Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Encamiñar o futuro, dende o presente, da man do pasado

viernes, 08 de octubre de 2021
Consecuente co contido do artigo publicado neste medio co título de "Uso e abuso do termo 'globalización' ", e tendo en conta as opinións sostidas noutras colaboracións, nas que se puideron observar exemplos do pasado aproveitables nos procesos actuais, quixera complementalo aquí neste artigo, traendo á palestra algún aspecto do mesmo para exemplificar o impacto sobre a actualidade, utilizando as ideas do sintagma do coñecido economista austríaco, Joseph Schumpeter, A DESTRUCIÓN CRETATIVA.

Sabido é que nas sociedades, expresado grosso modo, sempre existen, máis ou menos solapadas, dúas tendencias principais: Unha, que vamos a denominala CONSERVADORA, máis pola súa matización estática que política, e outra, PROGRESISTA, especialmente máis polo seu impulso ao dinamismo social que polas connotacións políticas do termo. Sen dúbida, tampouco exclúo a orientación política que a cada denominación corresponde; pero non é esta a miña perspectiva focal neste artigo, no que parto de que as dúas posturas xeracionais son absolutamente necesarias en toda sociedade, porque sen dinamismo, a sociedade anquilósase, e sen un cauteloso freo, vítima dos impulsos irreflexivos, desbócase. Conxugar ambas actitudes, corresponde aos políticos que gobernan e controlan as institucións; pero non pouco tamén á formación que os cidadáns desde nenos reciben ao respecto.

Imaxínome que o lector está atribuíndo o estatismo aos cidadáns de avanzada idade, e o progresismo aos integrantes das novas xeracións. Non vou negar as correspondentes predominancias, aínda que é mester introducir matizacións, xa que tamén hai que ter en conta as excepcións, e a exclusión da exclusividade absoluta (e permítanme a redundancia). En todo caso, non quixera caer no tópico de crer e afirmar que os conservadores, pola idade, que lles proporciona experiencia, non cometen erros, como as novas xeracións polos seus impulsos da xuventude. Isto só é relativamente certo: Sempre hai algo de todo na viña do Señor. Non obstante, camiño dun futuro globalizado planetario, considero que as actitudes estáticas e conservadoras teñen máis propensión a poñer, irreflexivamente, serios atrancos nel cara ao futuro.

No artigo mencionado máis arriba viña a tratar do uso e abuso que se adoita facer do termo "globalidade" e da dificultade de acadala, a luz dos altibaixos que se observan nunha análise histórica da orixinaria tendencia procesual, que talvez convén non perder de vista, e expoñía os atrancos dos mesmos Estados, posibles elementos complexos integrantes dun futuro organismo de concentración dun poder eficiente a nivel planetario, insinuando (vaia ousadía...!!; desculpen a miña pedantesca opinión) cómo debía formarse a individualidade cidadán, no rol de coadxuvante neste difícil camiño ao futuro.

Hoxe aquí quixera facer alusión, polo menos implícita, aos farallóns que nesta difícil singradura adoita poñer o CONSERVADURISMO, precisamente, ao impulso dinámico do PROGRESISMO, máis na súa acepción de avance integral continuo que de función política, sen descartar esta, como xa advertín nun parágrafo anterior. Velaquí, pois, un erro do que se nos pode considerar imputables, por moito que nos asista a experiencia do largo decurso da nosa vida.

Si, un erro..., porque as actitudes estáticas, propias das xentes de idade avanzada, opóñense a esa "destrución creativa" de Schumpeter, xa que non acabamos de entender que para construír de maneira innovadora hai que destruír o que estorba, que adoita ser, xeralmente, parte do que acadaron con esforzos as vellas xeracións: É QUE NON SEMPRE ACERTAN OS ESTÁTICOS CONSERVADORES OPOÑÉNSOSE A CERTAS DESTRUCIÓNS, E TAMPOUCO AS COLOQUIALMENTE COÑECIDAS COMO NOVAS, LEVÁNDOAS A CABO SEN AS PERTINENTES PREVISIÓNS DOS EFECTOS COLATERAIS . Por iso, para resolver este difícil problema e abrir horizontes con fundamento racional de prometedora positividade no futuro, sería mester que ambas posturas se esforzaran en acadar concordancias; e moitas veces nin tan sequera soportan escoitarse. Aquí tamén poden xurdir os erros do progresismo, que soe esquecer que só se avanza sobre o pasado cunha visión intelixente dende o fugaz presente como sintetizador daquel.

E miren por onde seguimos necesitando da instrución histórica. Así parece entendelo Tiziana Andina, da Universidade de Turín, nun excelente artigo publicado no nº 200 da revista Estudios Filosóficos. Ofrécenos esta intelectual, como exemplos, dous casos da Historia: O caso do señor William Lee que observa o esforzo da súa nai e da irmá, cosendo cofias que Isabel I de Inglaterra declarara obrigatorias para cubrir as cabezas, e que o impulsou a idear como mecanizar o proceso. Para isto deseñou un proxecto que quixo patentar; pero a Raíña, coa que se entrevistou a tal efecto, negoulle a concesión, alegando que se destruirían centenares de postos de traballo na franxa máis pobre da poboación. Acude Lee a Francia, e a resposta tamén lle foi negativa, posto que había que dar saída a outras dinámicas de produción xa consolidadas.

Non parece que a Raíña carecera dalgunha razón e as que tiña Mr. Lee eran ben convincentes. Velaquí, polo tanto, un exemplo que conduce á necesidade de buscar unha solución concordante: O erro da Raíña, opoñéndose a unha "destrución creativa", non carece dunha certa xustificación, e o de Mr. Lee, pese á improvisación, abre un camiño verdadeiramente esperanzador para o futuro, dinamizando a sociedade, aínda que sería mester minimizar os efectos colaterais, en "termos do aumento do desemprego das franxas máis débiles, co seguinte aumento da pobreza e da contención das inxustizas trans–xeracionais" (Tiziana Andina).

No caso de Venecia explícanse as razóns polas que non se considera conveniente bloquear o desenrolo tecnolóxico. Aproveita esta bela cidade a chegada de Carlomagno, porque con el tamén chegaron as condicións dunha maior seguridade nas actividades comerciais, e a situación xeográfica privilexiada desa cidade, permítelle augurar un futuro prometedor nada menos que cunha sinxela institución xurídica: A COMMENDA. Con ela nace a ocasión de CONFIAR algunha cousa a alguén, e así o "commendante" confía mercancías ou diñeiro ao "commendatario" (desculpen a adaptación dos termos). Este sistema permítelle a Venecia acadar unha impoñente capacidade comercial, que a upou a un gran apoxeo, facendo un uso intelixente dun sistema de créditos co que o sistema comercial resultou sostible e activo.

Todo marchaba de gloria, como se di coloquialmente; pero por razóns que sería moi extenso explicar aquí, de índole política e de nacionalización do comercio, bloqueouse a COMMENDA, colocándolle barreiras eficaces os mesmos gobernantes. Así que o éxito progresista terminou cando a "destrución creativa" afectou ás clases máis ricas e influentes, deixándose caer o conservadorismo no que eu me permito chamarlle RETRO ERRO CONSERVADOR, porque bloquearon o que eles mesmos habían propiciado.

Pero, preguntaranse os lectores interesados, qué relación se pode establecer aquí coa globalización. Contesto, a miña vez, cunha pregunta: Acaso pensan que, facendo as oportunas extrapolacións, están ausentes estas decisións socio–políticas, de natureza económica, no proceso da globalización?. E permítanme tamén preguntar se non cren vostedes que se cometen na actualidade "retro-errores de matiz conservador" a nivel dos Estados, bloqueando o que algunhas veces aceptaron, mediante a coadura das "razóns de estado", máis ou menos explicitamente.

Penso, pois, que os políticos de altura deberían esforzarse en ir conseguindo unha formulación histórico–estrutural na que se plasme, co máis documentado rigor hermenéutico alcanzable, en que institucións de épocas anteriores poderían encontrarse analoxías que faciliten a comprensión, coas extrapolacións matizables, dos posibles altibaixos do proceso de globalización, non tanto para canalizalo, como para non bloquealo, posto que non parece que existan elementos configuradores ou modificadores intencionais, e hai que aceptar certas constantes históricas, que, antes ou despois, impóñense nesta clase de dinámicas sociais, pola complexa relación con outras incontrolables: AQUÍ PRESÉNTASE COMO INDISCUTIBLE QUE É MELLOR COADXUVAR A ESA DINÁMICA SOCIAL, QUE SUPLANTALA.

Atención, Grandes Potencias!!, xa que talvez estades propiciando a vosa estrepitosa ruína: Insisto con teimosía que, quen ignora as constantes históricas, caerá vítima da súa inopia, antes ou despois. En EE.UU. a derrota de Trump, pese ao barullo que o rodea, puidera ser vista máis como un golpe das tendencias históricas que un éxito de Biden.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES