Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teatro de Don Olimpio

jueves, 23 de septiembre de 2021
Olimpio Arca Caldas. Edicións A Fervenza. Colección A Pinguela de teatro para ler e representar. Un pórtico da familia que é un agradecemento á publicación da obra de seu pai que consideraba o teatro "un complemento importante na auto estima do alumnado. [De aí] naceron as miñas peciñas. Ambientadas no entorno do neno, sen palabras groseiras e cunha intención educativa".

O Don, que acompaña ao autor no título vén sendo algo así como a mostra de respecto Teatro de Don Olimpioe cariño que nun tempo as xentes dedicaban aos mestres, conservalo ata o final é a representación dun tempo e unha relación que moitos de nós tivemos con persoeiros de referencia como don Antón Fraguas. Pois ben, o Teatro de don Olimpio é a recompilación das obras que el escribiu ao longo do tempo e, na maioría, se foron publicando en formato individual nesta mesma colección, pero que agora, nun acto de recoñecemento debido, se xuntan para mostrar un traballo feito ao longo da vida.

Di a familia, no pórtico do libro, que "O teatro era para el unha actividades querida, mimada e desexada, non só como mero espectador ou como creador de diálogos imaxinables e posibles, senón como instrumento máxico para utilizar na escola (...) pois grazas a el [o alumnado] desenrolaba a memoria, perdía o medo a falar en público, aumentaba o vocabulario, perfeccionaba a dicción, practicaba o diálogo, aprendía a importancia da escoita, do silencio, da alternancia respectuosa na fala..." logrando o cooperativismo coa participación de todos e cada un deles e achegándose a outros ámbitos, pois o teatro é unha das manifestacións máis completas ao admitir a construción de decorados, a elaboración e escolla do vestiario, a documentación para ambientar a obra, a música que a acompaña a modo de banda sonora... Ao tempo facilitaba os desprazamentos e coñecemento de diferentes lugares para as representacións. Polo tanto, estamos ante un mestre que escribe teatro e que o representa co seu alumnado e con algún outro grupo. Cita a familia que mestres como David Otero e Xosé Luna o proclaman precursor do teatro escolar galego, e que a Asociación Cultural Vagalumes crea unha mostra de teatro escolar na súa memoria.

David Otero escribe un prólogo que introduce cun poema dedicado ao autor, recoñece a súa labor como a dun bo mestre asentado no rural, o traballo a pé de obra integrado no contexto, coa lingua e a cultura de noso, educando máis alá da instrución, valorando a rapazada, espertando sensibilidades e actitudes, traballando aprendizaxe significativa, para rematar afirmando que o seu teatro seducía porque "nel ía o que el era e pensaba". Un teatro portador de verdades, crítica e ensinanza de vida, un escenario para a descuberta, unha fiestra fronte á alienación.

Cada obra aparece coa cuberta que o ilustrador lle realizou na primeira edición e así atopamos a de Ana Margarita Pérez Rodríguez para Os Reis do Panchiño, a de Manuel Fragoso para E o equilibrio impúxose, as de Paco Lareo en Pelexa no souto, O enfermo 4M e O indiano, a de Inés Sánchez para Hoxe naceu un neno, a do alumnado do cole Xesús Golmar para Soprar a tempo e a do Foxo para Parásitos na escola, a de Mario Touceda para Conversas coa nobre dama, a de Héitor Picallo para Mágoas de campesiños e señoritos e a de Ramiro Cimadevila para O Aparecido das Campaíñas.

Nos textos achamos relixiosidade popular, como en Os Reis do Panchiño (na que ao igual que nas historias tradicionais aparecen uns viaxeiros que precisan axuda e, ao darlla, ese ben é premiado) ou en Hoxe naceu o neno, na que os rapaces dunha aldea van, dunha forma inxenua e natural, visitar a María e Xosé para ver o neno. O humor adoza as diferentes pezas, como sucede nesta, na que a rapazada actúa con liberdade e Xosé non sae demasiado ben parado ou en O indiano, na que se xoga especialmente coas palabras e as situacións.

Hai obras de circunstancias, pensadas para un tempo e un espazo determinados, con referencias a autores da zona ou momentos específicos, grupos sociais ou asuntos varios como o medicamentazo, a entrada na CEE, a Xunta e o Parlamento como guiños con certa crítica aos políticos; hai outras que nos remiten ás cuestións eternas como as inxustizas sociais e a busca da xustiza aínda que sexa poética ou de milagre, a apoloxía da solidariedade e a natureza, a crítica á emigración e á sociedade de consumo. Atopamos nelas, tamén, a defensa das escolas unitarias (abandonadas a paxaros) fronte ás concentracións, as referencias aos tempos que deixaron as cunetas enchoupadas da sangue dos homes bos, á situación da lingua (a nobre dama que precisa protección), á problemática de árbores autóctonas e foráneas... porque si, o teatro é educación con todo o que arrastra, é divertimento pero tamén mensaxe.

El, que queda finalista con Os Reis do Panchiño, no 1º Certame O Facho de Teatro Infantil, no que ganou Casares con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas xa nos adianta a súa querenza polo popular e os valores que vai continuar mantendo. Así, imos atopar a ecoloxía en Os Reis do Panchiño, en E o equilibrio impúxose, en O enfermo 4M, pero sobre todo en Pelexa no Souto, na que o eucalipto e o castiñeiro se enfrontan no xulgado nun xuízo que pode remitirnos (por temática) a Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Son pezas optimistas nas que cando cae o pano quedamos tranquilas porque gana o castiñeiro na Pelexa no souto, porque nesa peza representada mediante mimo (E o equilibrio impúxose) cúmprese o título e remata coa protección da Terra, hai futuro!

A defensa da lingua faise protagonista en Conversas coa nobre dama, na que no día das Letras Galegas vai dialogando coa académica e a doutora, o crego, o estudante ou a carteira (que ese día ven cargada coas cartas que non leva en todo o ano). Unha obra que ten que censurar o papel da igrexa e dos políticos, a esixencia esaxerada na gramática e os cambios na normativa que fai sentir afastados aos máis próximos, pero tamén o diálogo da dama con quen a escribe e a fala. A min, persoalmente, é unha obra que me fai lembrar a de Avilés de Taramancos, Tres capitáns de tempos idos, sen que haxa a mínima relación entre os autores ou as pezas.

Mágoas de veciños e señoritos (Castelao no recordo) tráenos unha reescritura da peciña do rianxeiro nese pranto dos señoritos por unha cadela e duns labregos pola vaca...

Todo lle serve a Olimpio para escribir: as escavacións de Castrolandín levarano a O Aparecido das Campaíñas nunha peza que podemos aproveitar para a defensa da paz; da mesma maneira, a aparición de pulgas ou piollos nunha aula pode levalo a Parásitos na escola, para que entre risas e veras resolvamos o asunto.

En O indiano, móstranos aos políticos querendo aproveitarse dun "ganador", ao tempo que nos fan pensar as peticións que se lle fan... ata caer na necesidade de crear postos de traballo, pero, ao tempo, vemos o desfase dese emigrante retornado perdido nun tempo pasado no que busca o que xa non pode achar.

Nas súas obras, atopámonos coa intervención do público e o metateatro, o teatro dentro do teatro, a entrada e saída da realidade na obra, unha historia na que se van incorporando escenas teatrais... e que achegan unha frescura moi a ter en conta.

E hai un pouso que queda, porque non hai engano, como esas críticas aos mestres que non lles falan á rapazada na súa fala, esa desazón de ter que erguerse para defenderse dos caciques pero saber que eles sempre ganan e castigan... si, esas verdades que poden chegarnos ata na boca dun parvo.

Olimpio, pertence a ese grupo honorífico de mestres que en tempo de escuridade prendeu luces a través do teatro para falar das cousas que eran precisas. Estou pensando nel pero tamén en Xesús Santos director do grupo Airiños en Rianxo e, especialmente, en Xosé Agrelo, amigo que traballou o teatro dende todas as vertentes e para todos os públicos. Foron mestres que quixeron colocar a rapazada enriba do escenario e darlle a palabra, mestres bos que puxeron a escrita e o tempo ao servizo do seu alumnado. Por iso, son imprescindibles as Mostras de Teatro Escolar co nome de Olimpio Arca na Estrada e co de Pepe Agrelo en Muros.

Temos unha débeda con eles, a cidadanía e a escola, o teatro e o país porque nos deron moito máis do que estaba no programa. E debemos corresponder ao seu traballo e creatividade mantendo viva a súa memoria, porque é a dos xenerosos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES