Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mansas e feras augas de Galicia

miércoles, 29 de septiembre de 2021
A nosa bruante vaca Galicia, que dende ignotos séculos aprendeu a beber amorosamente das abondosas augas atlánticas, testemuñas de solpores e de misterios inacabados, é por iso en principio tamén mansa, repousada, dona de si e ben instalada na propia terra, aquela que ben sabe que non pode ser máis ca súa.

Galicia é así auga e terra e non ceos ardentes e implacábeis que non se deixan fitar no seu lonxano alén de ferro. A auga, nos seus milleiros de modos, formas e proximidades acompáñanos deste xeito no noso vivir e peregrinar.

"Parecedes uns pelengríns", dicía miña nai con sorriso amigábel cando chegabamos á casa mollados coma piros e o vagaroso espreguizarse do fume da cheminea recendía a cunca de caldo quente. Os carapuchos ben entretecidos de xunco ou palla deixárannos experimentar a proximidade e a beleza do descenso da auga bicando o noso andar. E cos nosos zocos de pau de abeneiro ou bidueiro percorriamos seguros, ben enluvados os nosos pés en herba mansa do palleiro, camiños de vacas e carros cantareiros cara a veigas ou carballeiras.

As noites eran longas e a auga domesticada, grea amiga, que camiñaba nas presas das cabeceiras de veigas, lameiros ou herbais, fecundaba e revitalizaba o seu verdor e louzanía. Impoñíase así un xogo nocturno e comunal no arteira tarefa de botar a auga nos propios eidos desde regos e caneiros tentando que algún dos outros conveciños, mestres tamén na mesma arte, non se decatara. A auga era así riqueza, vida, retesía e tamén xogo, comunalmente máis ou menos regrado. E alá abaixo cantaruxaba o río, feito todo el de pedra e seixos limpos, fentas e sobre todo de augas puras, mansas e abondosas, galano das mil fontes que acompañan, ben á beira, o seu ignoto, caprichoso e sorprendente peregrinar.

Só unha vez puiden experimentar a forza que agacha a silente auga no seu aparentemente manso discorrer. Arriara ben de noite e os soños producidos non sospeitaran a desfeita. Medraran e incharan paseniñamente as augas do noso río, arrastrando consigo pólas de salgueiro e abeneiro que chegaron nun momento a taponar a próxima ponte baixo a que discorría, serpe orixinaria e fecunda, o noso troiteiro río. A desfeita produciuse de noite ou na amencida. De inocente e rebuldeiro año converteuse el nun instante en fero elefante africano que derrubou a ponte e arrincou logo con forza insospeitada pedras e carballos costa abaixo na súa arremetida.

Foi entón cando puiden ollar o endexamais imaxinado. As amigas troitas que previamente habitaban apracibelmente nas augas rebordantes da parte anterior da ponte non tiveron tempo suficiente pra pensalo e fuxiren. E alí ficaron, desposuídas subitamente do seu río de sempre trala inesperada retirada das augas, rebulindo inermes ou sen vida entre a herba, xa só mollada, da veciña veiga, arteira e fuxidiamente só visitada polo ímpeto da riada.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES