Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perdelo todo e a lacra do oportunismo

lunes, 06 de septiembre de 2021
Estes días, imaxino que como toda a xente de ben, vivo pendente da Palma. Non porque teña alá xente coñecida senón porque me parece terrible o que están a vivir: saír da casa, practicamente co posto e saber a ciencia certa que non vas volver a ela. Ademais saber, tamén, que o que era o teu pobo nunca máis vai ser o que era. Particularmente impactoume como xente que volvía ao seu lugar non era capaz de recoñecelo e o seu rostro era pura desesperación ao ver a súa vida literalmente incinerada.

Vendo todo isto, pensei nas identidades persoais, no máis fondo de nós mesmos. Neses lugares onde nacemos, medramos e xeramos un vínculo especial. Eses lugares que precisamos para contar a nosa propia historia. Pensei nos meus lugares e pechei os ollos imaxinando como contaría todo o que vivín sen poder volver a velos fisicamente. De certo é moi complicado pero agora A Palma e de xeito especial, Todoque, quédalle a propia memoria en todas as voces que poden contar esta historia. É importante que a conte e que aprenda dela, como tamén é importante que esta historia non sexa efémera, hai que reconstruír unha illa, hai que devolvela á vida e fan falla moitas mans. Neste sentido, os medios de comunicación son grandes difusores pero tamén fonte de esquecemento cando unha información prioritaria se impón na actualidade. Debemos buscar xeitos para non esquecer A Palma e rescatala desta traxedia.

Logo está a lacra do oportunismo que atopou unha ferramenta do mal no negacionismo. Paréceme que se está volvendo unha patoloxía da manipulación. Esta patoloxía debuxa unha realidade paralela que quere facernos ver que vivimos nun Show de Truman. Pois non, o Show de Truman patolóxico téñeno eles na cabeza.

O volcán da Palma é unha traxedia moi real á que por desgraza temos que facerlle fronte. Témolo que facer con dignidade, con solidariedade, con forza, con todas as mans. Axudar é imprescindible e a axuda ten moitos xeitos de materializarse, un deles é a reflexión. Neste senso pregúntome se convén facer vida enriba da ameaza dun volcán. Pregúntomo e comprendo o vínculo entre terra e identidade que levou aos habitantes de Todoque a reconstruír tras a anterior erupción.

Con todo isto, chego á conclusión de que só podemos estar co pobo. Ser solidarios e poñernos na súa pel e axudar, porque cando o volcán durma, soamente moreas solidarias poden arroupar cun pouco de calor a aquel que o perdeu todo. A solidariedade suma e actúa fronte aos pusilánimes egocéntricos que viven do oportunismo da desgraza.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES