Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aprender a lembrar

martes, 05 de octubre de 2021
Concorre ben todo na Eucaristía de hoxe nesta fermosa igrexa de Cerdedo -non lonxe da miña parroquia natal de Sabucedo- pra falarmos de xuntanza, de asociación, de vérmonos e escoitármonos, de sentírmonos comunidade ou corpo comunal. Todo isto a pesar das restricións que nos impón a situación epidémica da que aínda non temos saído totalmente despois de ano e medio do seu comezo.

E agradézolle ó benquerido amigo e párroco Luís Caxide a súa amábel invitación a presidir esta eucaristía, desexándolle saúde e longo estar connosco.

A eucaristía que celebramos é tamén acción de grazas da comunidade, do conxunto de todos nós, por tantos beneficios recibidos de Deus nas nosas vidas. Neste caso concreto de hoxe, temos presentes, é dicir lembramos, os pertencentes a esta Asociación "Amigos da Terra de Montes", por máis que hoxe e dunha maneira especial fagamos lembranza dos que formaron parte dela e nos últimos tempos nos deixaron; entre outros, Manuel Diz Ramos, Luís Caramés Viéitez, Xosé Fancisco Bouzas, Adolfo Cabada Castro (meu querido irmán), Manuel Espiña Gamallo etc. Porque, como ben sabedes, e de xeito especial en Galicia, os que se foron e os que aínda vivimos neste mundo continuamos a ter e a manter unha mutua e especial relación.

Por outra parte, sabedes tamén moi ben que toda eucaristía é un acto comunal ou comunitario no que facemos especial lembranza agradecida dese Deus Pai bo que converteu para sempre o seu fillo en irmán noso que se entregou á morte polo noso ben e coma peñor dunha vida que endexamais rematará. Realizamos ademais tal lembranza porque foi el mesmo quen nolo pediu. "Facede isto -velaquí o seu encargo- na miña lembranza".

¿Por que terá tanta importancia a lembranza cando é o mesmo Xesús da Boa Nova o que nos pediu que non o deixemos de lembrar? Pois porque coido que sen ela non só deixariamos de sermos relixiosos senón tamén de sermos humanos. Todos vivimos de lembranzas. Sen elas abanean os nosos fundamentos e os nosos mesmos desexos de vivir. Con elas, somos aínda quen de querermos vivir. Unha das cousas que neste sentido me chamou nestes días a atención, en relación coa actividade volcánica na illa da Palma, é a dor que lles causaba ás familias afectadas pola desgraza a perda definitiva dos recordos familiares dos seus antepasados.

A verdade é que vivimos moito dos nosos recordos, dos acontecementos ocorridos e dos seres humanos (e incluso non humanos) cos que temos convivido.

Velaquí unha anécdota. Meu avó materno a quen chamabamos "papá Lino", fora arrieiro case toda a súa vida. Traía viño cara á nosa Terra de Montes desde o Ribeiro coas súa mulas. Cando el finou no ano 1951 (eu estaba daquela a moitos quilómetros de Sabucedo) xa non había mulas na corte da nosa casa, que estaba situada no amplo espazo que había na planta baixa, debaixo mesmo do seu cuarto. Semella que ó final da súa vida as mulas se mantiñan aínda vivamente presentes na súa lembranza. Efectivamente, pouco antes de el finar, preguntoulle a meu pai se as mulas comían ou non... Meu pai non lle deu importancia a tal pregunta e díxolle sen máis que si. Mais o meu avó obxectoulle: "Pois eu non as oio rillar"... E deixounos. As lembranzas da súa variada vida acompañárono, como vedes, ata a entrada no alén.

Meu avó e mais tódolos demais fomos nun tempo nenos ou nenas. Neses tempos infantís empezamos a enchérmonos de vivencias e experiencias que máis tarde e paseniñamente, ó longo da vida, irían converténdose en lembranzas. Os nosos quereres, os nosos amores, a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa relixiosidade etc. teñen aquí boa parte da súa base. Chegaremos a vellos ou non, mais pola etapa infantil tódolos adultos aquí presentes temos pasado.

Por esta razón non deixa de ser unha grata casualidade que neste primeiro de outono no que estamos a celebrar o comezo dos actos da Asociación "Amigos da Terra de Montes" celebre a liturxia cristiá a festividade de santa Teresa do Neno Xesús. Ela, como saberedes, tiña unha relación de fe e confianza en Deus á maneira dunha nena cos seus pais. Unha relación deste tipo non vale só pra cativos, senón tamén pra persoas adultas, porque ante Deus somos ou deberiamos ser todos sempre nenas ou nenos.

Disto decatouse ben o adulto Unamuno naquel seu poema que a min tanto me gusta e que vén sendo como unha réplica poética daquilo de Xesús: "Se non vos facedes coma nenos non entraredes no Reino dos ceos". Vede, se non, como se expresaba o grande escritor vasco, traducindo eu pola miña parte ó galego os seus versos:

"Agrándame a porta, Pai,
porque non podo pasar.
Fixéchela para os nenos,
eu medrei ó meu pesar.
Se non me agrandas a porta,
achícame por piedá.
Vólveme á idade bendita
onde vivir é soñar".

E xa que andamos a lembrar poemas, lembremos xa un máis próximo a nós. Refírome ó sentido poema de Xosé Roxelio Otero Espasandín, cerdedense de Santa Olaia de Castro e finado nos Estados Unidos lonxe da súa terra, cando desde alá no seu fermoso poema titulado Pico de Castrodiz cantaba, envolto de saudades e lembranzas infantís, o seu monte de Castro con versos coma estes:

Castrodiz, castro amigo
en terras de Cerdedo:
Nacín á túa veira,
soñei coas túas lendas sendo neno [...]
Nacín no teu regazo
e a ti subín a ver o mar, moi cedo,
unha mañán de maio,
tola de labercas [...]
Di, vello padriño dos meus soños,
se cando cala o merlo
e os campanarios dos contornos,
á noitiña, chaman polos labregos,
parlas co sabio moucho
e rezas polos mortos en segredo.
Castrodiz, rexo castro de celtas
[...] acórdome de ti, dos teus penedos
cubertos de liques e de soños,
nesta terra sin castros nin cruceiros...


Pois ben, as lembranzas (sexan estas de tipo relixioso, cultural, social ou simplemente persoais) sostiveron as vidas de cantos foron quen de lembrar. Lembramos porque houbo xente que pensou en nós e nos quixo ben. Lembramos porque queremos continuar a realizar accións que posibiliten a vida e a dignidade dos que veñan despois de nós. Da mesma maneira que as nosas propias vidas foron posibilitadas por cantos (coñecidos ou non por nós) traballaron a prol da nosa existencia e do noso desenvolvemento.

Coido que non son outros os desexos e esperanzas dos dirixentes, membros e simpatizantes desta nosa Asociación "Amigos da Terra de Montes", porque -volvo dicir- o noso futuro só se constrúe desde a lembranza do pasado.


Dito o 1 de outubro de 2021 en Cerdedo co gallo do inicio da celebración anual da Asociación "Amigos da Terra de Montes".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES