Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel zoqueiro (32)

martes, 21 de septiembre de 2021
.../...

Aquel zoqueiro (32)
Casa do Rego, no seu segundo incendio.

De zoqueiro a bombeiro. Lémbrome con toda claridade como foi a despedida do Zoqueiro, concretamente un sábado, despois daqueles quince días entre as dúas casas. Pola noite xa non repenicou; nin repenicou nin contou trolas pois ocorreu, no preciso instante en que nos invitaba a viño o señor Senén, que entrou a berros, despois de martelar no canciño da porta coa furia dun poseso, o fillo do caseiro de Penelas:

-¡Veña, saíde, que hai lume na casa do Rego...! Veño de San Cibrao...

Se daquela tocasen a rebato na torre do convento, non houbésemos tido maior porfía en saír todos á eira, novos e vellos, Zoqueiro incluído, que ata me parece recordar que foi o primeiro en botarse fóra. ¡Que impresión e que sobresalto; que lección de solidariedade; nin que fósemos, todos, bombeiros voluntarios, como adoitan presentarse os portugueses cando hai perigo no seu lugar! Nun minuto quedou a cociña baleira; e as rocas e mailos fusos onde caeron, que ninguén se detivo a recoller outra cousa que non fose caldeiros, baldes, ámboas e xerras, que incluso o señor Senén envorcou no vertedoiro a xerra do viño por se nos era útil para lanzar auga.

Noutro minuto plantáronse os homes, Zoqueiro incluído, na palleira grande da Casa Grande, e colleron ferramentas axeitadas. Euloxio, que á parte de traveso tiña o corazón de ouro, chamoume para que lle axudase a levar, cada un polo seu lado, a escaleira grande de subi-la palla aos palleiros. E miña madriña, cunhas zocas novas ás que aínda non se afixera, corría tanto coma os outros.

Alguén dixo:

-Eu collo a besta e plántome en San Cibrao para que Afonso toque a rebato, e se xunte media parroquia...

Pero o Arxentino parouno:

-Non fagas tal, que máis vales ti, agora mesmo, connosco, que cincuenta retrasados...

A fogueira da casa do Rego era atroz, e menos mal que lles dera tempo a retira-lo gando, que xa estaba esparexido polos arredores da casa. ¡Grazas a Deus que o rego estaba cerca, e naquela época xa levaba bastante auga, que se chega a ser no verán...! Os carretos foron de competición, logrando salvar unha boa parte da casa. Á xente dela non lle pasara nada persoal, que xa era abonda desgraza o demais. Ninguén preguntou pola causa do lume, que aquilo era o de menos; o importante era carrexar auga, subila por aquela escada dos palleiros, e tirala por onde máis laparío se formara. O problema tamén era o fume, metade fume e metade vapor de auga, vaporizada coa calor das madeiras que estaban ardendo.

Cando estivo vencida a fogueira principal, e nos serenamos, todos, un pouquiño, decateime de que debaixo da figueira estaba chorando a velliña da casa, e miña madriña con ela, pero non a daba acalentado. O home da casa, como primeira reacción ao ve-lo lume na leña de xunto da lareira, subira ao sobrado e retirara á súa nai nun brazado, deixándoa fóra, lonxe, xunto daquela figueira, segundo soubemos máis tarde. Os nenos, e iso que eran máis cativos cá min, tamén se deron as súas carreiras para subir auga, nos ataños máis lixeiros.

Vencido o lume, os veciños de máis cerca ofreceron as súas cortes para recoller as pitas, os coellos, as ovellas e mailas vacas, así que, tan pronto se efectuou esa recollida, en particular a das reses grandes, que pitas e coellos perdéronse algúns, os homes reuníronse na palleira da herba, e alí mesmo se distribuíron en Comisións para recorre-las aldeas próximas en petición de socorros para a familia damnificada. O propio Zoqueiro ofreceuse para recadar dádivas en Caraño, na súa Parroquia.

Nunca cheguei a saber se a recadación de donativos foi suficiente para cubri-los danos, pois daquela, ¿seguro de casas?, ¡nin sequera nas vilas, para canto máis nas aldeas! O que si souben, e práceme deixar constancia diso, foi que o Médico Santiso, de Castroverde, ao falarlle meu pai do caso, quitouse o seu abrigo, un loden color canela, ¡que non o tiña calquera!, e díxolles aos postulantes: -"¡De parte miña, levádelle este abrigo a ese señor; e se máis precisan, máis terán, que xa o falarei con miñas irmás!".

Co tal abrigo andou aquel veciño, David, anos e anos; pola miña parte, cada vez que llo vía posto para min era unha lección de xenerosidade, que incluso teño rezado polo Médico Santiso, agradecéndolle aquela lección para min tan formativa. Morreu moi novo, o Médico quero dicir, cousa natural por outra parte pois un home que tanto amaba ao próximo xa tiña merecido o Ceo, polo menos desde aquel día!
-.-

Breve análise sociolóxico do noso rural
na década da posguerra.


A moda actual, nunca obsesiva, senón necesaria, de revisar e incardinar os acontecementos da nosa Guerra, da In-civil, que non Civil, era unha cuestión necesaria porque a "restauración" democrática fíxose, atinada e prudentemente, sen estridencias nin desquites, cousa que estivo ben, do mellor, pero a HISTORIA DOS POBOS, coma a poda das árbores, por mastic que se lles bote sempre deixará nós e podremias na madeira resultante. Quero dicir con isto que, obsesionados actualmente coa lembranza do feito central, frontes de batalla, fusilados das cunetas, resistencia armada, etcétera., estamos marxinando o estudo das súas causas e das súas consecuencias no aspecto social, xeral.

As causas van quedar practicamente inéditas porque aqueles que estaban capacitados para analizalas obxectivamente non tiveron ocasión de afondar no seu estudo, nin no seu estudo ni na súa divulgación; uns, porque estaban no exilio, e o seu xusto desespero, así como a imperiosa necesidade de ganarse o pan de cada día, que tal foi o caso do noso Manuel Cordero (Cordeiro) Pérez, que tivo que malvivir do que ía ganando a súa muller en Bos Aires, como costureira, impediulles dedicar tempo e diñeiro para elaborar unhas publicacións amplas, meticulosas, que, en definitiva, non ían ter circulación nin case publicidade; e outros, os que sobreviviron nesta pel de touro e nas illas ou posesións adxacentes, como daquela se dicía, con corenta anos de silencio forzado acabaron someténdose ao SIES (Síndrome de Estocolmo). ¡En definitiva, para que escribir, á parte do risco persoal, se incluso se chegaron a queimar libros simplemente pola cor das súas tapas, como lle pasou á madrasta de Bonifacio Sarille co seu devocionario do Sagrado Corazón, que nin a Santa Inquisición fixo outro tanto!

O problema principal, subxectivo, deste salto que se está producindo daquel, xa remoto, pretérito, co presente das xeracións actuais é unha simple, pero inevitable, irrecuperable, cuestión de carencias testemuñais: Os avós, ou atascados no seu particular SIES, ou complicados por actuacións persoais ou familiares inconfesables, abondo facían, e fixeron, con acalar as súas conciencias, tratando de recuperar ante os seus coetáneos a credibilidade e maila honorabilidade perdidas; secuencialmente viñeron os fillos, mudos de nacemento, a feito: uns, porque non tiveron, ou non tivemos, referencias, informacións, directas, explícitas, entre a censura franquista e maila autocensura paternal, aforcados polo medo, ¡polo medo, non, polo terror!, xa que suicidio era falar de ideas, expresar reflexións, transmitir conceptos democráticos; e outros porque, ¡meus pobres!, ou non tiveron un mínimo de preparación cultural para entende-las raiceiras das árbores, ou lles ía ben co seu status de baixa competencia persoal e profesional, ou..., ¡ou precisaban das súas, escasas, enerxías para fuxir da pobreza, particularmente os minorazos, condenados, tradicionalmente, a emigrar, primeiro América, e despois alén dos Perineos! Abondo fixeron estes últimos, que levantaron Galicia con aquelas "remesas" de emigrantes, as mesmas que o IEME publicitaba como entrada de divisas por, ¡"turismo"!

En definitiva, para non facer tedioso este tema, que chegamos ao século XXI catro superviventes daquela crise cultural da posguerra, e para iso rodeados duns netos que se criaron a base de tebeos, con relatos de ficción, así que as realidades sociolóxicas das súas orixes resúltanlles menos cribles cás consecuencias dunha, imaxinativa, Guerra das Galaxias. Crean, ou non, os relatos de seus avós, algo haberá que deixarlles por escrito xa que, cando á xeración seguinte lle entre a inquietude por coñece-las cousas polas súas causas, ¡poucas fontes van atopar para mata-la súa sede de saber histórico!

Os ricos. Foi precisamente en Lugo onde ao galego Franco, ¿ou sería máis exacto chamarlle franco-galego?, que non o teño claro, se lle escapou a única verdade da súa acomplexada vida: Que a nosa Guerra, ¡a súa!, foi a única, -ao longo da Historia-, da que os ricos saíran máis ricos! ¡Deus que verdade; como se lle escaparía? Pero non quero irme ao lonxe, que dito queda que as causas das cousas quedaron sen analizar, sendo unha delas aquel terror, ¡si, terror!, que colleron os ricos ao constatar que o proletariado comezaba a poñerse de pé, ¡despois de vivir tantos séculos de xeonllos! Hai un libro de Comín Colomer, "Historia Secreta de la Segunda República", que llo merquei de milagre a Fusalba, naquel portaliño da rúa da Raíña Isabel II, de Lugo, e digo de milagre porque non o era menos que estivese á venda entre os de segunda man, ¡naqueles tempos! Moito me abriu os ollos, pero tiven a inocencia de prestarllo a un falanxista, fillo de falanxista, que o fixo desaparecer alegando que se lle esquecera no monte, nunha merenda de campo... Aquela si que foi perda, pero deixo constancia do mesmo por se alguén atopa..., ¡outro, outro exemplar! Mais o tema ía do noso pretérito imperfecto...; séxase, do máis recente.

Mentres os mozos estiveron na guerra, que non durou tres anos como din os libros de Historia esquecéndose de sumar o paulatino, e tardío, licenciamento das quintas chamadas "a filas", os ricos viviron das rendas atrasadas, e a partires diso volveron a ter man de obra gratis, ou case, porque un ferrado de centeo, unha cesta de patacas ou de verzas, o feito de non cobrar os "servizos" do boi (do touro), etcétera, chegáronlles para a súa recuperación dominical, que no seu caso tamén foi domingueira pois os curas rurais, algún deles ex-capelán do Exército, estreando parroquia, prodigando beizóns, ben que lles axudaron a recuperar o seu creto. Foi a época dos caseiros...; ou por mellor dicir, a dos amos, que, ou se foron para a capital, ou vivían na "obra nova" das súas vetustas casarías atilándose o bigote, aqueles bigotes hitlerianos, ¡á costa do caseiro! Con oito ou dez vacas, amén doutras rendas, xuros, e catro carballos, que se pagaron a prezo de ouro para restaura-las vías férreas, o señorito de tal Casa xa se puido permitir a recuperación daquel desasosego que padecera coa emigración e co levantamento do campesiñado de terceira, ¡do campesiñado sen cea!

Os que tiñan máis audacia, ou gozaban de máis tolerancia das Autoridades, por adición e/ou participación nas súas, comúns, aventuras ideolóxicas, eses acudiron ao estraperlo, excelente actividade pois, ademais do enriquecemento, tiña a virtude de captar amizades utilísimas nos máis diversos aspectos da vida social. O paso seguinte foi a promoción de vivendas, pero aquí deuse o paradoxo de que aqueles chamizos iniciais non os levantaron os estraperlistas, para entón de Alcaldes, ou de altos funcionarios de Abastos, cos fillos estudados e ben recomendados, senón aqueles canteiros que adquiriran algo de práctica nas estadas de Venezuela, maiormente. Estes últimos conxuntaban a audacia da xente ultramariñá, temeridade máis ben, coa seguridade que lles proporcionaba a covardía e maila obediencia daqueles covardes que preferiran quedarse no país cun xornal miserento, traballando para quen sabía menos cá eles, antes que lanzarse ás aventuras do bolívar. Os caraqueños, os promotores, non foran ás universidades laborais, pero os seus albaneis, carpinteiros, fontaneiros, electricistas..., si!

Quedándonos no rural, ¡que ben sabían os franquistas que aquela "castra e doma" de Galicia, apresa da imperialista Isabel, só podería lograrse castrando e domando aos Mestres Nacionais!, a nosa gran miseria, a nosa gran ruína, peor có estraperlo, foi dupla: Anular, ou non chegar a abrir, aquela pléiade de escolas que creara a República, e tamén o fusilamento e maila depuración de centos de mestres titulados! Isto trouxo consigo o rebrote das "escolas" invernais, ou "de ferrado", se ben en pesetas, que tamén tiveron o seu de privilexio que non tódalas familias tiñan posibles para soster un mestre de minúsculas pois aquel pan seu, de cada día, ademais de comelo duro e balorento, ¡para que durase máis!, era insuficiente para os da casa. ¿Para os da casa? ¡Ah, ese foi outro dos problemas! As casas pobres e frías eran as que máis se permitían o luxo de encurralarse naquelas trapeiras de liño con lá, tan propicias para a multiplicación familiar.

Aquel baleiro de mestres, cos homes buscando oficios de ingresos adolescentes, de primeira barba, polo imperio da necesidade familiar, e logo as dificultades de casar algo ben ás rapazas, pois os morgados de casa rica escaseaban, induzo aos pais de familia a manda-las fillas para a Normal de Lugo, ¡que sempre terían máis futuro que telas aprendendo a coser, de balde! Isto trouxo consigo un florecemento do Maxisterio feminino ata entón practicamente descoñecido, pero... ¡O pero estivo en que as mestras de casa rica e/ou influente, atoparon choios comodísimos e rendibles nas Oficinas do Estado, así que, cada escola, das poucas que sobreviviron, tiña dúas mestras: a titular, que cobraba ás dúas mans; e a substituta, que ata os paisanos lles chamaban de mal nome, por iso de que se vendían por dúas cadelas..., en tanto en canto non conseguían a Oposición, na que tamén había oposición, con minúsculas, pois aprobaban con notable preferencia as fillas de papá, ¡como se as outras, as que tiveran prácticas efectivas nos máis recónditos lugares, co alumnado máis difícil e bravío, fosen fillas bravas, quere dicirse, sen pai!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES