Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Folión dos Carros e maila Feira do Viño de Chantada (1)

miércoles, 06 de octubre de 2021
Publicado en Tempos de Festa en Galicia. T.II.

O concello de Chantada está situado no suroeste da provincia de Lugo, dende a Serra do Faro ata o encaixado cauce do río Miño. Na súa paisaxe é patente a diferenciación morfolóxica, reflectida en tres importantes unidade: a Serra do Faro ó oeste; a ribeira do Miño ó leste e no centro a chaira, pertencente á penillanura básica de Galicia.

A comarca posúe un clima húmedo e continental. Os invernos son suaves e os veraos calurosos con tendencia á sequidade. Con respecto á vexetación, ademais dos pinares de repoboación, aínda son frecuentes os soutos e as carballeiras así como as matogueiras nas áreas máis elevadas.

As principais arterias de comunicación son a N-540 Ourense-Lugo e a C-533 A Gudiña-Lalín. As súas trinta e seis parroquias ocupan unha superficie de 178 km2 e posuen unha poboación que, no ano 2004, era de 9463 habitantes. De tódolos xeitos, dende os inicios do século pasado ata o intre actual produciuse un declive demográfico causado tanto pola forte emigración a partir do ano 1940 como polo envellecemento poboacional.

Dende o punto de vista histórico, os primeiros datos están vinculados coa cultura castrexa, reflectida nunha serie de castros, como poden ser os de Líncora, Centulle, San Fiz etc. Por outra banda, o primitivo nome desta vila derívase, segundo algúns investigadores, do tipo de defensa usado contra os invasores normandos nos séculos IX e X; trátase da "plantada" un tipo de fortificación construída con estacas. Pola contra, outros historiadores vinculano coa reedificación da vila, logo da batalla de Camporramiro.

Posteriormente, a instalación monacal foi fundamental neste municipio denantes que os señores feudales, caso dos Altamira, os Doanes e outros, mantiveran o seu influxo sobre ela, que ía rematar coa revolta irmandiña.

A partir do século XVI, a vila chantadina foi cabeza de xurisdicción do señorío laical do que formaron parte vintenove freguesías e sete cotos. Finalmente, tras as cortes de Cádiz, a vila convertiuse en concello e partido xudicial.

Dende o punto de vista económico, este municipio baséase no sector primario, cunha agricultura ligada coa gandería. Malia explotacións vacunas, hai granxas de gando porcino e unha importante cabana caprina e ovina. Asi mesmo, a producción vitícola céntrase na ribeira do Miño, aproveitando o microclima e os socalcos.

O sector secundario fundamentase nunha variada industria: hidroeléctricas -Belesar, Vilela-, aserraderos, fábricas de lácteos, talleres mecánicos e artesanais.

Tanto este sector como o subsector constructivo experimentaron un forte pulo por mor do retorno de emigrantes e a consecuente urbanización da vila.

I. O FOLIÓN DOS CARROS
A súa orixe e evolución.


As súas orixes están ligados ós gremios, que eran asociacións artesanais xurdidas na Idade Media para a defensa e control dos seus productos.

Os gremios da vila interviñan un día ó ano nun acontecemento colectivo, que tiña como finalidade escenificar os labores de seu de cara ó exterior.

Cada representación gremial facíase nun carro, ornamentado con farois, frores e xestas, conducido por un paisano e levado por unha xugada de bois ou vacas do país. Así -segundo Gómez Montero- os carpinteiros, con banco e todo tipo de ferramentas, arrincaban coas súas garlopas unhas labras que botaban ó público que enchía as beirarrúas. As panadeiras que peneiraban e amasaban o pan, deixaban caer entre os espectadores unhas presas de fariña... O derradeiro carro do folión sempre estaba constituido por unha gran carroza chea de espigas de centeo ou trigo que ían mallando algúns "oficiantes" cos antigos mallos. Cando a carroza paraba, os que ían mallando cesaban na súa tareda, intre que aproveitaban as mulleres que lles acompañaban para retirar os graos das espigas malladas.

Estas representacións gozaron, dende sempre, dunha gran consideración e simpatía por parte dos chantadinos, e así aparece reflectido nun programa de festas do ano 1839, onde xa se fala do famoso "Folión dos Carros".

Antano, o desfile dos carros abríao un grupo de mozos, que portaban unhas pertegas con farois alumeados, simbolizando a diferentes persoeiros políticos; logo, viña un grupo de gaiteiros e os diferentes carros coas súas parodias, e, como remate do marcha a banda de música.

O folión, na súa evolución, pasou por diversas fases. Ata o ano 1935, -segundo Vázquez Rodríguez- os artesáns de cada gremio foron os encargados de decorar os carros do país, representando neles os labores que realizaban dun xeito cotiá, aínda que nalgún carro -un ou dous cando moito- levábase a cabo unha crítica contra as autoridades do concello.

Logo, a guerra civil abreu un paréntese ata o ano 1947, en que de novo se celebra o folión, aínda que xa, dende o ano 1941, a vila honraba a advocación da Virxe con diferentes actividades de índole relixiosa e profana.

Na recuperación deste evento, posiblemente tivese moito que dicir o alcalde da localidade D. Luís Campo Fernández, mais non podemos deixar esquecidos a moitos chantadinos que interviron dun xeito directo na recuperación do folión.

Nesta segunda fase, ás veces xuntáronse dous carros coa finalidade de dispor dun maior espacio para representar nas súas plataformas os traballos do agro e dos artesáns da vila. Non embargantes, estas representacións xa nos as realizaban artesáns, como ocorrira no periodo anterior, senón mozos da localidade. Isto vai motivar que se inicie, en certa medida, unha regresión do folión, que se fai máis notoria nas décadas dos setenta e oitenta, intre no que toman parte poucos carros, algúns deles mesmo movidos por tracción mecánica.

Mais no remate da década dos oitenta creouse a "Asociación de amigos do folión" que comezou a planificar "o desfile dos carros", introducindo algunhas novidades, como, prohibir todo tipo de tracción que non fose a animal; construír unhas plataformas de madeira de catorce metros de longo, tres de ancho e cunha altura máxima de catro metros, e seguir co percorrido polas rúas máis modernas da vila, que presentan unha maior amplitude que as antigas.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES