Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (1)

martes, 05 de octubre de 2021
Acabo de recibir o seu legado testamentar, (xa sei que o correcto é, testamentario, pero Crónica dun itinerario e dunha época (1)como os rapaces deron en dicir, testamentar...!), así que terei que poñerme ao ordenador pois as últimas vontades son..., ¡iso, últimas, e por tanto, definitivas, ineludibles!

Ao señor Antón, que era ben coñecido en toda a bisbarra, tanto pola súa bonhomía como polos seus contos, típicos da lareira, dun tempo a esta parte deran en chamarlle O Vello da Ponte, debido a que collera o ripio de afirmar, viñese ou non ao caso, que el era unha especie de ponte entre o século XX e mailo XXI, daquela apenas estreado. Pois agora aínda é máis "ponte", xa que, coa ánima, traspasou a porta de San Pedro, e co corpo, a do cemiterio de San Froilán. Fiel aos seus principios, botou nunha máquina de escribir manual, e desta pasou á eléctrica, que o levou, nunha terceira fase, á compra dun PC, pero na última etapa, da súa vida e das súas aptitudes, xubilado que estaba, o ordenador, coas súas complicacións técnicas, manuais e todo iso, fíxoselle costa arriba, en vista do cal as súas..., digamos, Memorias, deixounas mecanografadas, simplemente mecanografadas, ¡que non é pouco!

Fará cousa dun mes vin a súa necrolóxica no diario El Progreso, e funlle ao enterro, onde recei, máis que por el, coidando que a súa santidade é de reválida, por min, pedíndolle que me axude a redimirme, en vida, dos meus pecados, para visitalo cunha túnica branca..., no meu día! Onte mesmo, petaron á porta desta miña / vosa casa, coa sorpresa de que me / nos visitaba a neta do propio Vello da Ponte, estudante ela, pero de non sei que, pois xa confundo os nomes e mailas materias de tantas carreiras como temos agora, maiormente desas que non levan a ningures, desas que non serven, ou pouco, para engadir valores neste mundo actual, tamén chamado, de Comercio Global.

-¿E logo, viñeches á Coruña, á praia? ¡Ti non a precisas, que es moreniña dabondo!

-Estou así porque fago sendeirismo, que me asociei cos Amigos do Patrimonio de Castroverde, e todo se nos volve revisa-lo país. ¡Calquera día atopámonos co..., ¿Doutor Livingstone, supoño?, pero, de momento, con quen me atopo é con vostede..., por delegación de meu avó, cumprindo un dos seus encargos!

-Muller, non sei se te equivocarías, de cidade e de persoa, pois, se queres unha recomendación que sexa eficaz, de presente atópanse no Camiño de Santiago, concretamente ao final do mesmo, na Xunta de Galicia!

Ela medio se riu, e iso que lle falara en serio, talmente en serio.

-Non, señor; aínda que tampouco me viña mal! Trátase de que fomos retirar o testamento de meu avó, e na súa lectura, entre unha serie de mandas e de consellos, deixounos dito que as súas "Memorias"...; espere que as quite desta carteira...; que se lle entreguen a vostede, con cesión dos dereitos de Autor inherentes!

A miña sorpresa chegou ao máximo.

-¿A min, para que, e por que? Se teño que traducírvolas ao castelán, agora que os libros galegos só se venden no rastro, tarde piaches, que o levo esquecido...

-¡Non, señor; son súas, como legado! Aquí traio o testamento, por se ten dúbidas:

"...Darédeslle estes folios ao meu amigo Xosé María..., con cesión definitiva e gratuíta dos dereitos de autor inherentes..., pedíndolle que pase isto ao seu ordenador, e que lles dea luz, se tal lle apetece, pois eu non fun capaz diso..., aínda que me tiña por unha pontella entre os dous séculos nos que participei, nos que tiven non sei se a sorte ou a desgraza de vivir. Sorte, porque os inventos avanzaron unha barbaridade; e desgraza, porque esa barbaridade foi acelerada, agresiva, para os que viñamos de moi abaixo".

-¿Que, acepta, ou refusa? –Apremou a rapaza ao verme dubitativo- Está obrigado en tanto en canto meu avó non se cansaba de dicirnos que só vostede o ten escoitado con atención, e que seguramente era o único que o entendía, acaso por unha certa afinidade de afeccións.

Foi o dilema que me formulou, no que me meteu, a neta do amigo Antón. ¡É boa verdade que nos pasamos a vida elixindo entre o si e mailo non; tódolos camiños están gallados!

Esixíndomo Antón, e pedíndomo a súa neta, que outra me quedaba máis que aceptar? ¡Encima das ocupacións que teño, acotío, que tal parece que mas endosa Xuncras, pois, cos meus anos, que xa estou nos 90, e coas forzas decrecentes, traballo crecente! Isto vai en detrimento do meu botánico das "Andoriñas", pero..., que se lle vai facer! ¡Que Crónica dun itinerario e dunha época (1)mo coide o Vello da Ponte, desde Arriba, desde o Ceo..., mentres transcribo os seus relatos!

En vista diso póñome a teclear, xa mesmo, pois a historia, ¡as historias!, do meu "Vello" son monumentais. Refírome ao volume, pois, en canto á calidade, o xuíz da mesma sempre é, debe ser, o lector.

Empezarei a transcribir, a subir ao ordenador, o que conta de despois da Guerra, pois os folios do de antes coido que non lle interesan ao lector actual, que nin sabe que en España houbo unha guerra incivil, chamada Civil, e iso que non o foi, que foi militar, ou máis exactamente, caciquil. Isto que sigue xa é cousa, relato, do Vello da Ponte, así que, se non vos gusta, a min, plim!

Polo que levo lido, que vou pola metade, este ¿diario? do amigo Antón, non é propiamente un diario porque vai a saltos, pero si que é, ou por tal o teño, a crónica itinerante, consecutiva, dunha ruta e duns anos colmados de peripecias, tódalas que lle chamaron a atención nos seus recorridos, comezando por aquelas viaxes cotiáns Fonsagrada - Cádavo - Castroverde - Lugo, cos correspondentes retornos, etc., etc.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES