parecíalle unha ‘contradictio in terminis’, xa que non daba casado a coherencia das verbas entre si.

Man Castro Tomé, Trapeiro de Honra 2021Alguén recitoulle os versos de Díaz Castro en Nimbos: "Herba pequerrechiña que con medo sorrís ao sol que vai nacendo e morrendo sen ti, por que de ser pequena te me avergonzas ti?. O universo enteiro sería máis pequeno sen ti".

Gosto moito do teatro, da poesía, da boa literatura. O dramaturgo italiano Luigi Pirandello na súa coñecida obra: "Seis personaxes á procura de autor", preséntanos o seguinte conflito argumental: Unha familia de personaxes irrompen no estudo-ensaio dun director de teatro coa pretensión de que alguén lles axude a remataren a obra propia deles. O director, o grupo de actores e os técnicos que estaban no escenario, no inicio, moquéanse dos intrusos. Pero ao longo da peza van vendo como este feito os vai cambiando a todos. As personaxes que buscaban un autor non son actores. Eles mesmos son as personaxes. Polo tanto, non poden aceptar ningunha outra realidade que non sexa exactamente esa para a que foron creados.

Hoxe e aquí neste acto hai un conflito semellante: unha familia de personaxes, todos nós, aparecemos no ensaio dun director de escena de teatro: A Lareira de Soños e a ANPG, para entregar o PREMIO TRAPEIRO DE HONRA 2021 a MAN CASTRO TOMÉ E, tal vez sen sabelo ben, buscamos nós mesmos quen nos axude a achar a identidade apropiada nunha obra inacabada na que estamos concernidos: OS TRAPEIROS DOS VILARES. E esa é xustamente a interpelación da pregunta esencial que facía o rapaz do inicio. Por que nos interesa? Por coherencia.

Vou ser a primeira personaxe que se sitúa na análise da experiencia persoal. Ano 1955. Seminario de Mondoñedo. M. C. López e máis eu, compañeiros de curso, xa non sei por que, tivemos unha retesía amigável, unha porfía. El, para moquearse de min espetoume: - Anda ti, que xa es de Parga! - "De Parga? E logo que pasa con ser de Parga?" - O Campamento militar. E os "Trapeiros de Parga!".

Certo. Eu era de Parga. O do Campamento militar deixoume indiferente. Pero aquela mofa dos trapeiros non era verdade. Doeume. E obrigoume a confrontarme comigo mesmo. Eu coñecía esa xente. "Que eu teña alma de trapeira non te autoriza a tratarme coma un trapo porque eu vallo e coa miña alma fago e desfago". "Por iso che pido que me desaprehendas", di acertadamente Luz Campello en Inventario do prohibido, p. 35. Espiral Maior. 2015).

Máis tarde, descubrín a obra de L’Abbé Pierre: O Movemento EMAÚS, levado ao cine co nome: LOS TRAPEROS DE EMAÚS. Así se denomina aínda ese movemento nos países hispanos. Este bo relixioso, 1949, invita a Georges Legay (un desesperado suicida) a construíren xuntos aloxamentos para familias sen teito. Escoiteille a Pepe Chao Rego falar emocionadamente deles. Coñecía ben a experiencia por ter convivido con eles en Francia. E ese día reconcílieme xa definitivamente cos nosos trapeiros. Aínda que a cousa de Os Vilares era moi distinta. Pero había unha pobreza común de orixe. E unha inmensa dignidade en ambos.

Tamén agora seguimos a ter unha realidade nosa: porque a realidade segue a ser realidade. E non é unha tautoloxía. Mudou de lugar. Pero non de condicións. Desapareceron algunhas formas do noso rus agrario que foi mudando coa posguerra. E segue a haber xente pobre, honrada, loitadores da vida desde a pobreza nun tempo de miseria.

Quen eran, que foron, quen están a seren hoxe os trapeiros? Son os mesmos embaixadores duns valores que se botan ao mundo con esperanza. Non son empresarios. Pero si emprendedores.

Ían na compañía dun burriño, tamén pobre, sinxelo, pouquiña cousa el. Ese grande, fiel e incondicional compañeiro. De pisada firme e segura. De pouca mantenza. Intelixente e libre, pero tamén coma elas e eles, as trapeiras/os, amigo e soñador. Algún día teremos de incluír nunha Homenaxe ese confidente secreteiro: o burriño amigo, Ese que de vez en cando tamén botaba bágoas silandeiras de solidariedade pola dureza da vida e os infortunios: Pasou con elas e eles, os trapeiros, medos a eito. "Que dura é a nosa vida!", dicían ambos. E de vez en cando revirábase solidariamente con orneos ameazantes e mesmo con patadas ao aire dicindo desafiante cando osmaba os perigos: Olliño que aínda non coñecedes as miñas mañas e capacidades! Coidadiño connosco! Aínda non sabedes da nosas fortalezas!

Man Castro Tomé, Trapeiro de Honra 2021Por iso a cotío, logo na andaina do camiño, facían sempre, falando xuntos, unha análise externa e interna, seguindo metodicamente o acrónimo DAFO que inclúe: debilidades, ameazas,fortalezas e oportunidades. Un balance psico-socio-económico-espiritual, que dirián os listos de agora.

Pola Pascua volvían ambos coas marcas do camiño andado. E facían festa e fotos e lucían o seu honrado traballo. E relatos sen fin. Fun testemuña directa.

Cambiemos de escena. Na antigüidade, chamaban bardo a quen recitaba poemas e narraba lendas de maneira oral. Moitas veces ses bardos relataban feitos históricos mediante extensos poemas que declamaban ou cantaban.

Esta situación provocou na lírica galego-portuguesa a aparición, por unha banda, dos trobadores e os segreis, que posuían unha maior conciencia clasista. Pola outra estaban os xograres, máis pobres, os cales defendían unha reivindicación do seu oficio.

Moitos dos nosos trapeiros tamén exerceron esta mesma misión. Fixeron isto mesmo. Nós temos a obriga de recollermos esta sagrada tradición oral aínda viva na memoria da xente pero en perigo de esmoreceren. Volvían. E aínda están en busca de autor. Un desafío cara a diante. Lembrades as ‘HISTORIAS’ dos cegos na Feira de Parga? Temos tradición.

Os tempos son chegados. Xa temos as personaxes: son as do fenómeno social: os trapeiros dos Vilares de Parga. Están aí. E seguen a clamar.Temos de superar os estereotipos falsos. Esíxeo a propia dignidade. Precisamos estudos monográficos, amplos e serios, especializados, sobre esta realidade.

Temos xa o excelente libro de Pastora Veres: Lareira de soños. E temos moitos relatos soltos e a memoria viva dos verdadeiros protagonistas e as súas familias. Pero van aló moitos anos. Os máis idosos xa desapareceron. E os derradeiros axiña se irán da nosa "santa compaña". Por iso vós creastes este premio. Un recoñecemento de honra cara adiante.

Andabamos á procura de autores e, por fin, destes co colectivo: OS TRAPEIROS DE HONRA. O primeiro foi Xosé Maria Díaz Castro, o poeta vilarego, e xa van ala non sei cantos.

Hoxe, nesta festa Pascal, irrompe de cheo en escena un novo persoeiro: MAN CASTRO: TRAPEIRO DE HONRA 2021. Un trapeiro de alma que tamén tivo de procurar a súa vida burilando a súa historia de honra nun longo camiño biográfico de idas, voltas e reviravoltas de difíciles e sinuosas procuras identitarias, enormemente ricas e polifacéticas coma as dos nosos espellos nos que estamos a mirarnos.

Esperamos de ti, benquerido Man Castro, como investigador e perito na arte das letras, que sexas ese trobador, xograr ou segrel que nos cómpre. E que dentro dun ano, dous, teñamos da túa autoría un novo libro ben documentado destes nosos TRAPEIROS, como ti adoitas a facer as cousas. Como fixeches con Álvaro Paradela. Lembras?

Se queres, colle contigo un bo ‘Platero’ que che axude fielmente no carrexo das tarefas. Grazas e boa singradura, AMIGO MAN.  

CODA FINAL. Comprendes agora, amigo rapaciño, a coherencia das incoherencias de PREMIO TRAPEIRO DE HONRA? Eu si. E sei que o universo enteiro sería máis pequeno sen os trapeiros con honra e sen a honra deste Premio de honra Pero tamén aprendín dos trapeiros e do burriño silandeiro que só se ve ben cos ollos do corazón. O esencial e invisível para as miradas do "mundo guapo".

Queridos trapeiros, querémosvos e honrámosvos!

(Palabras de Xaquín Campo Freire, Xaquín de Roca, na entrega do premio de TRAPEIRO DE HONRA a Man Castro Tomé).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES