Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As repolas de Carbia

lunes, 28 de julio de 2008
Teñoo decidido. Dende agora mesmo vou aforrar palabras. En troques de dicir: Todas e todos, elas e eles; mulleres e homes, direino en feminino. De tal xeito que con TODAS e con ELAS, quedarán nomeados (por personas), o feminino e o masculino nunha mesma palabra. Porque, senón, é un grandísimo lío que, por demais, non satisface a todas (as persoas).

Plantas, arboriñas, froitas, cuestións atmoféricas, en feminino todas.

Trigas, por trigos; carolas, por carolos; alcacea, por alcacén; centea, por centeo; milla, por millo; pexegas, por pexegos; repolas, por repolos…

O feminino recollerá por extensión ao masculino e rematarei co lío.

Vou ao que realmente quería: dar o meu parecer sobre as bondades das repolas de Carbia, que son moitísimas, incontables.

Por certo, polo menos en Carbia, as repolas teñen masculino e feminino: hai repolos e hai repolas.

Pero antes de seguir, o dato: Carbia foi concello propio e capitalidade municipal ata hai 64 anos. Concello de San Xoán de Carbia, nas Terras do Deza, con vinteoito parroquias.
Dende o 1944, o polo qué non cabe aquí agora, pasou a nomearse concello de Vila de Cruces, coas mesmas parroquias pero situado nun extremo do Municipio. Carbia está no mesmo centro territorial e quedou, sen embargo, sen capitalidade e sen casa do concello. As paredes están alí ao seu albur.

Carbia, co Mosteiro de Caaveiro preto, ten as repolas máis louvadas e con con toda a razón. Son repolas saborosas, de dúas razas diferentes, as dúas de condición senlleira. Principalmente a repola de cabeza de boi, redonda, dura e sabedora. Onde estea unha repola de Carbia non hai competencia posíbel.

Wolfranio aínda o hai en Carbia, pero seica non é rendíbel polo costoso da extracción. Polo momento, Carbia destaca polas súas repolas pechadiñas, duras e esplendorosas.
Carbia sobresae, tamén, pola beleza paisaxística e arqueolóxica.

E o máis fundamental: pola vecindade e por certas palabras no falar que alguén debería rescatar.

Pero volto ás repolas. O que guste deste manxar ten que ir a Carbia a mercar. Eu vou a Carbia sempre que poido e mo pide o corpo, pero non polas repolas.

Porque, imos ver, a min, os repolos sei que non me prestan. As repolas, sen embargo, si, gustanme moitísimo, pero téñolles tanto medo, tal pavoroso receio a que me fagan mal que, polo momento, só me gusta velas, arrecendelas se é o caso, e máis nada. Incluso aínda que sexan repolas de Carbia, que xa é dicir.

¡Cánto escribir para tan pouco!

Carbia merece máis, pero queda para outro día. Hai que ir a coller as memorias perdidas. É preciso viaxar polas súas oito aldeas: Abealla, O Abullo, O Casal, Covas, Pastoriza, A Pena, Pousadoiro e Serrape. O máis seguro é que, sen querelo, salla, nun sócate, a Cantiga de Carbia.


CANTIGA DE CARBIA

Auga da Fonte do Abello,
fervendo na pota está,
e as repoliñas de Carbia
serenadas na mañá.

Auga da Fonte Serrape,
auguiña medicinal,
sana as feridas por dentro
groladas a dúas maos.

Carbia, no centro de todo,
Carbia, no medio do centro,
Carbia, das hortas vizosas
Carbia, dos meus pasatempos.

Carbia, de rapaza sempre,
tua historia nunha peza.
Carbia, da festa cumprida,
solfas da Banda de Merza.

Carbia, valados e chás,
Carbia, no centro do centro.
Carbia, dos xogos pequenos,
Carbia, dos meus pasatempos.

Auga da Fonte do Abello,
fervendo na pota está,
e as repoliñas de Carbia
serenadas na mañá.

Carbia, das chousas wolfranias,
puxas polo mineral,
cántos pesares nas noites:
candil, carburo e farol,
sachos no monte de toxos
e un burato elemental.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES