Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fuxindo da saudade

jueves, 30 de septiembre de 2021
Non quero caer na rutina de rexeitar hipocritamente canto aquí se dixo de min en tan fermosos e efusivos panexíricos. O bo xuízo dos oíntes e coñecedores do meu decurso vital ata agora, cadaquén desde a súa respectiva perspectiva, fará unha ponderada crítica persoal. Pero tamén desexo evitar a descortesía de non intentar corresponder con todos vostedes cunhas palabras que lles debo, e moi especialmente aos que fixeron uso delas neste acto. Con eles non poderei, por suposto, saldar esta débeda cultural de maneira condigna; pero comprometo os meus sinceros sentimentos nesta función.

Debo restarlle importancia, non o meu sacrificado traballo durante a miña vida, senón o que realicei culturalmente durante os 26 anos que levo de xubilado, porque a miña vocación polo ensino alixeiroume o esforzo e proporcionoume un sincero sentimento de utilidade social. E falo da vocación, pero sen esquecer que, profesionalmente, fun máis un profesor que un mestre, porque se ben é certo que pretendín ensinar con certa responsabilidade o que sabía, tampouco é menos certo que seguro que non fun un verdadeiro mestre, nin pedagoxicamente, nin nas relacións docente–discente, aínda que os alumnos nunca me regatearon a súa xenerosidade, axudándome a cubrir os espazos "anómicos" dun marco lexislativo que acusaba excesiva precipitación, obrigándonos a perder moitas horas en funcións burocráticas, en prexuízo das netamente académicas.

Pero esta temática non parece a pertinente aquí e agora. Recibo a visita de vostedes como unha homenaxe aos meus 90 anos, evidente indicativo da miña vellez (expresado así, espido dos habituais eufemismos), e talvez esperan que lles explique algo do que sinto neste estado da miña vida. Eu non comparto, obxectivamente, a afirmación do escritor suízo John Knitttel de que cando se é vello séntese máis admiración polo pasado que polo futuro, porque teño moi presentes aquelas fochas dun pasado que tiveron que esperar moitos anos para reencherse nun futuro que xa deixou de selo, ou seguen baleiras aínda dun contido positivo. Estas lembranzas do pasado, certamente, non me resultan gratas; pero tampouco, as veces, me resulta fácil aceptar a ignorancia ou terxiversación dun pasado para xustificar irracionalmente boubas políticas. E aquí, mentres viva con certa capacidade, iso sempre o refutarei, agrade o nun os deformadores da realidade histórica, dun signo ou doutro.

Ademais, por outra parte, preocúpanme algúns razoamentos de prestixiosos intelectuais na actualidade, que non encaixan na miña modestísima formación, e lévanme a unha serie de incertezas que me impiden fortalecer a confianza nun futuro da Humanidade que se augura demasiado escorado a unha aplicación tecnolóxica que pode crebar os nosos "constructos" antropolóxicos. Un exemplo: A máis sobresaínte entre as moitas ideas de R. Kurzweil, e moi atrevidas, é a tese da posibilidade do home de transcenderse, non DE si mesmo, senón A si mesmo, que me leva a preguntar se podemos seguir sendo humanos tras deixar de selo, é dicir, seguir sendo humanos, tras un post- ou trans-humanismo, por moito que nos empeñemos en escapar da contradición. E se argüímos que as latencias do futuro no pasado incóanse no presente, tampouco me permite moitas alegrías, porque ese pasado que anainou algunhas ideas de Kurzweil proporcionou o formigón de posibles construcións que escurecen as previsións do futuro.

Noutra orde de consideracións, é indiscutible que o home/a muller necesitan non descoidar a súa formación para afrontar criticamente os sentidos dinámicos dos diferentes sectores da sociedade, se non queren perder o coñecemento de si mesmos, e a para cubrir esa persoal esixencia, deben dispoñer de servizos bibliotecarios, que noutras épocas, en lugares como Alfoz, eran un medio de decoración, pero na actualidade existen persoas con diferentes niveis de formación que os utilizan.

Velaquí a razón pola que decidín, coa anuencia de Carme, a miña esposa e coadxuvante na configuración cultural da propia personalidade, e atendendo o consello dos fillos, doar a nosa modestísima biblioteca ós servizos bibliotecarios deste concello de Alfoz, cambiando a probabilidade do seu deterioro, seguramente nun futuro non moi afastado, polo servizo ao pobo; pero tamén quero resaltar que catalizou esta decisión non pouco o recordo dos meus primeiros tempos de estudante, nos que necesitaba consultar libros que non tiña, nin cartos para compralos, precisamente, cando recorrer ás bibliotecas era demasiado gravoso para meus pais, de cuxo esforzo naqueles tempos quero deixar aquí un moi grato recordo e recoñecemento. É que as bibliotecas, como di un articulista, son "tesouros de cultura e silencio. Teatros de ideas e benestar. Recunchos necesarios para buscar humildemente a verdade cando berra tan alto a mentira". (Juan Antonio Pinto Antón, El Progreso, 19 de agosto de 2.021, páx. 29, en epígrafe BIBLIOTECAS, O TESOURO ESCONDIDO).

E con respecto o libro que hoxe lles presento, asistido, dirixido e animado por un excelente intelectual da comunicación, D. Xulio Xiz, e patrocinado polo Sr. Alcalde de Alfoz e a súa Corporación, libro que titulei "Fuxindo da Saudade", no me corresponde a min, penso, dicir del máis que informalos dos motivos que me levaron a escribir o seu contido. Xubilado, por aplicación das normas vixentes naquel entonces, hai uns 26 anos, tiven que deixar a miña dedicación docente aos 65 de idade, na plenitude profesional, e pensei encher o baleiro no tempo con algo que xa viña facendo desde rapaz: Dedicarme e ler e escribir.

Creo que así o fixen. Publiquei dous libros, titulados "De Maquiavelo a Wallraff" e "Evolución y complejidad". Por este último interésase un catedrático da Universidade de Granada, Dr. Sequeiro, e invítame a colaborar na revista dixital "Tendencias 21", e na actualidade na de "Fronterasctr", ambas da Universidade de Comillas. Fixen algunha colaboración, e numerosos comentarios ás doutros prestixiosos investigadores, e nestes medios publiquei a recensión, previa tradución do inglés, de PRINCIPLES OF NEUROTHEOLOGY, de Andrew B. Newberg, da Universidade de Pennsilvania, e NATURAL SIGNS AND KOWLEDGE OF GOD, de C. Stephen Evans, dúas obras que, con independencia da respostas persoais ás últimas preguntas que creo debe afrontar a persoa humana, cadaquén desde o seu nivel cultural, valen a pena de lerse, porque poñen de releve o avance científico en neuroloxía, e apuntan a aplicación de futuras e innovadoras metodoloxías nos diversos estudos esforzados en darnos sentido a vida.

Desexo deixar constancia de que, na medida en que poda, seguirei enviando algunha colaboración a Galicia Dixital, polo que a entrega dalgúns libros ao concello ireina facendo progresivamente en función das miñas necesidades; pero, no noso domicilio, os que necesiten realizar algunha consulta estaremos dispostos a facilitalas, se a saúde de Carme e miña mo permiten. O que reste de entregar ao final da miña existencia, non lle quede dúbida de que o farán os fillos, non menos entusiasmados no cumprimento desta obriga, previa escolma dos documentos que se encontren nos cartafoles, para evitar publicidades que só teñan un interese familiar predominante.

(Palabras de Pedro Rubal na presentación do seu libro "Fuxindo da saudade", dentro da homenaxe que recibiu o 24 de setembro de 2021 en Alfoz, de onde é Fillo Predilecto)
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES